A aprobación da cesión do contrato da redacción do PXOM de Nigrán, da UTE Tinsa-Arnaiz á empresa Eptisa queda novamente aprazada.
As obxeccións dos informes dos técnicos municipais aos termos nos que se negociaba a contrato da mesma deron por terra á intención do PP de presentar a súa aprobación por vía de urxencia no pleno da pasada noite.
No seu lugar, o rexedor Alberto Valverde remitiu unha carta a Eptisa na que lle indica a necesidade de que declare "inequívocamente" que se comprometen a continuar o traballo nos estritos termos da adxudicación anterior, segundo informou o representante do grupo socialista, Juan González.
Condición que non se cumpría na proposta orixinal da alcaldía levada ao anterior pleno extraordinario, pois "evidénciase un intento de re-negociación de elementos esenciais do contrato (prestacións a realizar e prezo do contrato)", segundo o departamento de Intervención, como adiantara VM.info horas antes da realización do pleno.
A cesión do contrato non figuraba na orde do día do pleno de onte, a pesar da urxencia da súa aprobación sustentada polo goberno popular, que convocou a un pleno extraordinario hai 15 días co fin de aprobala, aínda que non contaba cos citados informes dos técnicos municipais solicitados pola oposición na comisión anterior. Nese fallido pleno a maioría votou a favor de pospoñer a aprobación do contrato á espera dos devanditos informes.
Segundo varios concelleiros da oposición consultados, trala finalización do pleno de onte, a alcaldía deixou a cesión contractual fóra do debate ante as claras advertencias por parte dos informes dos servizos xurídicos e económicos do Concello das posibles ilegalidades e prexuízos en caso de aprobala tal e como estaba redactada.