Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Curuto do corvo Gondomar e a lingua galega

Gondomar e a lingua galega

Correo-e Imprimir PDF

250final-carlos            Desculpe a persoa lectora a posible, e non pretendida, confusión. Non estou a falar do topónimo da vila, nin do concello, senón daquel que o mudou en antropónimo por mor dos historiadores dos séculos XVI e XVII e de xeito especial polos hispanistas británicos encabezados por John H. Elliot que seguen, neste costume, a Lois Tobío. Non sei se este último apañou o xeito de alcumar as persoas da experiencia na emigración, a súa foi tamén de exilio, onde, en moitas ocasións, coñecíanse as persoas polo nome da parroquia ou concello de procedencia; lembro agora o gaiteiro Gondomar que anima as reunións amorriñadas que nos relata Miguel Barnet en Gallego (1983), e Manuel Antonio Gómez trasladou ao cine con Sancho Gracia como protagonista que non me acordo moi ben de que relación tiña con Mondariz, o das augas. O caso é que Tobío refírese a don Diego, case sempre, como Gondomar e seguro que non lle parecería nada mal a quen tomou o nome da súa patria infantil para denominar o seu título nobiliario.

            Como é coñecido, unha das grandes afeccións de don Diego era a bibliofilia, estudada por Carmen Manso1. A súa biblioteca, herdada nunha cativa parte, constaba de máis de 8.000 volumes que ocupaban catro salas da súa casa de Valladolid. Un descendente de don Diego vendeulle, en 1806, a biblioteca ao rei Carlos IV para incorporala á Real Biblioteca e cos volumes foi a importantísima colección de cartas, máis de 30.000, que don Diego reunira con paciencia, interese e conciencia do que estaba a facer xa que non só gardaba as misivas que recibía senón tamén copia ou, cando menos, recensión das que enviaba. Como é lóxico tanto os volumes da biblioteca como os milleiros de cartas son hoxe unha das fontes fundamentais para o coñecemento da época. Sen dúbida o estudo en detalle desta documentación deitará abundantes datos tanto sobre os anos de transición do XVI ao XVII como do sobranceiro papel de don Diego na política do momento ou  do seu labor, máis coñecido, como embaixador en Londres, pero tamén, e isto é o máis relevante para nós, sobre o xeito de inserción do Reino de Galicia na Monarquía Católica de Filipe III,  que abranguía toda a Península Ibérica, importantes posesións continentais, ademais dos territorios americanos.

            A  preocupación de don Diego pola consideración do Reino de Galicia, o papel da nobreza cortesá de orixe galega  así como o seu interese pola lingua galega son xa coñecidos, sendo de xustiza recoñecer o labor que neste aspecto realizou, en silencioso esforzo persoal, Lois Tobío e que viron a luz en diversos artigos publicados na revista Grial e en varios libros entre os que cómpre salientar Gondomar y los católicos ingleses (1987) e Gondomar y su triunfo sobre Raleigh (1974).

250casa do sol            Os estudosos da lingua e literatura galega teñen denominado aos séculos XVI e XVII  como “os séculos escuros”, e mesmo esta denominación podería estenderse ao século das luces, aínda que neste se observen certas mudanzas na mentalidade dalgúns sectores influídos polas ideas ilustradas.Nestas centurias, a lingua galega escrita practicamente desapareceu. O galego quedou reducido a unha lingua familiar e coloquial, xusto no momento en que outras linguas romances comezan a substituír o latín na vida política e administrativa. O proceso de penetración do castelán foi selectivo e horizontal, isto é asentouse entre os sectores dirixentes e socialmente mellor situados, mentres que a inmensa maioría da poboación, tanto rural como urbana, practicamente ágrafa, continuou instalada exclusivamente no galego.A castelanización das clases dirixentes viña de lonxe e viuse agravada pola vagarosa substitución da nobreza galega por outra foránea e, sobre todo, polo mesmo proceso na xerarquía eclesiástica e militar.

            Nos séculos XVI e XVII o poder en Galicia era exercido case en exclusiva por esta aristocracia foránea e a nobreza e baixa nobreza, moita dela emparentada con xente de fóra, que permanece no país foise desgaleguizando con maior ou menor rapidez, pois o castelán comezaba a ser o paradigma do cortesán e elegante.Ao anterior cómpre engadir que o aparello eclesiástico foi clave neste sometemento político, cultural e lingüístico. Os mosteiros pasaron a depender de centros casteláns e a Igrexa, que tiña encomendada a función educativa, realizaba esta en castelán ou latín. O mesmo pasaba na Universidade de Santiago2.

            De a cabalo entre os dous séculos máis tristes do noso idioma viviu o Conde de Gondomar.  A afección, xa comentada, de don Diego á bibliofilia e a conservar as epístolas, permítenos ter hoxe unha fonte única para desvelar o estado da nosa lingua. Entre esas cartas atópanse algúns dos escasos textos, que se conservan deste período, escritos na nosa lingua.

            En 1604 don Diego atópase no Val Miñor comisionado para coidar e distribuír entre os consignatarios o valioso cargamento que dúas naves traían das Indias Orientais. Desviáranse por mor dun temporal e refuxiáronse na ría de Baiona; o seu mal estado e a ameaza das flotas holandesa e inglesa non facían recomendable intentar chegar ata Lisboa.

            Nunha misiva sen data, dada a coñecer por Tobío3,   enviada dende Baiona e dirixida á corte de Valladolid don Diego afirma, con ironía, que o fixesen regresar pronto porque estaba esquecendo o castelán pois non tiña con quen  falalo. A breve referencia reflicte a realidade sinalada con anterioridade, o galego era a lingua empregada maioritariamente pola poboación, non só polos campesiños que traballaban os seus eidos de Gondomar senón tamén polos habitantes dunha vila tan cosmopolita como a Baiona do momento na que, como sinala Tobío, posiblemente se falase máis francés que castelán dados os numerosos mercadores de Francia e Flandres nela asentados. Mesmo os mais achegados a don Diego, diverso tipo de administradores, falarían un castelán inzado de galeguismos, seguramente moito máis dos que empregarían na escrita e que Tobío denomina proto-castrapo.

            Nas cartas recibidas por don Diego observamos catro actitudes ante o galego por parte dos remitentes:

  • Unha primeira,  a dos que empregando o castelán incluirían galeguismos illados en termos que non saberían traducir, como é o caso de Gregorio de Castro ou Lázaro de Losada que coidaban a facenda de don Diego en Gondomar. Este último escríbelle nunha ocasión que “las llenas son tan grandes que los pobrecitos arbolitos están case contino solagados”.  É a mesma actitude dos que inclúen frases en galego postas en boca de terceiras persoas para citalas máis fielmente, como cando Francisco Troncoso Piñeiro escribe, dende Madrid, a don Diego, daquela en Londres, que Afonsiño, rapaz de poucas luces, viaxara dende Gondomar a Madrid e polo camiño ía pedindo esmola e dicindo “Señores, dai limosna a este tolletino por amor de Deus, que Deus lo garde de mal e de traballos e de sutunas e que Deus lle de muita caridade, amén Jesús”, e que a todos lle preguntaba onde moraba “a senora dona Costanza e o embaijador de Inglaterra que se chama conde” . Este mesmo recurso é empregado por don Diego cando, na importante carta remitida ao Secretario de Estado Andrés de Prada, conta que o marqués de Sarria cando se topou cun galego esmoleiro díxolle que sendo galego por que non roubaba, este retrucoulle “Ja eu quixera, mais no acho geito”.
  • Unha segunda actitude sería a dos membros da baixa nobreza ou outros sectores letrados nos que o galego sae con fluidez aínda que o conflito entre linguas está presente. Unha carta da curmá de D. Diego, dona María de Moscoso e Sotomayor4, comeza en castelán para pasar de súpeto ao galego, como se lle resultase máis doado ou ben lle fose máis familiar,  para rematar en castelán cun curioso mes de “hebrero”. As dúbidas ao respecto do idioma, mesmo nos antropónimos,  quedan de novo reflectidas na actitude de Beatriz da Serra, que en 1606  escríbelle unha carta, datada en Baiona, chea de galeguismos; tres anos antes escribíralle outra en galego na que asina como Briatis da Sera. O emprego do galego como idioma familiar despréndese da carta que dende Zamora lle envía un sobriño de don Diego, Juan de Lanzós y de Andrade5, e que curiosamente está no mesmo prego de papel a continuación doutra escrita en castelán por outro sobriño, este frade, Frei Francisco de Sotomayor.
  • Unha terceira actitude, de certa complicidade lingüística, sería a do tamén parente don Diego Sarmiento de Sotomayor, señor das Achas e Petán, do que se coñecen dúas epístolas enviadas ao noso don Diego, unha de abril de 1605 e outra de setembro do mesmo ano. Na primeira o señor das Achas dille a don Diego  “e que fixese isto nesta lingoaxe pois e de v.m. tan estimada e por ela me troufe aquí que coela despertaría v.m. do sono de coRexidor”. A outra responde máis á segunda das actitudes, comeza e remata en castelán. Nas cartas do señor das Achas observase unha grafía diferente ás anteriores, mais próxima as formas portuguesas que debía coñecer ben pois “saom Sarmento e criado a veira de Portugal”.
  • Para rematar, unha cuarta actitude sería a daqueles que introducen frases en galego, unhas veces para adornar e outras como se fose un sinal de lealdade. Entre estas podemos sinalar a de don Rodrigo de Moscoso e Sandoval escrita en castelán, probablemente redactada por un secretario , e que remata cunha posdata en galego  facendo referencia a un sobriño que é “muy bo galego”. O mesmo don Diego emprega este recurso. Na carta a Andrés de Prada (1617), o Conde de Gondomar que se sente vello e desenganado e que só desexa “morir como cristiano y como fidalgo gallego” comeza dicindo: “Meu señor verdadeiro: duas cartas tenho de vossa merced de dez de novembre e de onse de decembre, porque veijo as suas maos moitas e infinitas veces”, logo segue en castelán este interesante escrito en defensa dos galegos que considera inxuriados polo frade portugués Bernardo de Brito no seu libro Monarquía Lusitana e no que, profundamente ofendido di: “No se hallará, ni por tradissão, ni por escritura, que gallego ninguno aya sido traidor a Dios ni a su señor, ni se ha visto gallego herege ni judaizante, ni matador alevoso, ni pueblo rebelado. Pues ¿de qué naçión en el mundo se puede deçir esto?, ni ¿qué naçión conquistada sufre sin ofender a su lealtad ni aun con los pensamientos lo que sufre Galiçia? que ha sido la conquistadora de lo que oy poseee la Monarquía de España, pues sobre aquel çimiento y el de Asturias se extendieron, como es cosa sabida, los reynos, y se fueron ganando a los moros por Portugal y por León, además de que esta cabeça conquistadora y matriz es gobernada en lo espiritual y temporal por forasteros, que lleban sus thesoros, sus trabajos y su sodor, y henrriqueçen las otras tierras de donde son naturales.6


[i]           MANSO  PORTO C.: Don Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar (1567-1626). Erudito, mecenas y bibliófilo. Xunta de Galicia,1996.

[i]           Ver MONTEAGUDO, H.: Historia social da lingua galega, Galaxia, Vigo, 1999

[i]           TOBÍO, L. : Gondomar e o galego. Grial, tomo 11, nº 40, 1973, páx. 133-144. Galaxia, Vigo.

[i]           TOBÍO, L. : Galego familiar escrito a comenzos do século XVII. Grial, tomo 18,nº 69, 1980, páx. 357-358. Galaxia. Vigo.

[i]           TOBÍO, L. : Outras dúas cartas en galego a Gondomar.  Grial, tomo 15, nº 57, 1977, páx. 366-367. Galaxia. Vigo.

[i]            MANSO  PORTO C.: op citada.