Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion O cruceiro de San Campio A romaría de San Cosme e San Damian

A romaría de San Cosme e San Damian

Correo-e Imprimir PDF
san_cosme

Aos comezos do outono, catro días despois de finado o verán e rematando as festas da tempada que encheron o Val do Miñor cos estralos dos foguetes resoando nos montes do Mauxo, Galiñeiro e A Groba e espallándose polo mar dende a baía de Baiona, o 26 do setembro celebrase na vila mariñeira de Baiona unha romaría en honor dos santos menciñeiros Cosme e Damian.

É a romaría onde, tradicionalmente, no torreiro igrexa da Santa Liberata xúntanse unha chea de xente: labregos, mariñeiros ou visitantes que viñeron a pasar o verán, uns para por a venda e outros para mercar as colleitas das noces e do mel. A bondade de ambas as dúas dependen de coma fose o verán. Se o verán foi cativo de soles, as noces non estarán moi secas e aínda saberán cun certo amargor. E haberá pouco mel nos cortizos pois as abellas non encontrarían moitas flores onde zugar o polen para encher os panais.

Desta romaría deixounos “Joselín” o que fora alcalde do concello de Baiona un conto que recolle o costume das xentes que non encontrando onde pasala noite, daquela non habería moitas fondas onde durmir e tampouco haberían de ser de pouco costo, quedaban na igrexa usando os bancos coma escanos. E contaba que uns rapaces prenderan unhas con outras as saias das mulleres e deran a voz de fogo facendo que elas alporizadas ao querer fuxir armaran unha “pallougada”.

Nesta igrexa de Santa Liberata, ademais do retablo onde se conta a historia das nove fillas xemelas, que Sila criou na fe cristián agachándoas das iras do rei mouro ata que o martirio acabou con todas elas e coa mesma Sila, hai dúas curiosas tallas de madeira policromada, unha representando a San Cosme e a outra a San Damian vestidos con traxes de moita galanura e portando un cáliz e un matraz coma instrumentos da súa profesión de menciñeiros, que ao parecer xa estaban no antigo convento que houbo no lugar que aínda hoxe se coñece co nome de San Cosme que estaba no camiño que dende a Chan da Lagoa vai a Belesar, e foi traspasado ao Mosteiro de Santa Maria de Oia. O que non se sabe e onde están as “caliveras”, unha grande e outra pequena, das que “Joselín” faille dicir ao sancristá que as amosaba “que a grande era de San Cosme e a pequena….. era de San Cosme cando era pequeno”.