Sábado, 5 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Esquerda Unida revela ducias de informes desfavorables da Xunta e outras administracións ao PXOM de #Nigrán.

Esquerda Unida revela ducias de informes desfavorables da Xunta e outras administracións ao PXOM de #Nigrán.

Correo-e Imprimir PDF
mapa-clasificacion-pxom-nig

- Publican en Internet todos os informes aos que tivo acceso.

- EU pide a rescisión do contrato para a elaboración do PXOM de Nigrán

Segundo os informes aos que tivo acceso Esquerda Unida de Nigrán a Xunta de Galicia, e mais en concreto a Axencia Galega de Infraestruturas informou desfavorablemente o PXOM de Nigrán. O organismo esixe correxir as deficiencias detectadas e remitir novamente o PXOM á dita axencia para a realización dun novo informe, que tal como indica a lei é preceptivo, para a aprobación do PXOM. Aseguran que estes informes levan no concello de Nigrán desde xaneiro de 2014.

A Axencia Galega cuestiona a calidade técnica do documento

En concreto o informe da Axencia Galega de Infraestruturas destaca que como conclusión debe mellorarse a calidade técnica do documento, debéndose actualizarse toda a cartografía base, xa que respecto a documentos anteriores prodúcese un importante deterioro na información subministrada, con deficiencias importantes na cartografía. Deficiencias na cartografía que dificultan a revisión dos criterios de consolidación e fixación de aliñacións e liñas limite de edificación en moitos ámbitos do PXOM, sobre todo nos planos de ordenación dos núcleos rurais.

Reitera que o solo rústico de protección de infraestruturas da AG-57 e a AG-57-N non será inferior a liña de edificación que era de 30 metros desde a aresta exterior da explanación, que coa nova lei que hai que aplicar pasa a 50 metros. Especificamente indica que a delimitación dos núcleos rurais non poderá abarcar zonas vacantes de edificación no ámbito da liña de edificación correspondente, sinalando o caso do núcleo rural común de Vilariño de Arriba, onde o actual tenente de alcalde ten unha vivenda e que no PXOM aprobado inicialmente se expandía dentro do solo rústico de protección de infraestruturas.

Informe de sustentabilidade ambiental

Tamén o informe relativo á sustentabilidade ambiental emitido pola Xunta de Galicia sinala que ten que adecuarse ao Documento de Referencia relativo ao PXOM emitido, así como completarse, concretando que se debe xustificar a delimitación dos solos urbano e de solo de núcleo rural común, así como as bolsas de solo urbanizable que contribúen a formar un continuo urbanizado, como son o SUD-1 Bouzavella, SUD-8 Manzanares, SUD-9 O Carregal II e SUND-1 Angustias, sinalando que todos estes están no bordo da trama urbana e nalgúns casos con edificacións no seu interior. Tamén debe xustificarse a proposta de executar unha nova estrada para comunicar o Porto do Molle, por invadir o espazo dun corredor ecolóxico proposto polo Plan de Ordenación do Litoral.

Tal como nunha das alegacións que presentou Esquerda Unida se indicaba deben identificarse o conxunto de cursos de auga que conforman a rede hidrográfica do termo municipal, delimitando para todos eles un area de protección.

Protección da costa

No informe emitido pola dirección xeral de sustentabilidade da costa e mar sinalase que na normativa das zonas sobre as que recae a servidume de protección deberán recollerse de forma explícita diversas limitacións da lei de costas entre as que se destaca que a servidume de protección debe axustarse ao disposto aos artigos 24 e 25 da lei de costas, para todo tipo de solo, independentemente da súa clasificación e cualificación urbanística.

O artigo 23 da lei de costas indica que a servidume de protección recaerá sobre unha zona de 100 metros medida terra adentro desde o límite interior da ribeira do mar, indicando o artigo 25 que na zona de servidume de protección estarán prohibidas as edificacións destinadas a residencia ou habitación.

Os informes cuestionan o crecemento previsto no PXOM

Da análise dos informes realizados por Esquerda Unida desprendese que estes cuestiona o crecemento previsto tanto respecto ao estudo demográfico e no desenvolvemento de solos urbanizables.

Respecto ao estudo demográfico, ademais de sinalar que os datos para realizar dito estudo non están actualizados, xa que o ISA está asinado en 2013 e os datos empregados son do ano 2010, intervalo de tempo no que se produciu un descenso da poboación municipal, o informe detecta variacións ou contradicións nas cifras de crecemento aportadas.

Indicase que diversos solos que se clasificaban como urbanizables, deben ser clasificados como solo rústico de protección especial, así como cuestionar formula de cálculo da edificabilidade media de todos os SUD que están a menos de 500 metros da costa.

Vigo esixe determinar o subministro da ETAP de Condomínguez

Tamén o Concello de Vigo sinala que o PXOM de Nigrán debe determinar a procedencia bruta que subministra a ETAP de Condomínguez, as necesidades de caudal debido ao crecemento de poboación e a orixe do mesmo.

Esquerda Unida pide a rescisión do contrato para a redacción do PXOM de Nigrán

Segundo José Cuevas, voceiro de Esquerda Unida en Nigrán, o PXOM de Nigrán “é un tema serio e moi importante”, xa que vai a condicionar o futuro do concello. “Se hai erros en algo tan básico como a cartografía que se pode esperar de outras cuestións importantes de proxecto urbano serio de futuro, como debería ser o Plan Xera”l.

É por elo polo que considera que este plan tal como está redactado non debería ter sido levado a súa aprobación inicial, “confirmando estes informes varias das alegacións presentadas por Esquerda Unida no seu día, e polo que solicita ao concello de Nigrán a rescisión do contrato para a redacción do PXOM”.