Sábado, 5 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Saúde No hospital de Vigo si había aspergillus

No hospital de Vigo si había aspergillus

Correo-e Imprimir PDF
Conselleira Sanidade Feijoo

A Xunta retomará o traslado ao Álvaro Cunqueiro o día 21 tras detectar e recoñecer públicamente positivos por Aspergillus no 3% das 300 mostras analizadas. Malia que o único valor de bioseguridade admisible por aspergillus fumigatus nun quirófano é cero ufc (unidades formadoras de colonias)

A confirmación da presenza do fungo, deixa en evidencia á Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, que afirmaba categoricamente que non había aspergillus nas análises. 

A Xunta informou hoxe que retomará o traslado, que parou o 28 de agosto, a partir do día 21 de setembro. As áreas aínda non abertas -Materno-Infantil, UCI, Reanimación e Ciruxía- entrarán en funcionamento. Nunha rolda de prensa en Vigo, o xerente da EOXI de Vigo Félix Rubial explicou que se tomaron 300 mostras e que só o 3% deron positivos por aspergillus. Malia que o único valor de bioseguridade admisible por aspergillus fumigatus nun quirófano é cero ufc (unidades formadoras de colonias), e nas análisis reveláronse cantidades superiores a 40 ufc e incluso próximo a 100 ufc, niveis que non foron confirmados nin desmentidos pola dirección do centro, que limitou os positivos a tres dos exames realizados, segundo dan conta no portal galego de ciencia GCiencia.com; os primeiros en dar conta da presenza do fungo  no novo hospital logo de que a conselleira Rocío Mosquera o negara o pasado 1 de setembro.

O aspergillus apareceu en tres mostras, pero a Xunta destaca que se trata dun xerme "ubícuo" polo que a maioría das persoas frecuentemente están expostas a el. Segundo indican en GCiencia, as infeccións causadas polo fungo rara vez acontecen nas persoas que teñan un sistema inmunitario normal, pero en pacientes inmunodeprimidos como os que son habituales nun hospital pode ser mortal. 

Unha doente morreu no Cunqueiro por este fungo, pero a Consellería de Sanidade mantén que o contaxio non se produxo no hospital.

No Parlamento, AGE denuncia outra concesión dun servizo a unha empresa próxima ao PP, o PSOE lémbralle a masiva manifestación e o PP respóndelles que cómpre axudar, non obstaculizar.

O pleno da Cámara votou en contra da solicitude de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e BNG de crear unha comisión de investigación sobre a paralización do traslado ao novo hospital de Vigo. A maioría do PP parou a iniciativa e o seu voceiro acusou a oposición de buscar réditos políticos.

Miguel Santalices, voceiro conservador en materias de sanidade, argumentou que o Álvaro Cunqueiro está rematado e funcionando. "O hospital non ten volta atrás, procede colaborar e non obstaculizar" dixo Santalices na Cámara. O deputado criticou o papel do Concello de Vigo, acusando ao alcalde Abel Caballero (PSdeG) de pór dificultades a entrada en funcionamento do centro.

A deputada do PSdeG, Carme Acuña, lembroulle ao goberno a masiva manifestación tras coñecerse que a Xunta paraba o traslado por daren positivo varias zonas non controis biomédicos. "Debería saber o señor Feijóo que a manifestación que foi a máis grande de España, e unha das maiores de Europa, foi a manifestación de Vigo en contra do 'hospital pp', pequeno e perigoso".

Pola súa banda, a deputada de Alternativa Galega de Esquerda Eva Solla denunciou o “financiamento irregular” da infraestrutura e a suposta entrega dos seus servizos a amigos do partido do Goberno  “Non está listo, non cumpre os estándares mínimos de calidade; hai inundacións, rotura de tubaxes, non conta con laboratorio central, non ten TAC, está sucio, non ten guindastres e si barreiras arquitectónicas, mesmo sen libro de reclamacións. E agora conceden á empresa de Güemes, quen desmantelou con Esperanza Aguirre a sanidade de Madrid, o laboratorio. A porta xiratoria, unha vez máis”, declarou a parlamentaria de AGE.

Mentres se debatía no Pazo do Hórreo, nas portas centos de persoas protestaban contra o que entenden privatización do centro. Os manifestantes, moitos deles traballadores do hospital do SERGAS, portaban pancartas con debuxos de ratos, en referencia aos roedores atopados nalgunhas dependencias. Entre berros de "dimisión!", os traballadores criticaron o que entenden é un hospital de segunda.

Así e todo o Goberno Galego agarda que amaine a treboada na opinión pública viguesa. Por exemplo, o vicepresidente Alfonso Rueda dixo esta mañá que "cando de complete o traslado e vaia funcionando a xente se dará conta que temos un hospital punteiro e que se fixo en época de crise mantendo o seu carácter público".

Todas as forzas da oposición xa pediron a dimisión de Rocío Mosquera.

Coa colaboración de Galicia Confidencial (AMEGA)