Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion O cruceiro de San Campio O mercado dos luns en Sabarís

O mercado dos luns en Sabarís

Correo-e Imprimir PDF
mercado-sabaris-fora-JV


Para Xoán 1 de 5

Dende tempos moi antigos vense facendo, todos os uns do ano, un mercado na Vila de Baiona que abrangue toda a bisbarra do Val do Miñor. Foi creado no ano 1497 ao amparo dun privilexio concedido polos Reis Católicos poucos anos despois de que a Vila de Baiona soubese da descuberta das terras do outro lado do mar Atlántico pola arribada da carabela A Pinta en 1493 e comezou a celebrábase no Monte do Boi.

Co tempo os mercadores, buscando os lugares onde mellor poderían desenvolver os tratos comerciais, foron montando os tarecos no arrabalde do Burgo, fóra das murallas do Monte do Boi, onde se ían asentando as xentes da Vila, expóndose ás importantes sancións que autorizaba o rei Filipe III no ano 1605. Dende O Burgo fóronse mudando para Sabarís e o Concello de Baiona no ano 1736 volve prohibir o mercado, lembra que o lugar de facelo é o Monte do Boi e establece multa de perda do que vendesen. De nada serviron as prohibicións, que se foron repetindo nos anos 1742 e 1823 nos que chegaron a participar as tropas.

O historiador Carlos Meixome, Director do IEM –Instituto de Estudos Miñoranos_, publicou n´A Nosa Terra nº 1105 o 26-11-2003 un articulo "O Mercado de Sabarís" que tamén pode lerse na súa columna nesta web, no que se poden seguir as circunstancias históricas que lle aconteceron.

Agora co galo da "humanización" da rúa Julian Valverde, cousa que sen dúbida era necesaria, o Concello cambia o mercado de lugar acercándoo á Vila, pero o mercado segue facéndose os luns e a xente segue acudindo coma sempre.

Os que si xa non veñen son aquela morea de esmoleiros, coxos, cegos, eivados, tolos ou ladróns, que acudían aos mercados, feiras, festas ou romarías, amosando os seus defectos, físicos ou psíquicos, certos ou simulados, calados ou falando deles do xeito máis apropiado para provocar a pena e acadar as esmolas dos presentes. Deles poderían facerse e contarse mil e unha historias, pois moitos deles, agás daqueles verdadeiros doentes, eran sabedores de trucos e mañas que nin que fosen aprendelas na escola de Monipodio da que falaba Cervantes.

Un destes, que acudía alá polo ano 1949/50 ao Mercado de Sabarís, tiña tan ben estudado o "choio" que aproveitaba un buraco dunha pedra das que salvaban a cuneta na entrada do camiño que dende a estrada a Baiona subía ás Escobichas, para, sentándose nela, meter a perna ata o xeonllo que deixaba descuberto coma se fose un toco subindo a perneira do pantalón, simulando á perfección que era coxo.

Outro que tamén acudía todos os luns ao Mercado de Sabarís, e este si que era coxo, pois amosaba as pernas eivadas polas secuencias dalgunha enfermidade, poliomielites seguramente, pedía a esmola a berros que mal se entendían porque tiña a voz "gangosa", e mellor así, pois se lle dabas esmola dicía:

- ¡Permita Dios que non chegue a andar como eu ando!

Pero se non lla dabas, a "ladaíña" cambiaba, quitáballe o non e convertíaa nun mal agoiro.

- ¡Permita Dios que chegue a andar como eu ando!