Mércores, 9 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Curuto do corvo Saom Sarmento e criado a veira de Portugal

Saom Sarmento e criado a veira de Portugal

Correo-e Imprimir PDF

250final-carlosOs estudosos da lingua e da literatura galega teñen denominado aos séculos XVI e XVII como "os séculos escuros". Esta denominación podería estenderse ao século das luces, aínda que neste se observen certas mudanzas na mentalidade de sectores influídos polas ideas ilustradas.

Nestas centurias, a lingua galega escrita practicamente desapareceu. O galego quedou reducido a unha lingua familiar e coloquial, xusto no momento en que outras linguas romances comezan a substituír ao latín na vida cultural, política e administrativa.

O proceso de penetración do castelán, foi selectivo e horizontal. Esto é asentouse entre os sectores dirixentes e socialmente mellor situados, mentres que a inmensa maioría da poboación, tanto rural como urbana, practicamente ágrafa, continuou instalada exclusivamente no galego.

180CondeA castelanización das clases dirixentes viña de lonxe e veuse agravada pola paseniña substitución da nobreza galega por outra forasteira. Nos séculos XVI e XVII o poder en Galiza era exercido case en exclusiva por esta aristocracia foránea e a baixa nobreza, escasa, que permaneceu no país foise desgaleguizando con maior ou menor rapidez. Pola súa banda o aparello eclesiástico favoreceu este proceso e os mosteiros galegos pasaron a depender de centros casteláns e a Igrexa que tiña encomendada a función educativa realizaba esta en latín e castelán. O mesmo pasaba na Universidade de Santiago.

De a cabalo entre os dous séculos máis tristes do noso idioma viviu o Conde de Gondomar. A afección de don Diego Sarmiento de Acuña á bibliofilia e a conservar as epístolas que recibía, así como copia, ou cando menos nota, das que enviaba, permítenos ter hoxe unha fonte única e de primeira man. Entre estas atópanse algúns dos escasos textos que se conservan deste período

Nas cartas recibidas por don Diego podemos observar, como mínimo tres actitudes por parte dos remitentes. Unha, a daqueles que empregando o castelán incluían galeguismos illados en termos ou expresións que no saberían, ou non se poderían, traducir. Outra sería a dos membros da baixa nobreza ou outros sectores letrados nos que o galego sae con fluidez aínda que o conflito entre linguas está sempre presente.

Unha terceira actitude, de certa complicidade lingüística, sería a que, por exemplo, adopta o parente do Conde de Gondomar, don Diego Sarmiento de Sotomayor, señor de Achas e Petán, do que se coñecen dúas epístolas enviadas a don Diego de Gondomar. Unha de abril do 1605 e outra de setembro do mesmo ano. Na primeira o señor das Achas dille a don Diego "e que fixese isto nesta lingoaxe pois e de v.m. tan estimada e por ela me troufe aquí que coela despertaría v.m. do sono de coRexidor". A outra responde máis á segunda das actitudes comeza e remata en castelán. Nas cartas do señor das Achas observase unha grafía moi próxima as formas portuguesas que debía coñecer ben pois "saom Sarmento e criado a veira de Portugal".

Publicado orixinalmente en Novas do Eixo Atlántico e no blog do autor, Pé do Galiñeiro