Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Crónicas da vella Erizana Crónicas da Vella Erizana Nadal 2015: “Corre o vento, o río pasa.”

Crónicas da Vella Erizana Nadal 2015: “Corre o vento, o río pasa.”

Correo-e Imprimir PDF
postal-nadal-anxo-2015


Corre o vento, o río pasa.
Corren nubes, nubes corren
camiño da miña casa

(Rosalía de Castro)

Coas palabras de Rosalía poderíamos dar o ano por rematado. Un ano que vai como outro calquera, outro que virá como normalmente. Dende o alto do Castro de Morade vese todo moi ben, o ir e  vir das xentes da Vila, os que van cos da feira e veñen cos do mercado ou aquelas nubes que corren no ceo, esas tamén se ven, veñen da Groba. Quen sabe cara onde camiñamos? pregúntase o sentinela dende o alto. Se cadra, as augas do noso mar saben a onde imos e teñen respostas ao noso mundo. Elas mentres tanto como cada día romperán na Punta do Boi ou en Cagar de Vacas, si alí no Burgo xunto ao monumento oxidado, o lugar onde se despezou o IVY un barco afundido no 1976 preto das Estelas, aquelas illas nas que en palabras de Frei Martín Sarmiento “abundan de perdices”. O mar é noso, dicíalle un vello lobo de mar a seu fillo debaixo dos arcos da vella Praza do Peixe, na Ribeira, mentres vía como dende o cambalache de Daniel unha nova embarcación se botaba ao mar. ¿Cantas gamelas ou dornas farían as mans de Daniel Esperón Millán, cantas as do seu aprendiz Manuel Costas (O Kanikí)? Elas sucaron os mares como nós sucamos a vida, buscando o mellor porvir e un vento sempre de popa. Os tempos non son fáciles pero tampouco máis difíciles que noutrora, simplemente temos que saber levalos, cambiando os estrobos dos remos e vogando todos a un tempo, non vaia ser que o mar tenebroso nos afunda como lle pasou aos do San Telmo detrás do Castelo. Mentres tanto cantaremos, se non é aquela canción que dicía “Virgen de la Roca, oriéntame en la mar, de esas bravas olas que se han de callar”, polo menos fagamos memoria e cantemos a canción deste tempo por antonomasia dende 1929:

El suceso ocurrido en Nochebuena

Nochebuena jamás la olvidaré

naufragó el Aslaug en Farallones

cuantas almas fueron a perecer.

O vello mailo fillo seguiron vendo cara Baiona, lembráronse de todo aquel mundo perdido dende a Casa da Zapatillera ata Debaixo do Pozo pasando pola conserveira de Godoy, o vello pilón das monxas, a Praza da Fruita ou as Escolas de Misa. Aquela Baiona calou para sempre. Xa non se ve ás mulleres de Baredo e Baíña comendo do que enlataban na vella conserveira e matando a fame, as lerias que as Nais Dominicas escoitaban diariamente ao pé do seu convento naquela fonte ou como debaixo dos arcos das Verísimas O Oureiro tentaba vender ás xentes de Donas e Borreiros as súas últimas xoias. Do pobre do conserveiro Don Manuel Godoy ao que lle foron roubar os dentes de ouro ao camposanto tampouco ninguén se acorda. Que pena, que desmemoriados somos, a nosa memoria esvaeceuse nunha sociedade de novas tecnoloxías e do si te he visto no me acuerdo.

- Non se enfade meu pai, o destruído desfeito está, xa non ten remedio. Os novos sempre podemos facerllo rememorar a aquelas persoas que si o lembran, a historia fronte o que dirán sempre serve para algo máis que para conmemorar, é parte do noso existir, simplemente hai que fiala con bo gusto.

A luz que nos trouxo Don Laureano Salgado serviu para algo máis que alumearnos. Boas Festas e Próspero Ano 2016, venturoso e cheo de descubrimentos.