Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion O cruceiro de San Campio De Comarrupias, Pius, Estopes e outros.

De Comarrupias, Pius, Estopes e outros.

Correo-e Imprimir PDF
Donas

Despois dunha interesante xeira polo románico do Val Miñor, organizada polo IEM e guiada por Margarita Vázquez Corbal da Asociación “O sorriso de Daniel”, visitando as igrexas de Santiago de Parada, Santa Baia de Donas, Santa Cristina da Ramallosa e Santa Maria a ExColexiata de Baiona, onde puidemos admirar os restos e vestixios do románico, que aínda se conservan nelas a pesar das desfeitas que se fixeron no tan escaso e salientable patrimonio, -como os parche de cemento imitando bolas de pedra no tímpano da de Donas (coma se na bisbarra non houbese bos canteiros para facelas na pedra do propio tímpano), ou as reixas de plástico coas que se trata de impedir o paso dos paxaros polas seteiras das torres na Colexiata de Baiona-, descansando nunha tasca do casco vello de Baiona, atopámonos cun prestixioso psiquiatra  gondomareño que traballa en Madrid e pasa as vacacións nesa vila mariñeira.

Falando da xeira, dende un punto cultural pasou a conversa a través das ideas relixiosas e anímicas, por veces amosadas con símbolos de animais (paxaros, como pelicanos, ou bois, recollido nas igrexas visitadas), as crenzas sobre as almas como principios vitais dos seres viventes xa fosen animais, vexetais ou minerais, crenzas que moitas veces, el, o psiquiatra e outros compañeiros, desenvolvían coma fantasías que os axudaban na terapia para tratar certos doentes.

Estes principios vitais, por suposto incorporais, convivirían connosco agachados en certas cousas do noso arredor, e por veces, as máis delas, amocándonos.

Así, as dos animais, que lle chaman “comarrupias”, teñen querenza a agacharse nas alcobas preferindo as bolas douradas que adornan os cabeceiros das antigas camas de ferro, e meténdose entre os lenzos amolan para non deixar durmir. Só foxen e deixan de amocar, cantándolle marchas militares como “O sitio de Zaragoza”, ou as cantadas por militares nos momentos de folga, como “Lily Marlen” . Algunhas destas comarrupias parece que viñeron da Trasilvania, non se sabe se fuxindo medorentas das falcatruadas do Conde Drácula que as tiña alporizadas.

Os “triolas” son as ánimas dos vexetais, que tamén nos acompañan e desacougan meténdose nas nosas liortas.

Algúns destes principios vitais collen o nome de “estopes” de gustan agacharse entre as herbas e raíces dos cómaros dos ríos para amolar os rapaces que se bañan en coiros facéndolles cóchegas nos xenitais. Por iso, algúns rapaces rexeitan bañarse “en pelotas” no río Zamáns ao seu paso pola vila de Gondomar, para que os tales “estopes” non “lles anden tocando os collóns”. Pero tamén é certo que os rapaces encontraron a maneira de zafarse deles cun engado semellando os xenitais e que os confunda, pode ser composto por dúas olivas, dúas ameixas, dúas cereixas, ou outra froita redonda, espetadas na punta dun escarvadentes cun fío para ilo arrastrando ata unha laxa de pedra, das que poñen para lavar roupa ou parecida, e alí esmáganos co pé.

As ánimas dos minerais, os “pius”, son capaces de falar e algunhas teñen falado cas persoas, non só con aquelas que as gardan e coleccionan na casa, senón con aquelas que contan mentiras tan incribles que ata “fan falar ás pedras”.