A investigadora Sonia Bouzo (U. de Vigo) analizou na súa tese os beneficios da equitación terapéutica.
O estudo que realizou con nenos e adolescentes constatou tamén melloras no seu desenvolvemento motor.
Permiten mellorar a coordinación e o equilibrio, ao tempo que contribúen á normalización do ton muscular, pero tamén axudan a mellorar a comunicación e as capacidades de atención e socialización. Son múltiples os beneficios, tanto no plano físico coma no psicolóxico, que as persoas con autismo poden atopar naquelas terapias que teñen nos cabalos a súa base, como vén de demostrar a investigadora Sonia Bouzo na súa tese de doutoramento. O estudo de caso que realizou cun grupo de cinco nenos a adolescentes diagnosticados de Trastorno do Espectro Autista (TEA), que antes de iniciar a terapia nunca montaran a cabalo, permitiu a esta investigadora comprobar os "moitos beneficios inmediatos" que a equinoterapia supón tanto para o seu desenvolvemento psicomotor, como emocional e comunicativo.