Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O CDL de Nigrán cuestiona que o PXOM poda ser aprobado no que resta do presente mandato municipal.

O CDL de Nigrán cuestiona que o PXOM poda ser aprobado no que resta do presente mandato municipal.

Correo-e Imprimir PDF
Monteferro

O portavoz da formación Unión Centrista de Nigrán-Centro Democrático Liberal, Antonio Fernández Comesaña, mostrouse moi escéptico de que o PXOM poida ser aprobado no que resta do mandato, dado que os cambios introducidos "son moi relevantes e modifican substancialmente o documento, cambiando o modelo de crecemento exposto no PXOM que foi informado pola Xunta", sinalou.

 

En concreto, o concelleiro sinala a transformación de chans urbanizables con tipoloxía de vivenda unifamiliar illada, en multifamiliar ou vivendas colectivas. Así como o feito de que a nova redacción transforma chan de protección rústico-forestal en urbanizable industrial, dentro do corredor ecolóxico que establece o POL e sen contemplar novos viarios de acceso.

Agrega que no documento non se expón ningunha proposta de ordenación do sistema viario de dominio público, "con quebras e aliñacións incomprensibles etc".

Para Fernández Comesaña, o texto presentado polo alcalde Alberto Valverde non dá resposta detallada ás múltiples obxeccións expostas pola Xunta "no seu amplo e demoledor informe, nin tampouco se xustifica debidamente polo equipo redactor as motivacións técnicas en que se basean, así como tampouco se resolveron as cuestións expostas nos informes sectoriais desfavorables, talles como Augas de Galicia, Infraestruturas, Costas, etc".

Polo que entende trátase dun novo documento do PXOM, que debería ser novamente informado pola Xunta, antes da súa aprobación inicial polo Pleno", co xeito de evitar "abocar o documento a unha grave inseguridade xurídica, que aínda por riba o Alcalde meteu nunha ruela sen saída, ao abrir un prazo ilegal para presentación de suxestións, só a colectivos sociais, discriminando ao resto dos veciños de Nigrán".

Na súa avaliación do documento, o líder de UCN sinala que non comparte diversos aspectos do Plan, talles como a "deficiente delimitación dos núcleos rurais tradicionais", que sinala son edificables en parcelas de 400m2, pasando a parcelas mínimas de 600/800 m2; un "macro-parque público en chan rústico de máis de 110.000m2 en Rabadeira-Panxón (de imposible execución), cuxos terreos serán expropiados aos propietarios a prezos irrisorios; tampouco vemos razoable o trazado do viario con Porto-Molle e Priegue-Chandebrito, que non ten continuidade con Vigo e discorre por chan forestal protexido".

"Non compartimos a ampliación a 14 mts.de rúa Gobernador, cargando todo sobre un lateral que condena á derriba de todas as vivendas existentes. Nin o PERI-20 (A Ramallosa), pasando de vivenda unifamiliar illada, a vivenda colectiva e edificabilidade de 0,55 en b 2 plantas, cando está edificado máis do 90% do chan, curiosamente sen cargas adicionais externas. Nin urbanizables en leiras singulares. Nin determinados PERIS etc. Cuestionamos a utilización dunha cartografía antiga e sen actualizar, que non recolle a realidade do municipio", sinala o informe.

UCN finalmente, advirte que os 170 millóns de euros que recolle o plan de viabilidade económica para o seu desenvolvemento, atribúe un 76% do financiamento ao Estado e Xunta (130 millóns euros) e o 24% restante ao concello (40 millóns), sen que estea avalado por ningún compromiso firme de ambas as administracións. "Non contempla financiamento da Deputación, nin tampouco axentes do sector privado, nin contribucións especiais. Centra o maior esforzo investidor no 1º cuadrienio 2012-2015, sendo unha previsión moi optimista ao computar o 2012, polo que cuestionamos a súa viabilidade económica e a capacidade do concello para afrontalo", sinala.

"Culpamos ao PP e PSOE do previsible fracaso do PXOM, pola súa utilización política, partidista e irresponsable, sendo os únicos prexudicados os veciños de Nigrán", rematou o concelleiro na súa alegación do documento.