Martes, 26 Sep. 2017

Actualizado05:20:45 AM GMT

Estás en Opinion

Opinion

Hei de ir ó señor San Cosme

Correo-e Imprimir PDF

San Cosme

Hei de ir ó señor San Cosme,
pola beiriña do mar,
heille de ir pedir ó Santo
herbiñas de namorar.

(Tradicional)

Na ladeira oeste da Serra da Groba, parroquia de Santa Mariña de Baíña, enmárcase a aldea de San Cosme, presente nalgunhas fontes documentais como San Colmado ou mesmo San Cosmete. Neste lugar estratéxico localizado xeograficamente entre o río das Cabras e o río do Vilariño ou do Pontillón emprazouse ata o século XVIII  ''la capilla del Glorioso San Cosme'' onde xa en 1347, debido aos seus importantes ingresos froito das esmolas, tentara intervir o abade de Mougás don Juan Domínguez pretendendo cobrar décimos e dereituras. O mosteiro de Oia iniciou preito co reitor da igrexa mougalesa e gañou porque San Cosme, “nunca perteneció a la iglesia de Mougás”. Templo que para algúns historiadores remonta as súas orixes ao século VI cunha pequena comunidade de monxes eremitas ata o século XII, a vella capela desaparecería para sempre nas xornadas do 21 e 22 de xuño de 1785 por orde do abade de Oia D. Clemente Bahamonde (1783-1787), logo de ter recibido autorización bispal. O prelado respondera a petición argumentando que a idea do abade de ''demoler la capilla o santuario de San Cosme y trasladar las ymagenes y quanto pertenece al santuario a esa yglesia monasterial es digno de todo aplauso, porque en su execucion se evitan muchas ofensas de Dios que ahora se cometen con pretexto de romerías, y puedo asegurar, que aquel santuario ha sido mil vezes profanado''. Permitiría, sen embargo, o bispo D. Diego Fernández Angulo que  ''puede quedar en el sitio del altar una cruz en memoria de lo que ha sido''. É moi probable que esta fose a coñecida como cruz de Malta que estivo en San Cosme ata o ano 1972 en que se traslada e se instala sobre o portalón da casa reitoral de Baredo.

Con data de 20 de setembro de 1799 o concello de Baiona outorga ao procurador José Antonio Cortiñas autorización para festexar aos santos irmáns Cosme e Damián. A romaría revivía así nun contexto urbán aproveitando un santuario construído a finais do século XVII na honra da súa tutelar, Santa Liberata, ilustre paisana de Baiona. Dende aquela, o esforzo dos baioneses estivo en manter vivo un culto aínda hoxe vixente. 120 reais custou en 1846 o relicario realizado ou encargado por Don José Manuel Cadaval, 12 reais para uns ollos de cristal para San Damián en 1848 ou 36 reais da anda que en 1852 fixo o carpinteiro Juan Barros.

Decaeu o seu culto xa en 1928, ano en que se dixo que a romaría dos santos Cosme e Damián era xa unha parodia respecto do que noutros tempos tiña sido. Broche de ouro dun tempo, dunha estación e do ano, última das grandes e a primeira das pequenas, San Cosme de Baiona daba paso á romaría e feira do San Colmado que duraba sete semanas e que empalmaba co San Amaro de Matamá prolongándose a festa ata sete domingos consecutivos.

De calendario repleto no profano e relixioso, centos de romeiros encamiñábanse dende Vigo a Baiona entoando alegres cantos ao compás da gaita por todo os medios de locomoción existentes. Dende as carrozas ou riperts do Borrasca, cocheiro afamado da época, ata carros do país cheos de bandeirolas e recubertos de follaxe que, ao paso pausado dos bois traía ás xentes dende seis ou sete leguas de Baiona. Incluso de Portugal viñan mulleres, nota de colorido cos seus xustillos cinguidos ou panos de polícromas cores con amplas saias no medio da multitude. Chegaban ao muelle baionés centos de pequenas embarcacións e lanchas das rías próximas, de vapores vigueses a plan de romeiros embarcados na Ribeira do Berbés como en 1899 coa intención de botar unha cana ao aire como recolle a prensa da época.

scosme sdamianAbundante e ben combinado alumeado de outros tempos, colgaduras, fermosas arañas de cristal e imaxes a bo coidado do antigo mordomo Señor Fernández, eran o punto álxido dunha romaría concorrida dende as seis da mañá do día 26 de setembro. 21 bombas iniciaban a festa regada por bo viño baixo as lonas no campo de Santa Liberata ao son da música que tocaba diana. De once a tres da tarde ateigábase a praza da Constitución (hoxe Pedro de Castro) co tradicional mercado de exquisitas froitas e noces chegadas das terras do Miñor, competidoras das ricas ostras do Boi ou das noces e mel á venda dende as catro da tarde nos arredores do santuario para abasto do inverno. Un repique xeral de campás ás doce do mediodía daban paso aos foguetes voadores que entre as xentes estouraban no ceo baionés á par dos globos que anunciaban a saída dos xigantes e cabezudos “el coco de los unos y la risa y diversión de los otros”. Xogos de cucañas á tarde e regreso da banda de música ás nove da noite anunciando os suntuosos foguetes e castelos de fogo fixo que alumeaban un interior sacro, unha longa noite de pedra durmida ao pé dos santos mártires entre os bancos da igrexa. Aqueles bancos corridos aínda parecían lembrar a véspera narrada por Joselín na que, cosidas as saias das mulleres que alí durmían as unhas coas outras, se berrou fogo e se armou “a de San Quintín” ao querer fuxir.

Descansaban no interior da capela ata a xornada do 27, festa de igrexa con gran pompa e bombas precursoras da banda de música que, tocando diana, é seguida polos gaiteiros ao son da alborada. Entre nove e dez da mañá saía a procesión de San Cosme e Damián arroupados pola paisana Santa Liberata, A Anunciada, O Rosario e a Virxe do Carme trala misa solemne “a toda orquestra” e sermón a cargo de reputado orador sagrado que daba paso, entre as once e unha, ao paseo de moda pola alameda do Aral. Viña a tarde e tocaba regata de botes na baía, á noite, baile para os socios do Casino Recreativo da vila rendendo honras á deusa Terpsícores en medio, disque, da maior orde e compostura.

Cantos 27 de setembros lembra a vila! O de 1894, cando no barrio da Percibilleira deu a luz María Dolores Martínez Ruíz aos seus 34 anos a tres fermosas nenas que gozaban de perfecta saúde por intercesión dos médicos gloriosos. Onomástica do armador Florentino Vázquez Ratel e infausto recordo do coche volteado ao regreso da romaría en 1923 nas proximidades de Vigo. Saíran feridos Manuel Fernández, condutor e de gravidade María Pérez á que o médico Iglesias apreciou unha contusión no nariz e porción dereita do labio superior xunto a conmoción cerebral intensa. Dos berros do romeiro de Matamá Ángel Alonso Freiría que en 1929 foi roubado polo carteirista ourensán Ricardo Iglesias de 50 anos e residente en Vigo. Incluso parecía traer recordos dunha ola de dous quilos de mel roubada á veciña de Vilachán do Monte Constanza Bouzada Pérez por Benjamín de Nigrán, Laureano Vilán e Melitón Costas Barreiro de Oia. Mesmo da detención de Eugenio Rouco Vilas de Nigrán que foi reclamado polo xuíz sendo acusado de feridas quen sabe onde.

Era o templo romeiro por antonomasia para o baionés e forasteiro que, como aqueles que vían os xigantes e cabezudos dende a sancristía do templo, sendo sancristán o señor Pelucas, preguntaron por dúas caliveras que alí había dentro dunha urnia. Unha era grande e a outra era pequena.

Preguntaron de que defuntos eran, ao que o sancristán contestou que eran de San Cosme.

A grande será de San Cosme pero, e a pequena?

Quedouse varado un pouco e rascando na cachola saltou:

-A pequena.... a pequena era de San Cosme cando era pequeno!

Este ano alá non vou, San Cosmiño de Baiona, que tiña o diñeiro xunto e non sei quen mo roubou.

Ai! o patrimonio

Correo-e Imprimir PDF

250final-carlos

Para Juan, en memoria.

I

                Como cada venres fun recoller o meu neto á “Galiña azul”, o seu fermoso xardín de infancia. Por certo antes de que os da consellería de Feixoo lle mudasen o nome, na súa teima antiidentitaria, isto é antigalega, seica non lle gustaba o de “galescolas”, Gondomar tiña unha “Galiña Azul”, en memoria do Casares de Vilariño, que ideou e executou Alfonso Soliño Troncoso no enceto de 2008 e se colocou, o 17 de maio daquel ano, na metade do paseo chamado de Carlos Casares, por riba do parque da Coelleira.

Gondomar e a lingua galega

Correo-e Imprimir PDF

250final-carlos            Desculpe a persoa lectora a posible, e non pretendida, confusión. Non estou a falar do topónimo da vila, nin do concello, senón daquel que o mudou en antropónimo por mor dos historiadores dos séculos XVI e XVII e de xeito especial polos hispanistas británicos encabezados por John H. Elliot que seguen, neste costume, a Lois Tobío. Non sei se este último apañou o xeito de alcumar as persoas da experiencia na emigración, a súa foi tamén de exilio, onde, en moitas ocasións, coñecíanse as persoas polo nome da parroquia ou concello de procedencia; lembro agora o gaiteiro Gondomar que anima as reunións amorriñadas que nos relata Miguel Barnet en Gallego (1983), e Manuel Antonio Gómez trasladou ao cine con Sancho Gracia como protagonista que non me acordo moi ben de que relación tiña con Mondariz, o das augas. O caso é que Tobío refírese a don Diego, case sempre, como Gondomar e seguro que non lle parecería nada mal a quen tomou o nome da súa patria infantil para denominar o seu título nobiliario.

O meu amigo Juan

Correo-e Imprimir PDF

antonio valverde 2Esculcaba o Miñor dende os socalcos da memoria tribal de Morgadáns. Juan, que non era Juan, que era Antonio, pero que lle chamaban Juan. Antonio Valverde Alonso era Juan. Regresara, hai uns anos, aínda que en verdade nunca marchara, ao seo nutricio da Foz do Miñor, cando ficou reformado, como din en Portugal, país que coñeceu ben e do que tomaba expresións para incorporar ao seu magnifico, maino, suave e enxebre galego.

De alongada estirpe miñorá, exercía a memoria e agasallábanos con ela, a mancheas, aos que tivemos o privilexio da súa conversa. O seu amable sorriso, a súa mente aberta, o seu fino gusto artístico, a súa franca gargallada para remate dun "conto" como dicía, facían del un home enormemente atractivo.

O parviño que quixo ver o Conde*

Correo-e Imprimir PDF

 250final-carlosNoutros tempos non había vila que se prezase que non tivese o seu “parvo”. Era protagonista de relevo na vida social. As limitacións intelectuais, os defectos físicos, as peculiaridades na fala, os singulares xeitos de andar ou os particulares xestos e expresións servían de chanza para as persoas malvadas, que sempre as houbo. Mais eran tamén as súas “ocorrencias”, as súas “saídas”, ou as “respostas” que daban a moitos burladores que resultaban burlados as que pasaban a ocupar, durante anos, un lugar salientábel nos comentarios das xentes ou se convertían en especiais xeitos de razoar dos que os veciños botaban man en situacións de incerteza e dúbida. Mesmo en moitas ocasións a súa “inocencia” permitíalle dicir ou actuar como outros quixeran mais non se atrevían por medo ás presións sociais e aos “que dirán”. Os “parviños”, coma os tolos, eran socialmente ben aceptados, nin se ocultaban nin se recluían.

1. Don Diego e Gondomar*

Correo-e Imprimir PDF

250final-carlosDiego Sarmiento de Acuña dedicou moito tempo e aínda máis esforzos económicos a engrandecer a casa que herdara dos seus pais en Gondomar pese ao pouco tempo que pasou nela, coidamos que ao seu pesar, mesmo por impedimentos hoxe difíciles de comprender, como os descritos nas capitulacións da voda, a segunda, con dona Constanza, nas que asinaba:

prometo como quien soy y me obligo de vivir y morar y que vivire y morare de asiento con la dicha Doña Costança de Acuña, mi esposa y muger, con nuestras personas, cassa e familia en esta dicha villa de Valladolid y no saldre fuera della por tiempo que pase de dos meses un año, eçepto si fuere en la Corte del Rey Nuestro Señor; e si lo contrario hiziese yncurra en pena de quatro mil ducados de oro… en la qual dicha pena yncurra e se me execute por ella todas las veçes que hiçiese la dicha ausençia.”

Intenso

Correo-e Imprimir PDF

250final-carlosComo nos anuncios publicitarios o incipiente 2016 chéirame intenso como o café acabado de moer. Moito máis despois do de onte sábado, 9 de xaneiro, e o que hoxe vai acontecer. Na política a distancia entre o éxito e o fracaso é menor que o "canto dun duro", dicíase cando había duros. Tamén, a política, é un dos poucos espazos sociais nos que unha vitoria pode virarse en derrota, un triunfo en fracaso e un éxito nunha desfeita; mesmo podemos darlle a volta e as derrotas convertelas en salvacións, as vitorias poden ser pírricas e os fracasos concederche un poder que nunca acadarías tendo éxito.

Entre algunhas persoas levabamos tempo, anos, comentando este cambio de ciclo político e o que se denomina dobre espazo de ruptura co réxime de 1978. As mutacións nas relacións económicas deixámolas hoxe, esas móvense a nivel global. Quizais o "procés" catalán sexa un bo exemplo da conxunción do social e o nacional.

Dunha a outra beira*

Correo-e Imprimir PDF

250final-carlosO dous de novembro de 1823 José Arias Teixeiro foi elixido “por unanimidade de votos” como “Comandante general de los Batallones que componen este cuerpo de realistas...”. Cinco días despois o Tenente coronel Rafael del Riego era aforcado en Madrid. Remataba o trienio liberal, regresaba o absolutismo. O líder absolutista miñorán aínda daría ben voltas ata a súa morte e soterramento en San Pedro da Ramallosa. Esta primeira e exitosa acción de armas do señor de Pías foi posible pola xenerosa axuda dos “miguelistas” portugueses que o protexeron e axudaron a tomar Tui. Non imos ir a tempos tan recuados, só sinalamos o feito para reforzar a tese da permeabilidade política e económica, e escasamente coñecida, da raia galego-portuguesa que sostén Dionisio Pereira no seu último libro: Emigrantes, exilados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940), Através Editora, 2013.

2016

Correo-e Imprimir PDF

carlosO pasado 20 de novembro cumpriuse o corenta cabodano da morte de Franco. O próximo 18 de xullo será o oitenta aniversario do comezo da guerra de España, perversamente denominada "civil" coa pretensión de ocultar a realidade dun golpe de estado (unha sublevación militar-fascista) auspiciado por certas elites económicas, autoridades eclesiásticas e unha maioría do exercito para impedir a consolidación dunha república democrática e dun estado formulado ao marxe do modelo uninacional; ao tempo que pretende ignorar a súa contextualización internacional: crac do 29, Gran Depresión, auxe dos fascismos e Segunda Guerra Mundial.

Dous ciclos longos que ben poderíamos denominar "franquismo" (1936-1975) e "postfranquismo" (1975-2008). Mesmo se queremos concretar, de xeito innecesario, dende o 18 de xullo de 1936 ata a data da morte de Franco, o primeiro; dende esta data ata o 15 de maio de 2011, en que tomou carta de natureza a mudanza política que estourou coa crise do 2008, o segundo.

JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL