A chegada da temida vespa asiática (Vespa velutina) está a poñer en risco poboacións da vespa autóctona ( Vespa crabro) coa destrución dos seus niños. Unha situación á que se chega pola confusión de ambas as dúas especies.
A presenza da vespa galega é un mecanismo de control natural da invasora asiática, coa que compite, segundo apunta a organización ecoloxista Adega. "A loita contra a rápida extensión da vespa asiática en Galiza, que xa está presente en moitos concellos costeiros de Lugo, A Coruña e Pontevedra e avanza cara o interior, estase a cobrar unha vítima colateral. Trátase da vespa galega, moitos de cuxos niños están a ser destruídos confundidos cos da velutina, malia a existiren claras diferenzas", apunta.