O PSOE de Nigrán ingresou este xoves por rexistro municipal un documento onde fai saber ao goberno popular as súas condicións cara a un futuro apoio á aprobación do PXOM, actualmente en trámite. Nese senso reclama a eliminación da "autovía urbana" que unirá A Xunqueira, con Porto de Molle, Saiáns e finalizará en A Balsa en Vigo. Tamén solicitan a presentación do documento tanto aos grupos municipais como aos colectivos do Consello Sectorial, antes de que sexa levado ao pleno de aprobación inicial.
Por último, os socialistas reclaman unha rectificación pública por parte da alcaldía presidida por Alberto Valverde e do seu partido (PP), polas acusacións de ocultar o documento "con fins electorais" en maio de 2011, daquela tramitado pola administración socialista de Efrén Juanes.
Feridas da campaña electoral.
A agrupación socialista entende que o contido dunha nota de prensa emitida polos populares tres días antes das eleccións de maio de 2011, onde se acusaba "falsamente da ocultación do documento cunha clara intención electoral" -segundo o documento- crebou o acordo onde populares e socialistas comprometíanse a traballar xuntos na redacción do PXOM e afastalo do debate político. Por iso seguen insistindo e esixindo unha rectificación pública por parte dos populares como unha das condición para volver a traballar "nas reunións co goberno de Nigrán en relación ao PXOM".
Compromiso escrito por parte do PP de actuar nun clima aberto e de consenso.
No seu reclamo aos populares, os socialistas esixen un marco de "transparencia, participación, coherencia e lealdade", por parte do actual goberno local. Nese senso, piden un compromiso por escrito por parte do goberno municipal e do alcalde de Nigrán "de que o Documento para a Aprobación Inicial, unha vez aportados todos os informes das diferentes administracións, non se levará ao Pleno ata que sexa validado polos grupos municipais, polo Consello Sectorial e sexa aberto e consensuado coa sociedade de Nigrán tal como viña facendo o goberno do Partido Socialista".
Eliminación do vial de alta capacidade Vigo- Balsa-Saiáns - Porto de Molle - A Xunqueira.
Por último, e tamén como condición para a volta ao traballo conxunto, os socialistas esixen a eliminación do documento que obra en man da Xunta, do trazado do viario proxectado que iría dende A Balsa - Saians (Vigo), pasando por Porto do Molle ata A Xunqueira. Un vial polémico recollido no antigo Plan Vigo Íntegra e que agora volve a recoller o futuro Plan Move da Xunta de Galicia. O trazado de esta autovía de catro carrís supuña a vertebración de Nigrán de norte a sur e a súa finalidade sería a de ofrecer servizo de acceso gratuíto aos desplazamentos do novo Parque Empresarial e vitando o uso da autoestrada.
Os socialistas basean a súa condición na resolución adoptada durante a fase de redacción do documento de avance por parte do Consello Sectorial de Nigrán. O Consello Sectorial solicitou a liminación de calquera trazado viario e deste en concreto, ata que non se fixase a súa utilidade a través dun estudio de mobilidade que xustificara ditas actuacións. Ditas conclusións foron ratificadas nun pleno extraordinario onde o goberno socialista e o PP de Nigrán con Alberto Valverde como lide da oposición, votaron favorablemente.