Sábado, 23 Sep. 2017

Actualizado10:28:06 AM GMT

Estás en Opinion Curuto do corvo Teatro para a xente*

Teatro para a xente*

Correo-e Imprimir PDF

250final-carlosCando un era mozo, hai disto moitos anos, participabamos nunha asociación cultural das que inzaron polo país nos primeiros anos setenta do pasado século; unha das actividades primordiais era o teatro, afeccionado, daquela todo o teatro en galego era afeccionado. A compañía de rapazolos e rapazolas armaban con absoluta vontade e escasos medios algunha que outra peza para representar na vila, en mundial estrea, e despois, en exitosa xira, percorrer as parroquias do arredor e ata algúns dos concellos veciños. Eran obras de escenificación simple e sobre todo blancoamorianas.

Por certo, entre a admiración e a boa educación, pediramos audiencia ante don Eduardo para que nos concedese autorización para representar un dos seus contos escénicos: “A tía Lambida”; permiso que evidentemente nos concedeu agradecéndonos, con afectuoso entusiasmo, a nosa visita. Ao longo da conversa, no vestíbulo dun hotel ourensán, don Eduardo afirmara, frase da que sempre acordei: “o meu teatro é para a xente, escribino para que fose representado polas vilas e aldeas...”. Esta concepción dun teatro popular, expresado nunha lingua popular, deixouna explícita Blanco Amor na “xustificación” do seu Teatro para a xente1 publicado en 1974, un ano despois das súas Farsas para títeres2, cando escribe:

“Esta “xentes” esiste; forma a máis grande maioría do noso pobo, i é a que procura, e atopa, na outra língoa, ou na deformación paródica da súa -o castrapo- os estímulos e comprimentos do seu apetite de lecer e de divertimento que non lle ofrece, nos seus usos “cultos” unha lígoa galega que non é a súa: aquela en que tan requintadamente falamos i escribimos uns intelectuais pra os outros ou pra uns leitores minoritarios...” (p.9)

Este “populismo” de Blanco Amor estaba ben afastado das:

“(...) desmesuras e chocalloadas do falso enxebrismo postxoselinistas e da súa estrema deformación profesional no “xambolismo” que acada tamén o tratamento de “lo gallego” no teatro e no cine, pintoresco e colonialista, aínda que sexa por mans de direitores “intelectúais”.(p. 10-11)

Para os que se poidan perder nas referencias eduardianas, o “postxoselinismo” fai referencia a Joselín (José Rodríguez de Vicente, 1895-1958), un personaxe (galego de aldea, bo e de poucas letras, pero con moita sabedoría) enormemente popular tanto no país como na gran capital galega, o Bos Aires da primeira metade do século XX, que andaba a contar chistes cun esaxerado “sotaque” e unha presenza chocalleira e paleta. Aínda así Blanco Amor engade unha “exculpación” do contador:

“Non lle boto enriba todas as culpas desta nova modalidade “folklórica” dos narradores de socedos ou contos como espectáculo parateatral, ao que foi meu bon amigo Xosé R. de Vicente, “Xoselín”, galego culto, gran cabaleiro, amante e defensor da súa terra por enriba dos seus avatares políticos sinón a aqueles que sin verdadeira gracia popular fixeron da súa natural finura de ouservación de tipos populares e da lingoaxe dos peiraos baioneses, un brosmo “patois” badoco pra adivirtir aos “executivos” en vista con estas espresións “raciales” ao remate das enchentes oficiáis”. (p.10-11)

farsas para títeresBlanco Amor sabía ben do que falaba. Os “avatares políticos” do Joselín aos que se refire son os dun contraditorio virachaquetas: membro inicial das Irmandades da Fala, risquiano; alcalde de Baiona na ditadura de Primo de Rivera; afiliado ao Partido Galeguista; galeguista en B. Aires e franquista condecorado en España. Tamén, Blanco Amor, coñecía ben a vila baionesa que visitaba con frecuencia nos anos finais da década dos vinte do pasado século e nos esperanzadores da República, a segunda. Recollemos de Ardentía3:

“Levado polo seu amigo Camilo Nartallo, Blanco Amor embarca nese buque de Baiona4 para andar á sardiña durante seis días5 ás ordes do patrón Xoaquín P. Nartallo, O Puto, na compaña de dous chós, Tiño e Pepiño, e rodeado de tripulantes de potentes alcumes: Manchiñas, Bachinanga, O Perón, O Glorioso, O Americano, O Marimónides, O Labios, O Cachuzo, O Maricallas...

E tamén:

“En marzo de 1933, o autor de Os biosbardos emprende unha nova travesía oceánica, con destino a Vigo, a bordo do mesmo "Highland Princess"(...). Vén para ver morrer a nai, para polemizar co Partido Galeguista, para coñecer e intimar con García Lorca, para prendarse da figura política de Manuel Azaña... e tamén para revisitar a Baiona do "Norita"(...)

Pola súa banda o “xambolismo”, fenómeno tipicamente franquista, fai referencia ao humorista e actor Tomás Ares Pena (A Coruña, 1908 - Madrid, 1977) coñecido popularmente como Xan das Bolas no seu papel de galego “paleto”.

Así pois na busca dese punto de equilibrio, por certo nada doado de atopar, entre “tradición” e “modernidade”, bandeando entre o “intelectualismo” e o “folklorismo“, pretendía aguantar o leme Blanco Amor para navegar na procura de:

“á (...) conciencia como tal pobo galego, que esta é, no fondo de todo, a custión.” (p.9)

O certo foi que aquel grupo de mozos e mozas, do que eu só participaba lateralmente, puxeron en escena, que eu lembre, primeiro “A tía Lambida” e despois o “Cantar dos Cantares ou Galicia 1948” co beneplácito de don Eduardo, concedido pouco antes do seu falecemento, decembro de 1979, polo que debeu ser na altura de 1976 ou quizais no remate de 1975.

Fortes ventos sopraron nas velas daquela iniciativa. Loxicamente a Mostra que organizaba, dende 1973, Abrente en Ribadavia; tamén, para algúns que andabamos por Compostela, ver, enceto de 1975, a Roberto Vidal Bolaño convertido nun hercúleo Juan el Pantera (Xan O Panteira na adaptación) que o Teatro Antroido presentara na III Mostra de Ribadavia e logo percorrera vilas e aldeas; pero houbera outro pequeno, ou non tanto, detalle que insuflara ánimos a aquela rapazada.

Coa ousadía da mocidade empezárase ben por riba, representando, nin máis nin menos, que Os vellos non deben namorarse. Non lembro ben se se representaba completa a obra de Castelao, coido que non. O caso é que ao remate dunha das representacións achegouse ata onda os actores un home, xa maior, fraco, máis ben alto, ben traxado e peiteado, que transmitiu sentidos parabéns ao elenco actoral e aos moitos e moitas que andabamos ao redor, desmontando o simple, pesado, primitivo attrezzo e convidábanos ao que o visitásemos nun hotel ourensán. Quen nos transmitía tan emotivas congratulacións e parabéns era nin máis nin menos que o “Tacholas”6. Poucos de nós, ao mellor ninguén, sabiamos quen era, pero que un señor maior se achegase a felicitarnos e ademais ben engravatado e falando un galego excesivamente culto causounos sorpresa e admiración. No día citado aló fomos, a outro vestíbulo, doutro hotel, no que o que para nós xa se convertera no celebre Tacholas, procuráramos información abondosa, díxonos con xesto serio e enchido de emoción que o fixeramos chorar pois trouxerámoslle ao maxín aquel 14 de agosto de 1941 cando participara na estrea da obra de Castelao, no Teatro Mayo de Bos Aires, na que interpretara a morte no primeiro lance e a don Ramonciño no segundo. Convidounos aos cafés, departiu amablemente con nós, sempre cun xesto serio. Logo despediuse e mirámolo acercarse á caixa do ascensor sen volverse en ningún momento.

Aquel xesto do Tacholas empurrara o ánimo do grupiño de teatro afeccionado e da asociación cultural da que formaba parte para seguir activos durante os seguintes anos. Dende entón a realidade da cultura galega e, en particular do teatro, mudou en substancia.

O colosal Xan o Panteira pelexou duramente para converter o seu Antroido na primeira compañía de teatro galego profesional, co “Laudamuco, señor de ningures”, estreada no Colexio La Salle de Santiago o 18 de maio de 1978. Logo viñeron o Centro Dramático Galego (1984), a TVG (1985)..., e centos de persoas interpretando, iluminando, deseñando vestiario, coidando do son, da fotografía... sen embargo aquilo que era para Blanco Amor “no fondo a cuestión”, é dicir, “a conciencia como tal pobo galego”, segue a esmorecer. Non sei se atinamos!

Hai ben anos que o, na altura, concelleiro de cultura de Gondomar, José Luís Mosquera Veleiro, puxo en marcha unha mostra de teatro na vila miñorá. Durante anos os mellores grupos profesionais téñense achegado ata o auditorio Lois Tobío para poñer en escena as súas obras. Mesmo nalgún momento, que non lembro con exactitude, supoño que en 2003, un ano despois da morte de Roberto, ao Mosquera ocorréuselle poñerlle o seu nome á Mostra do outono que dende aquela pasou a denominarse Vidal Bolaño. Nun lateral da sala, fronte por fronte cun óleo de Tobío realizado por Claudio Maseiro, colgou unha foto de Roberto co seu pucho na testa e o pito na man. Alí foi onde o vin por última vez, xa moi doente, poñéndolle corpo e voz a Tuavii de Tiavea, xefe dunha tribo samoana que lle explica aos seus súbditos as escasas virtudes da vida e costumes dos papalagui7, isto é dos homes brancos.

Un día o Celso Parada comentoume: "Tedes un caso ben curioso en Gondomar, un concelleiro que é do pepé e sabe de teatro; e gústalle o teatro galego aínda que non fala galego” e despois gabou a súa programación teatral.

A Mostra séguese a celebrar na actualidade, aínda que, quizais pola rutina, pero sobre todo pola falta de cariño e dedicación de Mosquera, vai decaendo co paso do tempo. Ben merecía un novo impulso.

mostra-teatroQuixera retornar ao título destas liñas, que tomei prestado de don Eduardo, para louvar unha nova iniciativa teatral, a “I Mostra de teatro afeccionado de Gondomar e Oia”, que acaba de poñer en marcha a, recén creada, sección de teatro do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), que dirixe Luís Carballo. Causoume unha gran satisfacción asistir a algunhas das representacións programadas8.Máis alá da maior ou menor calidade das mesmas ou dos textos, evidentemente Fo e Arrabal non precisan avaliación, o que me interesa é salientar tanto a asistencia de público, en moitas ocasións veciños e veciñas dos actores con dificultades para reprimir a gargallada amigable ao ver persoas coñecidas ou familiares enriba do escenario, como o espazo social de colaboración, de traballo en común, de esforzo colectivo altruísta, de xenerosidade, de confianza, de humildade... que translocen as horas de ensaio, de debate, mesmo de enfados para acadar o obxectivo de representar unha obra colectiva, de recuperar para a xente o teatro de expresión e representación popular e achegarse ao que no “fondo é a cuestión” como diría don Eduardo.

A realidade desta 1ª Mostra non sería tal sen as accións constantes, silenciosas, xenerosas e efectivas de Miguel Anxo Mouriño dende a dirección da sección de Lingua e Literatura do IEM. Foi el quen animou e convenceu a Luís Carballo para que primeiro armase un grupiño de Morgadáns para representar peciñas breves de Victoriano Taibo con motivo da entrega do premio anual de poesía que leva o seu nome e, despois, a asumir a posta en marcha da sección de teatro de xeito tan atinado, pois non se pretendeu poñer en marcha un novo grupo teatral no IEM senón en aproveitar as sinerxías, coordinar as iniciativas existentes, darlles visibilidade aos grupos parroquiais e emprazalos a un reto anual. Como tampouco sería realidade sen a colaboración, como sempre, de Fino Lorenzo que realizou o deseño do cartel e dos programas de man. Eu quixen ver, no punto vermello que centra o cartel, o nariz de comediante que Vidal Bolaño incorporou como símbolo da súa profesión e que os compañeiros e compañeiras colocaron sobre o seu cadaleito.

Por certo, a conto de Taibo. A cara oposta do que estamos a falar. Un señor que seica preside, infortunadamente, a Entidade Local de Morgadáns, o primeiro que fixo ao tomar posesión foi retirar a dotación coa que, durante sete anos, a Entidade veu afrontando o premio, prestixiando o nome de Morgadáns no ámbito cultural e fomentando a acción comunal da veciñanza arredor do acto de entrega: actuación da banda de gaitas “Balcón do Miñor”; representación do grupo “Bertorella”; participación dos alumnos e alumnas de Taibo... Afortunadamente o goberno municipal de Gondomar acudiu ao rescate e, para desgusto do non amentado que seica preside, asegurou a celebración do oitavo premio de poesía Victoriano Taibo, que agora non levará o engadido de Entidade Local de Morgadáns, e, agardemos, que o de anos futuros.

Sorprendeume o grupo de Viladesuso, ademais de pola dignidade da representación, polo texto escollido. O vello Picnic no campo de batalla escrito e rescrito por Fernando Arrabal, a partir de 1947, cando a súa nai pretendeu que ingresara na Academia Militar, e estreado en 1952. O pai de Arrabal, militar de profesión, leal ao goberno da República, condenado a morte, despois conmutada, preso en varios cárceres, fuxiu dun deles en pixama e cunha enorme nevarada, nunca máis se soubo del.

No texto de Arrabal un matrimonio decide acudir á guerra para visitar o fillo, un soldado, e propoñerlle un xantar campestre na fronte de batalla; a chegada dun soldado inimigo dá pé a compartir as viandas de xeito amigable e comentar a guerra ata decatarse de que ningún deles quere estar alí; daquela deciden regresar ás súas casas, pero morren no medio dun ataque, non se sabe ben de quen. É “o absurdo da guerra xorda”, segundo o autor.

A xordeira que non escoita o ruído das bombas en Beirut, en Siria, en París; a xordeira que non escoita as rafagas dos kalasnikov e dos M16; a xordeira que non escoita os berros de dor, de medo, de rabia, de odio...

Dende hai anos veño expresándolle ás persoas amigas o meu temor ante a escalada de enfrontamentos armados que dende 2001 veñen asolando o Oriente Medio e que aos poucos estanse a estender polo planeta. O intervencionismo imperial dos EEUU, secundado polas potencias da Unión Europea e a anuencia dos réximes islámicos máis retrógrados, encabezados por Arabia Saudí, estendeu a guerra por Afganistán, Kuwait, Iraq, Libia, Exipto, Siria... e o rebote xa chegou a Madrid (11 de marzo de 2004), Londres (7 de xullo de 2005) e agora, so por citar os que ocuparon horas nos medios audiovisuais e consumiron toneladas de papel, a París. A intervención rusa en Siria, os xogos do réxime turco de Erdogan, a inestable situación exipcia... supoñen un chanzo máis na xeneralización dos enfrontamentos armados e son unha seria ameaza para a paz mundial. Sempre comento nos faladoiros que cando se encetou a guerra de España (1936) ninguén coidaba que despois viría a invasión de Polonia (1939) e a extensión do conflito armado na banda occidental do continente, ninguén pensaba que a Alemaña nazi ía ser quen de atacar a URSS (xullo, 1941)e ninguén, entre eles a cidadanía norteamericana, que a guerra se ía estender ao Pacífico (decembro, 1941), ata converterse en mundial.

Agudizoume esta percepción ver un grupo de veciños de Viladesuso, sobre o escenario do Lois Tobío, recuperar un texto de hai máis de medio século que infortunadamente segue a estar de máxima actualidade. Lembrei entón que deberiamos poñernos o nariz de bufón do que tanto gustaba Vidal Bolaño para berrar:

¡Non á guerra!

 

* - Publicado no blog Pé do Galiñeiro - 27/11/2015

1 Blanco Amor: Teatro para a xente. Ed. Galaxia, Vigo, 1974. A capa e as abundantes ilustracións , como era habitual en Galaxia, son de Xohán Ledo e recolle os textos: O cantar dos cantares, ou Galicia 1948, Fas e Nefas, ou o castelo enmeigado número 5.000 e pico; A carauta; Os baralláns e os tres contos escénicos: A medosa Blandina, A lebre das ánimas e A tía Lambida.

2 Blanco Amor: Farsas para títeres. Edicións do Castro, Sada, 1973. As ilustracións son de Luís Seoane. As farsas son: Romance de Micomicón e Adhelala; Amor e crimes de Juan el Pantera;Falsa morte e certa morte de Estoraque o Indiano; o libro completase con dous autos Anxélica no ombral do ceio e A verdade vestida.

3 Colectivo Etnográfico Mascato: Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, nº 3. Edición da Federación Galega da Cultura Marítima e Fluvial. Cambados, xuño 2006. ISSN 1699-3128. .

4 Refírese ao Norita.

5 Xaneiro de 1929.

6 Fernando Luís Iglesias Sánchez “Tacholas” (Ourense, 1909-Bos Aires, 1991). Estudou nos Maristas, foi membro da Coral de Ruada e emigrou, con vinte anos, á Arxentina onde estaban xa o seu pai e irmáns. Integrouse na vida cultural das sociedades galegas e foise abrindo camiño como actor na radio, dese momento vénlle o alcuño. Comprometido coa causa republicana, en 1941 funda, con Maruxa Boga, a Compañía de Comedias Galegas Boga-Tacholas e tivo diversos programas radiofónicos sobre Galicia. A partir de 1950 convértese nun dos actores máis populares do cine e do teatro arxentino.

7 Scheurmann, Erich: Os papalagui. Libro de ficción publicado en 1920. Edicións positivas, 2000. Traducción de Onofre Sabaté.

8 As obras programadas, postas en escena por primeira vez polos respectivos grupos, foron: “Non hai ladrón que por ben non veña” de Dario Fo, interpretada polo grupo “Bertorella” de Morgadáns, dirixido por Luís Carballo;”Os animais do paraíso” de José Luís Marques LLedó, a cargo de “Xente daquí e dacolá” da parroquia de Mañufe; “Picnic” de Fernando Arrabal, representada polo grupo “O mellor de cada casa” de Viladesuso, dirixido por Rosa Otero; de novo o grupo de Mañufe “Xente daquí e dacolá” representou “O asasino anda solto de José Cedena”; o grupo da parroquia de Borreiros “Xesta Vermella” representou “Doutor de cabeceira” de Antonio Fortes González e como remate o grupo “A Moura” de Chaín porá en escena a obra “Polos pelos” de Fátima Granja Paz.