O alcalde Alberto Valverde decide a última hora non levar a cesión do contrato do PXOM ao pleno ordinario deste xoves. Iso a pesar de convocar un pleno extraordinario 15 días atrás por considerar urxente a cesión da redacción do PXOM á empresa Eptisa
. Non se descarta que a moción sexa tratada pola vía de urxencia.
O informe de intervención considera que o concello pagou indebidamete á anterior empresa redactora - a UTE Tinsa-Arnáiz - cantidades improcedentes por traballos non realizados ou que fican incompletos.
Valverde pretendía aprobar a cesión do contrato sin aportar os informes xurídico e económico argumentando que non eran necesarios.
O Interventor municipal advirte que de producirse nas condicións negociadas pola alcaldía coa empresa redactora “podería producir quebrantos economicamente avaliables e legalmente improcedentes á facenda do Concello de Nigrán”. Engade que no contrato de cesión que pretende realizar o alcalde Alberto Valverde (PP) coa empresa EPTISA “evidénciase un intento de renegociación de elementos esenciais do contrato (prestacións a realizar e prezo do contrato”.
O informe tamén sinala que se ten pagado á actual titular da redacción do PXOM (UTE Araniz-Tinsa) cantidades improcedentes por traballos que non están realizados ou fican incompletos, trala aprobación inicial do PXOM. No devandito informe, o Interventor ve como “alternativa plausible” a de “non autorizar” a cesión do contrato, en tanto a empresa adxudicataria non acepte incondicionalmente continuar coa súa execución nos termos do contrato anterior, e correxindo todas as eivas e tarefas pendentes deixadas por Tinsa - Arnaiz.
** Por riba, Eptisa Servizos de Ingeniería S.L atópase en situación de concurso voluntario. O Interventor afirma que “Non consta documentalmente acreditada a conformidade incondicional coa cesión do contrato do administrador concursal de Eptisa”. Advirte ao pleno que a cesión do contrato afecta á masa concursal da empresa. Polo que a acreditación do administrador concursal debe ser previa á resolución do pleno, por “seguridade xurídica”.**
O informe, asinado con data deste mércores 29 de outubro, coincide coa non inclusión do debate da cesión contractual na orde do día do pleno ordinario que celebrará Nigrán este xoves. Sesión que terá lugar 15 días despois da celebración dun pleno extraordinario e urxente que convocara o alcalde para resolver este tema e no que ante a falla de informes técnicos, a maioría dos corporativos decidiu deixar enriba da mesa.
O punto non pasou desapercibido pola oposición.
“Todo isto vén confirmar as dúbidas e sospeitas que tiña UCN” sinala o edil Fernández Comesaña. Lembra que Valverde convocou un pleno extraordinario sen informes técnicos que avalasen a sesión, “e agora que os ten” o punto “non está incluído na orden do día do pleno”. “Onde queda agora a urxencia de Alberto Valvede?”. Denuncia que o PP quería forzar un acordo ilegal. “Que intereses escuros pretende esconder detrás dunha cesión de dubidosa legalidade?”
Dende o BNG formúlanse similares críticas e dúbidas. “Tanta urxencia e agora non vai nin ao pleno ordinario”, ironizaba o edil nacionalista Xavier Rodríguez. Reiterou que o BNG está “en contra dunha cesión dun contrato que , no mesmo momento de producirse, xa sabemos que vai ter que ser modificado en máis dun 70% do prezo inicial.
O máis estrano é que o mesmo mércores, Alberto Valverde - nunha polémica con cruce de comunicados do seu gabinete de prensa sobre a problemática urbanística de Chandebrito - convidaba ao portavoz socialista Juan González “por responsabilidade política e dignidade moral deberían ter avalado a cesión do PXOM”. Cesión que finalmente, o propio alcalde xa tiña decidido non levar a votación no pleno deste xoves.
VER/ DESCARGAR INFORMES
** Un informe posterior emitido polo mesmo departamento de intervención rectifica este reparo por "erro involuntario"; a empresa á que se refería o informe sobre o procedemento concursal non sería Eptisa se non a UTE adxudicataria do contrado de redacción do PXOM de Nigrán "Arnáiz Consultores S.L."