Luns, 25 Sep. 2017

Actualizado10:28:06 AM GMT

Estás en Nigrán ANOVA súmase á oposición ao PXOM de Nigrán e suscribe o apoio á convocatoria veciñal

ANOVA súmase á oposición ao PXOM de Nigrán e suscribe o apoio á convocatoria veciñal

Correo-e Imprimir PDF
mapa-solo-pxom-nigran

A asemblea local de Anova de Nigrán asume a convocatoria veciñal á concentración de protesta prevista para o Xoves, 13 de xuño, ás 20,30 horas, na praza do Concello de Nigrán para expresar o desacordo ante a intención do goberno local de ir á aprobación inicial do PXOM no pleno municipal previsto para este venres.

O seu portavoz, Xosé M. García Crego, manifestou que "Estamos de novo nunha situación xa habitual neste Concello: sumidos nas dúbidas e nas sospeitas ante un documento elaborado ás costas da veciñanza. En 2006 o pobo de Nigrán impediu que fose adiante unha planificación urbanística que favorecía descaradamente intereses moi particulares e non os da maioría. Agora estamos nunha situación semellante."

.

 

ANOVA defende o traballo do Consello Sectorial, sinala que cando se retomou en 2007 a redacción do novo plan o concello promoveu a constitución dun Consello no que se integraron máis de trinta asociacións e colectivos veciñais de moi distinta índole. "Este Consello Sectorial traballou exemplarmente debatendo e acordando alternativas de planificación favorabeis ao desenvolvemento do Concello nun sentido democrático, en función do sentir xeral e do respecto pola vida, polo patrimonio histórico e natural."  Culpan o goberno do Alberto Valverde de truncar a labor do consello  pese a  "que o Alcalde e o PP  asumiron en pleno as conclusións deste Consello Sectorial".

Os nacionalistas sinalan que o goberno municipal "pasaron a aplicar unha política diametralmente oposta, onde oscurantismo e tácticas de despiste foron método habitual até o último episodio en que introducen o documento do Plan Xeral na orde do día dun pleno extraordinario anunciado cos prazos mínimos, con intención de impedir o debate real nas parroquias."

Entre os puntos polos que se opoñen ao documento sinalan: "Un vial de alta capacidade que vai dividir Nigrán en dúas metades e que vai levar por diante vivendas hoxe ocupadas por familias nigranesas. Unha delimitación do solo que favorece aos poderosos, á xente de cartos, a familias próximas ao Partido Popular. A creación dunha nova taxa municipal para financiar a aplicación dun PXOM contrario aos intereses da poboación, que contempla a configuración de polígonos de moi difícil realización urbanística pero que van afectar e paralizar durante anos terreos propiedade de xentes do común. En Monteferro, unha das xoias naturais do Concello, aínda falando dun Plan de Protección o que se introduce na práctica é a posibilidade de actuar de xeito agresivo nese lugar comunal. Lonxe de actuar en defensa dos intereses dos mariñeiros de Panxón, o Plan contempla a creación dun porto deportivo, intimidación permanente dos gobernos do Partido Popular e das varias dereitas que neste Concello son."

Por todo isto, "e na perspectiva dunha planificación urbanística favorable para todas e para todos as persoas que integramos ANOVA –Nigrán participaremos das iniciativas que os colectivos veciñais consideren necesarias para reclamar do Pleno Municipal a Non Aprobación Inicial do documento e reclamando que se abra un período amplo de reflexión e de debate."