Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion O cruceiro de San Campio Os esquecidos da Arribada.

Os esquecidos da Arribada.

Correo-e Imprimir PDF
pasaporte

Hai poucas datas saía na prensa a nova de que o actual rexedor da vila de Baiona, o alcalde Almuíña, elevaba ao Goberno de España a protesta pola falla da referencia que nos Pasaportes se fai da volta das naves que tornaban da descuberta das Américas, pois o gráfico da viaxe sinala o porto de Lisboa esquecendo que o primeiro porto que soubo a nova foi Baiona coa arribada da carabela a Pinta patroneada por Martín Pinzón.

Baiona non esquece e festexa todos os anos a data cunha feira que xa acadou o nomeamento de festa de interese turístico.

Foi o acontecemento máis salientable da época e deu paso a unha man chea de sucesos que encheron e aínda seguen a encher páxinas da Historia. Un protagonista destes sucesos foi o freire dominico Frei Bartolomé de Las Casas que denunciou o tratamento discriminatorio, vexatorio e criminal que os chamados “colonizadores” lles daban aos nativos. Tamén el fora un dos beneficiados con “Repartimentos ou Encomendas” destes nativos aos que se lles negaba a condición humana e a mesma alma, polo que eran tratados coma bestas para facer os traballos máis duros e ruíns. Escribiu un libro co titulo “Brevísima relación de la destrucción de las Indias” que foi publicado no ano 1552 do que se fixeron mais de 50 edicións ao longo do século XVII e traducida ao latín, holandés, francés, inglés, italiano e alemán, dando lugar a que chegara a formar parte do que se deu en chamar “ a lenda negra”.

Pois ben, houbo outro freire, tamén Dominico, nado en Baiona, que foi un grande hispanista que estudou e defendeu a Frei Bartolomé de Las Casas. Este grande erudito, hoxe esquecido pola súa Baiona natal, foi Frei Manuel María Martinez, O.P..

Segundo consta na “Acta de Nacimiento”, naceu en Baiona o día 2 de Nadal do ano 1892 na casa dos pais da rúa Ventura Misa, 55, fillo de Xosé Martínez, mariñeiro, e Xosefa González –os dous sen segundo- naturais da vila, neto de Soledad Martínez e Vicenta González, tamén da vila, e de avós descoñecidos. Pónselle de nome Manuel Silvestre José. Acompañan ao pai tres mariñeiros coma el, tamén da vila, dous como testemuños e o outro para firmar por non saber el.

As “Actas del Capitulo Provincial de la Provincia de España de la Orden de Predicadores celebrado en León, en el Convento de la Virgen del Camino del 2 al 27 de julio de 1978”, na recensión do seu pasamento, dano como nado o 31 de Nadal de 1891, día de San Silvestre, o que xustificaría o segundo nome. O primeiro de xaneiro celébrase o nome de Manuel, e o terceiro, sen dúbida, por ser o nome do pai.

Tamén se xustifican as datas, coa marxe que se daba para facer o rexistro, e aínda así, parece que, ou a celebración da festa da fin de ano, ou a necesidade de ir ao mar, retrasaron o rexistro.

Viviu e pasou a súa xuventude na mesma rúa onde naceu, xunto cos seus irmáns, Xosé, tamén sacerdote e unha irmá máis nova. Cursou os estudos primarios, mais axiña a vocación relixiosa lévao a ingresar, con 17 anos, en maio do ano 1909, no Colegio de San Juan Bautista de la Orden de Predicadores de Corias da veciña rexión de Asturias, facendo un ano máis tarde a Profesión Simple, no mesmo Convento, e a Profesión Solemne no ano 1913 no Convento de San Esteban de Salamanca. Ordénase Presbítero no ano 1915 e, ao rematar os estudos de Teoloxía, en 1918 é destinado ao Convento de Nuestra Señora de Las Caldas de Besaya na provincia de Santander, permanecendo nel dous anos.

Máis tarde, en 1928, volve para Galiza ao Convento de San José de Padrón, dedicándose á prédica e demais ministerios sagrados, pero é a partir dese intre cando se interesa e desenvolve os estudos sobre a figura do Padre Frei Bartolomé de Las Casas, amosando, o ano seguinte, a primeira comunicación arredor deste personaxe no Congreso de Historia Hispano-Americana celebrado en Sevilla.

No ano 1930 trasládase ao Convento de Nuestra Señora de Atocha de Madrid. Desde aquí viaxa a Centro América, onde permanece polo tempo de 4 anos, exercendo un intenso labor de misións e apalpando as repercusións e as secuelas das vivencias do Padre Las Casas.

Á súa volta ao Convento de Atocha, exerce as funciones de organista, ao tempo que publica dous artigos sobre o Padre Las Casas, na revista “Ciencia Tomista” cos títulos “Las Casas Historiador” e “Valor Histórico de la Brevísima Relación de la Destrucción de las Indias”, e intervén no XXVI Congreso Internacional de Americanistas celebrado en Sevilla no ano 1935.

Ao estalar a desgraciada “guerra civil”, foxe a Francia en outubro de 1937, permanecendo en Marsella e París. De volta, desde o ano 1939 ata 1959 o seu ministerio desenvólvese nos Coventos de San Pablo de Valladolid, San Esteban de Salamanca, onde profesara, volvendo a San José de Padrón e posteriormente en Santo Tomás de Aquino da rúa Cañizares de Madrid. Máis tarde pasa a ser capelán das Madres Dominicas de Casalarreina-Logroño e o seu derradeiro acougo foi no Convento de Santo Domingo de Caleruega-Burgos, para dedicarse na súa vellez, dunha maneira exclusiva, á oración e ao estudo ata a fin dos seus días, orixinada por un cáncer no pulmón, o 14 de novembro do ano 1975.

De carácter aberto e alegre, mantivo grandes amizades na vila, como a dos donos da tenda que chamaban “As Verísimas”, pois así se chamaban a muller e a filla de Ramón Naveira, que abrira o ano 1904 e pechou aínda non hai moito tempo.

Escribiu Fray Bartolome de Las Casas – El gran calumniado publicado o ano 1955 e Fray Bartolome de Las Casas – “Padre de América” publicado en 1958.

 

Antonio Valverde Alonso

A Ramallosa, febreiro 2011