O pasado 20 de novembro cumpriuse o corenta cabodano da morte de Franco. O próximo 18 de xullo será o oitenta aniversario do comezo da guerra de España, perversamente denominada "civil" coa pretensión de ocultar a realidade dun golpe de estado (unha sublevación militar-fascista) auspiciado por certas elites económicas, autoridades eclesiásticas e unha maioría do exercito para impedir a consolidación dunha república democrática e dun estado formulado ao marxe do modelo uninacional; ao tempo que pretende ignorar a súa contextualización internacional: crac do 29, Gran Depresión, auxe dos fascismos e Segunda Guerra Mundial.
Dous ciclos longos que ben poderíamos denominar "franquismo" (1936-1975) e "postfranquismo" (1975-2008). Mesmo se queremos concretar, de xeito innecesario, dende o 18 de xullo de 1936 ata a data da morte de Franco, o primeiro; dende esta data ata o 15 de maio de 2011, en que tomou carta de natureza a mudanza política que estourou coa crise do 2008, o segundo.