Martes, 25 Apr. 2017

Actualizado05:00:34 PM GMT

Estás en Opinion Crónicas da vella Erizana Crónicas da Vella Erizana: “O Banco da A B”

Crónicas da Vella Erizana: “O Banco da A B”

Correo-e Imprimir PDF
banco-a-b-1
banco-a-b-2
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Son banco. Meus irmáns foron tamén bancos, pero miñas irmás, macetas e varandas. Aínda que de material sinxelo, cemento, os meus artesáns foron artistas. O meu efecto madeira non o puido facer outro que ese home, o antigo apoderado ou administrador de Monterreal: D. Antonio Marcote, ese foi meu pai ( ou quizais seu irmán Valentín), ambos coñecidos como Os do Castillo. As miñas iniciais maiúsculas A e B, son os meus ollos e, grazas a elas, puiden ver todo o que pasaba ao meu redor dende que me fixeron.

Ángel Bedriñana Meana foi meu amo e a el debo esas letras aínda que pouca xente as saiba xa interpretar. Lembro ler un ABC de 1924 que dicía que: “El millonario asturiano Don Ángel Bediño (debía dicir Bedriñana), residente actualmente en Madrid, ha adquirido en 70.000 duros el histórico castillo roquero de Monte Real”. Parece mentira en vós baioneses/as, que vos esquecerades de quen vos deu dúas mil pesetas para comer en abril de 1936 a petición de Don Herminio Ramos. A Don Ángel debémoslle tamén o palco da música da Palma, construído as súas expensas no 1927 polo mestre de cantería Pereira (axudado por peóns como Angelito Vernet, un futuro artista). Se fose pouco, a Praza de Abastos da Vila leva tamén o seu nome.

Dentro da fortaleza, son da súa autoría diferentes modificacións, aínda que si vos digo a verdade, non recordo si o ameado o fixeran aqueles portugueses que viñeran traballar nas restauracións da muralla ou si fora cousa do amo anterior, D. José de Elduayen. O certo foi que se tapiaron troneiras dalgúns baluartes, pero tamén é verdade que non disparaban cando menos dende os anos 40 do século XIX.

Dende o meu recuncho ao pé da Porta do Pozo todo o vin. Lembro, por exemplo, un 29 de agosto de 1940. A vila choraba aínda a morte do Xeneral de Aviación D. Manuel Barreiro Álvarez, falecido en xullo, cando nunha das habitacións do Palacio, a filla do amo Dona Margot Bedriñana tivo a Alfonso María Juan, fillo do Comandante de Artillería D. Alfonso González. Pero Don Ángel non só tiña a Margarita (Margot). Con ela, viñan a pasar as temporadas estivais seu esposo e seus irmáns Don Ángel coa súa esposa Dona Dora Sedano, Don Jesús coa súa muller pertencente á nobreza de Valladolid ou Dona Digna, casada co alto mando da Mariña Española, D. Alejandro Molíns. Estes últimos, pasaban os veráns lonxe de min, nas antigas cabalerizas (hoxe Tapería A Pinta). Máis amiga miña, de sentarse longas tardes a miña beira era D. Dora Sedano, escritora de historias e novelas que gustaba de recostarse xunto á Torre do Príncipe e ver o atardecer mentres fabulaba as súas aventuras.

Aquel que tanto en min se sentara, Encomenda con placa da Orde de Alfonso X El Sabio, faleceu un 8 de novembro de 1952 aos 81 anos de idade, celebrándose o seu funeral na igrexa de San Jerónimo El Real. Dende aquela, conto os días do meu fin. Aínda que pensara que o 1963 sería o meu ano de falecemento, o meu sino non estaba alí. Por noticia de xaneiro daquel ano, souben que o Castelo viña de ser mercado por 19 millóns de pesetas para convertelo en Parador Nacional de Turismo, sendo ministro D. Manuel Fraga. Pensei ao momento, vendo o transcurso das obras, que o meu destino sería semellante ao do vello palacete de 1880 construído polo Señor Elduayen. Máis quixo o destino que fose apartado polos obreiros baioneses cara o meu actual emprazamento.

Dende aquela, sigo vixiando e recordando vellos tempos, as parolas con Joselín á beira da cisterna e o seu Goberno Cantiñán ou as coplas que entonaban os mariñeiros ao saír á ardora:

Eu son de Baiona,
da terra do peixe,
a que precio llo vende señora señora!

Eu son de Baiona,
da terra da sardiña
a que precio llo vende
señora, señoriña.

Si sales a la mar matarilela,
si sales a la mar matarilela
Virgen de la Roca oriéntame en la mar
de esas bravas olas que se han de callar.

El Castillo da,
luz al marinero,
todos los barquitos
para ese lucero.

Un ano máis (si Dios quere) sigo aquí, comesto polas silvas e a vexetación aínda que sen patas e co corpo débil, esperando que o ferro do meu interior acabe por oxidar para sempre.