Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Curuto do corvo O meu amigo Juan

O meu amigo Juan

Correo-e Imprimir PDF
antonio valverde 2

Esculcaba o Miñor dende os socalcos da memoria tribal de Morgadáns. Juan, que non era Juan, que era Antonio, pero que lle chamaban Juan. Antonio Valverde Alonso era Juan. Regresara, hai uns anos, aínda que en verdade nunca marchara, ao seo nutricio da Foz do Miñor, cando ficou reformado, como din en Portugal, país que coñeceu ben e do que tomaba expresións para incorporar ao seu magnifico, maino, suave e enxebre galego.

De alongada estirpe miñorá, exercía a memoria e agasallábanos con ela, a mancheas, aos que tivemos o privilexio da súa conversa. O seu amable sorriso, a súa mente aberta, o seu fino gusto artístico, a súa franca gargallada para remate dun "conto" como dicía, facían del un home enormemente atractivo.

Podiámolo atopar, sempre querido por Toia, dando o paseo entre as Ramallosas, cara a Lourido ou polo Gondomar infantil. Na zona cero do cruceiro de San Campio concentrou os seus relatos sobre Carmen "a coxa", José, "o dos fígados esfarelados" Xesús "arría o galo", o Cristo Loureiro, O mudo... esa panoplia de "toliños", de boa xente, que abunda no Val, por mor das nubes rastreiras segundo dicía o seu tío Severino, o médico e masón que purgou en San Simón. Deixou escritos outra boa chea destes contos que estou seguro custodia fielmente o prezado Miguel Mouriño.

Nos últimos meses comentaba riseiro: "Vivín ben, fun feliz, fixen o que me gustaba, que máis quero".

Era o meu amigo. Dos que nunca precisan xustificar a lealdade.