Domingo, 26 Mar. 2017

Actualizado05:00:34 PM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Ciencia Temor a que desapareza a vespa galega ao confundirse coa vespa asiática

Temor a que desapareza a vespa galega ao confundirse coa vespa asiática

Correo-e Imprimir PDF
vespaautotonaeinvasora

A chegada da temida vespa asiática (Vespa velutina) está a poñer en risco poboacións da vespa autóctona ( Vespa crabro) coa destrución dos seus niños. Unha situación á que se chega pola confusión de ambas as dúas especies.

 A presenza da vespa galega é un mecanismo de control natural da invasora asiática, coa que compite, segundo apunta a organización ecoloxista Adega. "A loita contra a rápida extensión da vespa asiática en Galiza, que xa está presente en moitos concellos costeiros de Lugo, A Coruña e Pontevedra e avanza cara o interior, estase a cobrar unha vítima colateral. Trátase da vespa galega, moitos de cuxos niños están a ser destruídos confundidos cos da velutina, malia a existiren claras diferenzas", apunta.

 Dende as asociacións apícolas, concellos e administración xa se ten editado diverso material informativo (folleto Xunta; folleto AAG) para distinguir e actuar en caso de atopármonos fronte a un niño de vespas. "Malia aos retrasos e eivas denunciadas na xestión do problema (retrasos na retirada de niños, escaso persoal técnico e medidas de contención), é importante respectar os protocolos de actuación coa velutina para non prexudicar á nosa biodiversidade autóctona", lembra Adega.

 Por iso, esta organización reclama das administracións máis medios materiais e persoal para loitar contra a invasión da vespa asiática, como esixiu o sector apícola. "Non queremos que a nosa vespa autóctona, e por extensión as abellas e outros insectos polinizadores, sufran aínda máis danos que os que xa está a producir a velutina", alerta.

Do xornal colaborador Galicia Confidencial (AMEGA)