Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion O cruceiro de San Campio ¡Coidado co home!!!!!

¡Coidado co home!!!!!

Correo-e Imprimir PDF
Cabalos
Cabalos
cabalos
  • Anterior
  • 1 of 3
  • Seguinte

Tan só cinco días despois de que dúas eguas aparecesen mortas a tiros no municipio pontevedrés de Cuntis, acontece a morte a tiros duns 25 cabalos nos montes de Rebordelo e Carballedo do municipio pontevedrés de Cotobade. Os disparos que acabaron coa vida dos equinos foron realizados cun rifle do calibre 22. Ao parecer, máis dunha persoa pode ser responsable da matanza e coñecían ben o que estaban a facer pois a maioría morreron por disparos na barriga que os levou a morrer no monte lonxe do lugar onde foron feridos e se non se atopan logo, pódese atribuír a súa morte a enfermidade ou ataque do lobo.

Membros da Asociación Cabalar Monte Castelo, de Cotobade, afirmaron que non é a primeira vez que sucede un episodio violento similar.

Os cabalos mortos en Cotobade, participaron practicamente dende o seu nacemento na rapa que se celebra cada ano en Cuspedriños, na parroquia de San Xurxo de Sacos, de Cotobade.

¿Qué interese pode mover ao “home”, se é que se lle pode chamar así ao que fai semellante falcatrúa, arrincarlle a vida a un animal que vive ceibe no monte sen facer mal ningún?

¿A quen pode estorbarlle?

Son preguntas sen resposta. Ou téñena, pero non se pode falar delas, ou mellor dito, o “home”, ese home que supostamente se sente prexudicado polas bestas  que nalgún intre, levadas da fame, baixan a comer nos seus eidos. Ou porque teñen gando no monte (vacas, cabuxas o ovellas) e pensan que lle van rapinar o pasto coma se non fose do común. Ou porque estorban os plans doutros aproveitamentos (eólicos, cultivos extensivos de Kiwi, etc.) maiormente particulares.

Nos montes do contorno do Val Miñor -Galiñeiro, Peitieiros e A Groba- críanse ceibes cabalos dunha raza autóctona dende tempos que se perden na antigüidade. E tamén, dende aquelas afastadas datas, os veciños e os donos das bestas déronse normas para respectar as propiedades e os bens de cada un. Esas normas e costumes fóronse axeitando aos tempos e agora ao mellor cómpre revisalas, pero revisalas non quere dicir que algúns impoñan as súas.

Hai pouco deron a nova de que nos montes portugueses dunha zona que estrema coa provincia de Salamanca, botaran rabaños de cabras como medida para limpar o monte e previr os incendios. Nós, nos nosos montes, xa temos gando que o fai –cabalos,vacas, cabras e ovellas-.

Por veces a natureza provoca desgrazas e desfeitas que non puidemos prever nin atallar, pero ¡que  sexa o “home” o que as faga!. O caso é que as fai e temos que estar á espreita para que non arruíne a riqueza natural dos montes e o seu hábitat e prosigamos a gozar da beleza dos cabalos ceibes e dos costumes dos coidados que implica a crianza, posta a vista nos tan festeiros, e agora turísticos, curros.