Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Angelito

Correo-e Imprimir PDF
Os anxos

Ala polos anos 1910 dous irmáns, E. e Manuel Lemos, veciños do Val do Miñor que fixeran unha gran fortuna nas Américas, concretamente no negocio dos viños nunha empresa chamada “La Superiora,S.A.”, tiveron o soño de converter o lugar da praia de Lourido nun lugar de veraneo e vacacións de elite que chegara a imitar o Mónaco da chamada Costa Azul.

Para iso, fixeron unha estradiña que, dende a estrada de Pontevedra a Camposancos pasaba polo lugar de Rans e cruzaba as vías do tranvía de Vigo-Ramallosa no lugar de Area para arrimarse a praia e percorrela en paralelo ata o monte de Lourido. Nos terreos que quedaban entre esa estradiña e as vías do tranvía, levantaron unhas casas, do tipo chamado chalet, para venda ou para alugar na tempada do verán. Para darlle mais caché de acordo co pretendido paraíso monegasco, puxéronlle nomes agarimosos coma “Nido de amor”, “Noche de boda”… e outra lindezas do mesmo estilo. E, como non, fíxose un hotel cun gran salón e terrazas para tomar o sol e refrescos e onde polo serán había música e danzábase, ao que tamén, non había ser menos, puxéronlle de nome “Pabellón Blue”.

Logo, atraídos pola beleza do lugar, familias de Vigo e de Madrid foron achegándose e construíndo casas para pasar as vacacións de verán. O caso era que soamente podía chegarse ao lugar pola devandita estrada de Pontevedra a Camposancos ou no tranvía, pois había un apeadeiro xusto detrás do “Pabellón Bleu” e un carreiro que, pasando o carón do tal “Pabellón Bleu” chegaba ata a tal estradiña da agora nomeada “Praia América”, así é que para fornecerse de calquera miudeza había que traela de Vigo ou ir por ela a Ramallosa indo no tranvía ou polo sendeiro peonil que había a carón da vía.

Angelito, que tiña unha tenda na Ramallosa, abría na tempada do verán, un local que tiña onde finaba a nova estradiña, onde ademais de despachar viño podíase mercar o mais elemental da alimentación. Tamén no bar de Emilio, no cruce de Area, que, ademais de pór as cadeas cando pasaba o tranvía polo paso a nivel da estrada, permitía mercar algunha cousa, xantar ou alugar unha cama para un compromiso.

O local do Angelito, que era pequeno e tiña un alboio para o carro da vaca e onde gardaba unha lancha no inverno, foi medrando cada ano para ir atendendo a os “parroquianos” que foron facendo del un lugar de encontro. No alpendre do carro puxo unha mesa e uns bancos corridos e alí comezouse a reunir o que seica se chamou “Centro de Iniciativas Turísticas de Playa América” que por aquelas datas promovía ou presidía o médico de Vigo, D. Antonio Ruíz, que, namorado da bisbarra, construíse una vivenda, “O Refuxio” na Foz do río Miñor.

Ano a ano ía mudando o escenario ao tempo que os “parroquianos”; estes envellecían pero os fillos e netos tomaban o relevo. Tamén os da casa, Tito o fillo de Angelito –que por certo poucos sabían que se chamaba Rosendo- tomou o relevo que agora pasou aos fillos, Dolores e Ángel. De taberna e tenda de abarrote foi cambiando a Restaurante pero o paso do tempo non cambiou os costumes, seguen abrindo polo San Xoán, fan as papas de arroz o día de San Pedro, aínda fan a carne ao “Carico” e pechan cun cocido nun día arredor da festa de San Cosme e Damián, festa do mel e as noces. Tampouco esquecen os tempos pasados pois teñen á vista, no comedor, unha fotografía dos catro “Angelitos”: O propio Angelito, Ángel Asenjo, Ángel Gandara e Ángel Valverde.