Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion O cruceiro de San Campio É tempo de Nadal.

É tempo de Nadal.

Correo-e Imprimir PDF
Victoriano Taibo

O sol asomase ao Val Miñor polo alto de San Antoniño, non moi cedo, sen quentura para deter a xeada que aínda campa nas herbas, nos recunchos umbráticos dos camiños e ao pe dos carballos. A friaxe dos seus raios enche de ouro a paisaxe salientando o amarelo dos vimbios que esperan o San Amaro, as vides non están podadas e as vidras semellan longos dedos deformados pola artrose. Arríncanse reflexos aceirados no río Miñor e no esteiros da Foz salpican as alburas das gaivotas ou das garzas remexendo as augas e axotar uns invisibles bechos que, facendo estraños e xeitosos movementos de danza,  atrapaba co largo pico.  No mar, resalta a branca escuma na rompente dos Farallons e nas illas, unha brétema, coma unha tea de araña, acabara, en canto o sol baixe por detrás da Groba, espallándose  polo Val todo, envolvéndoo de noite e de friaxe.

 Noutro tempo, cando a xente vivía e a vida pendía mais do rural,  recollíase cedo, cando as galiñas ían paseniño camiño de inzarse no poleiro despois de que o galo les dera o derradeiro “repaso”. Se non ían aos ensaios da “parranda” que habería  de cantar os reis, quedaban ao carón da quentura da cociña escoitaba ou contaba contos que, as mais das veces, alporizaban os nenos co medo, esperando a hora de arrombar o gando, logo de cear ir a alcoba a durmir.    

Así, un día con outro, seguíase esta rutina que soamente cambiaba o día do Nadal. Adiantábase un migallo a hora da cea, na que non fallaba o bacallau con coliflor, costume portuguesa das bisbarras de alén do Miño, algunha larpeirada mais, ben regadas co viño da casa e de remate o café con pinga de augardente, doces e unhas copiñas, a veces de mais, de anís, coñac ou ponche.

Despois, xa quentes, comezaba o cántico das panxoliñas e vilancicos. Cantaban todos xuntos, cantasen ben ou mal, e cadaquén botaba o seu, algúns tan coñecidos como:

                         Xesús meu neno

                         meu queridiño.

                         Entre unhas pallas

                         morto de frío.

                         Xesús meu neno

                         Meu queridiño.

                         Ai que puidera

                         darche un biquiño.

E como este, cantarían moitos mais, se non ían a Misa do galo.

D. Vitoriano Taibo, mestre da escola de Guillufe en Mogadans, algúns veciños aínda lémbranse hoxe del, escribiu esta fermosa panxoliña:

Alédate, alma, pois inda que hai neve

farto de lus, sorriso é o camiño,

e se o malvís non canta, a ponla espida

gard’ô o trino que foi nás xemas novas.

Desulladas da lúa desprendéronse,

nun sopire de amor tremolocente,

as farrenas que forman pola altura

pestanexando ledas, porque os mozos

dirmos a panxoliña, e o corazón,

balando levemete,é como un año

no cólo d’un pastor, en dôce oferta.

Non olles cara ô chan i o souto núo,

onde a neve se engorda c’a empurrada.

No boscaxe do ceo, suidade e estrelas,

nun seron de groria, hai niños de amor

sempre a lembrarnos –leda primaveira-

a cantiga da paz p’ra andar soleadas.

Axiña chegaremos -¡alma, alédate!-

trasvirados de lus e de armonia,

á terra de David c’a enxebre oferta,

neste aremo eternal que por nós chama,

neste balbor de gaitas e de anxos.

Regueiro manseliño.

Imonos, alma, e caian os meus ollos,

como chovisca de suidades ledas,

no bérce humilde de Xesús Meniño.