Mércores, 16 Aug. 2017

Actualizado10:28:06 AM GMT

Estás en Opinion Curuto do corvo Ai! o patrimonio

Ai! o patrimonio

Correo-e Imprimir PDF

250final-carlos

Para Juan, en memoria.

I

                Como cada venres fun recoller o meu neto á “Galiña azul”, o seu fermoso xardín de infancia. Por certo antes de que os da consellería de Feixoo lle mudasen o nome, na súa teima antiidentitaria, isto é antigalega, seica non lle gustaba o de “galescolas”, Gondomar tiña unha “Galiña Azul”, en memoria do Casares de Vilariño, que ideou e executou Alfonso Soliño Troncoso no enceto de 2008 e se colocou, o 17 de maio daquel ano, na metade do paseo chamado de Carlos Casares, por riba do parque da Coelleira.

               

 150-acueduto-do-bravo               Digo pois que fun recollelo dando un paseíño para estarricar as pernas, e como cada venres percórreme un sentimento apesarado ao pasar pola ponte da circunvalación e ollar debaixo, medio agochado, esquecido e desatendido un dos mellores bens patrimoniais da vila de Gondomar: o acueduto do Bravo. Asombrado pola estrada que ben podería facerse un pouco máis arriba. Os cinco ocos (tres arcos e dous alintelados nos laterais) alí están, cando menos, dende comezos do s. XVII ou quizais dende finais do XVI. O acueduto formaba parte da levada do barrio do Bravo que transportaba auga dende máis arriba ata o Pazo de Baludío,  preto das Escolas Proval. Hai uns anos as “urxencias económicas” impuxéronse aos séculos para estragar os beneficios económicos sustentables que os bens patrimoniais producen.

II

                 Regreso de Baiona. No aparello do automóbil soa a profunda voz, adobiada con anos de alcol e tabaco, de Cise, Cesaria Evora; nada máis e nada menos que na gravación que fixo da súa “Ausencia”  con Goran Bregovic para a banda sonora de Underground (1995) de Emir Kusturica. A caboverdiana foi unha das estrela da música dos pobos, cantando na nosa lingua, ao xeito da illa e ao ritmo da morna, as súas “sodades”.

                De súpeto sinto a presencia da ausencia. No lugar máis senlleiro do Val de Miñor, onde, durante décadas, os representantes da Xurisdición do Miñor se citaban para tomar250-curceiro-manufe limitadas decisións, falta o cruceiro. Seica, outra vez, un coche bateu contra el e esnaquizouno. Ben me fixei que a base e o peto estaban no sitio, onde levan séculos. Ben sei que o varal e o capitel eran recentes, pero boa obra. O tempo pasa e segue sen repoñerse. Tampouco, que eu saiba, se informou de que se pensase facer. As “urxencias económicas” que obrigaron a voar unha ponte de formigón por riba do acueduto do Bravo agora non poden botar a estrada uns metros máis alá para protexer un dos símbolos miñorás.

III

                O paseo, acompañado da liga anticolesterol, despois de deixar os folgos subindo cara a Pousada bordea a muralla do Pazo do Conde.  Deixa á esquerda a vixiante porta de Baiona, empoleirada no outeiro, comesta polas hedras e oculta polos brotes das acacias. Un chisco máis adiante as choivas, hai uns días, esborrallaron outro anaco do valado. Non foi só a auga. As raiceiras 250-muro-caidoinvasoras entremétense polo muro, as ramaxes cáenlle enriba. O desleixo é total. Máis adiante un anaco de muralla foi derruído para poñer unha cancela metálica estartelada. Ao virar na garita do sueste, que hai uns anos derrubara parcialmente un camión e o seguro tivera que arranxar, ao chegar a Antime, un particular puxo o camiño como se fose o patio da súa casa. Despois xa non se pode seguir a liña amurada pois o camiño deixa de existir. Seguimos cara a Randufe e chegamos ao gran monumento gondomareño á protección do patrimonio, unha rotonda que ten no medio un muíño pardiñeiro inzado de silvas, sinalizado por un poste de formigón de Fenosa e a auga a bourear entubada por debaixo da capa de piche.

                Recuperamos a liña de muralla a altura dun novo portalón oxidado. Os eucaliptos, as acacias, as mimosas, os loureiros, os toxos e250muinho-manhufe as silvas seguen no seu labor destrutivo deste Ben de Interese Cultural (BIC), o maior nivel de protección do patrimonio galego. De cada pouco outro anaco esborrallado, ata a altura da porta do Sol ou de Tui á que para achegarte tes que abrirte paso polo medio dunha silveira en loita por sobrevivir coas cascas de eucalipto, ramas partidas, toxeiras, buracos enlamados ou cavorcos nos que partir una perna;  ás veces mesmo se bota en falla un machete para emular os arqueólogos “modelo Indiana Jones” nos seus descubrimentos nas selvas centroamericanas.

               250-paso-do-conde Ben sei que se trata dunha propiedade privada. Non só iso, senón que, máis arrevesado, hai varios propietarios. Ben sei que calquera iniciativa de restauración patrimonial ten un custo inicial, económico e temporal, elevado. Ben sei que ás veces non é doado facer compatible o interese público co privado. Pero tamén sei que é unha irresponsabilidade que o máis significativo ben patrimonial do concello siga a estragarse deste xeito e non pase de ser unha matogueira.

                Non é posible encetar un traballo coordinado? Non é posible propoñer algunha medida inicial, por discreta que sexa? Non é posible controlar as silveiras? Non é posible que, cando se esborralla un anaco do muro, se recoloquen as pedras no seu sitio? Non son factibles iniciativas que permitan que a veciñanza gondomareña, miñorá ou galega sinta como propio o seu ben patrimonial máis senlleiro? Estou seguro de que si.

                Mediar entre os propietarios e as institucións públicas para crear un punto de encontro e diálogo sobre que se pode facer para salvar a casa de quen levou o nome de Gondomar polo mundo, engadíndoo ao seu titulo nobiliario, é labor inescusable do goberno municipal. É a súa responsabilidade. Hai décadas que o tiña que facer.

IV

                Día de San Brais. Dando un paseíño anticolesteroico camiñamos ata Mañufe. Trátase de recuperar a taxa de colesterol, como todos os anos, chapando uns callos que cociñou primorosamente Paula do Pazo da Escola. A “ausencia” de Cise será moito máis intensa. Faltará Juan, ou Antonio, que faleceu cinco días antes, e a súa compañeira Toia.

               ferros-no-minhor Comezamos o percorrido ollando unha das últimas desfeitas. Unha zona verde, á beira do Miñor, en zona natural de inundación e na que non sei quen quere poñer non sei que. O caso é que arrasaron a zona verde e enchérona duns ferranchos horribles que nos deixaron de agasallo ata non se sabe ben cando. En fin, a paisaxe tamén é patrimonio, e a veciñanza ten dereito a que non lle poñan un tanque de merda diante dos fociños.

                Viramos cara a Mañufe. Sinto a falta do fuste e do capitel do cruceiro. Endereito cara á ponte e lembro os fantásticos folletos turísticos municipais ou provinciais que nos falan de ponte “romana”. Ao mellor hóuboa. O caso é que esta é de mediados do XII, iso si, anterior á da Ramallosa. Pero onde está. Debaixo dunha placa de formigón para que pasen os coches. Como se os romanos usasen o Coliseo para facer un circuíto de karts. Alí está oculta, esquecida, atravesada por tubos e ferranchos que sosteñen cables de toda caste. Alguén sensato deitou no rio un perpiaño de Porriño para que minore a forza da auga e non sufra o piar central.

250-ponte-manhufe                Ben sei que a estrada é da deputación. Ben sei que os veciños queren chegar pronto as súas casas. Máis tamén sei que unha intervención de restauración patrimonial dende o cruceiro, coa ponte recuperada do seu oculto esplendor, o camiño lousado como foi, o adro da igrexa en condicións, o pazo, que xa está, ata o cemiterio converteríase nun atractivo turístico de alta rendibilidade económica e social para a parroquia, o concello e o Miñor.

                Non é posible encetar un traballo coordinado? Non é posible propoñer algunha medida inicial, por discreta que sexa? Estou seguro de que si.

                Correspóndelle ao goberno municipal tomar a iniciativa. Hai anos que o debería facer. Falar coa deputación, propietaria da estrada, implicar a veciñanza, demandar axuda do goberno galego, do de Madrid e do de Bruxelas. É labor silencioso e demorado no tempo.

                O malo é que nunca se comeza.