Mércores, 4 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán A drástica diminución do tráfico con Nigrán desmontan a xustificación da necesidade do vial Saiáns - Porto do Molle.

A drástica diminución do tráfico con Nigrán desmontan a xustificación da necesidade do vial Saiáns - Porto do Molle.

Correo-e Imprimir PDF
O trazado do vial discorre polo corazón de Nigrán cunha grande afección de casas e propiedades

- Esquerda Unida de Nigrán aporta datos que cifran en case 5 mil vehículos menos ao día o tránsito nas principais estradas de Nigrán.

- Aseguran que as imprecisións do trazado do novo vial no PXOM crean 400 mil m2 de incertezas no concello.

Esquerda Unida non entende a necesidade de incluír un novo vial de alta capacidade que “dividirá Nigrán en dous”  no PXOM, tras comprobar que as principais carreteiras que atravesan o municipio rexistran un descenso continuado de tráfico.  Nunha alegación ao documento que a formación presentará nos próximos días, aseguran que os estudos dos últimos sete anos arroxan un descenso en case 5 mil vehículos diarios entre a Estrada pola Vía (PO 325) e a estrada Vigo-Camposancos PO 552 (carretera vella Vigo - Baiona).

Ante a falta dun estudo de mobilidade por parte da Xunta de Galicia que dea fundamento á inclusión do vial Balsa-Saiáns-Porto do Molle no PXOM, a agrupación recopilou información pública a partires das bases de datos das estradas PO-325 e PO-552, referidos ao IMD, número total de vehículos que pasan durante un ano por unha sección transversal da estrada, dividido polo número de días do ano.

Os datos indican que na estrada PO-325 (Km 7) desde o ano 2005 até o ano 2012, o IMD desta estrada pasou de 11.464 a 8.171 vehículos diarios. Cun descenso do IMD todos os anos desde 2006 até o ano 2012 (salvo o ano 2007 do que non se dispoñen de datos). Na estrada PO-552 (Km 3) desde o ano 2006 até o ano 2012 o IMD pasou de 15.896 a 14.908 vehículos diarios, constatándose tamén o descendendo todos os anos desde o ano 2006 até o ano 2012, salvo o ano 2010 “que creceu debido as obras na estrada PO-325”, sinalan.

Polo cal, de sumarse o tráfico da PO-325 e da PO-552 desde o ano 2006 até o ano 2012 o IMD conxunto destas dúas estradas pasou de 28.403 a 23.079 vehículos por día. A maiores, confirman que os datos de IMD, da autoestrada Val Miñor “son baixísimos para unha infraestrutura deste tipo”. Neste punto, o pasado mes de agosto, a Xunta de Galicia tivo que adoitar a decisión da contratación dun estudo de viabilidade económica das súas autoestradas fronte ao descenso de 4500 vehículos diarios, cun descenso do 14% do tráfico no tocante á autoestrada do Val Miñor.

Unha infraestructura "in-xustificada"

Esquerda Unida asegura que o vial Balsa-Saiáns-Porto do Molle,  planifícase no PXOM, “a pesar de non estar incluído en ningún plan de estradas aprobado polo Consello da Xunta de Galicia”, tal como é preceptivo . Tampouco contaría co compromiso da Xunta de Galicia para o seu finanzamento” tal como indica a LOUGA”, engaden. Dende EU sinalan que que a documentación do PXOM de Nigrán indica que é un trazado “orientativo”,  cando a normativa urbanística esixe que debe ser “preciso”.

400 mil metros cadrados de incerteza.

Para os alegantes contrarios ao trazado desta infraestructura, todo isto vai xerar unha incerteza xa que os aproximadamente 400.000 metros cadrados afectados polo víal “non necesariamente van a ser os que aparecen agora, senón que poden ser calquera”, no caso que se varíe o trazado. Neste senso “a estes novos afectados se lles impediría a posibilidade de alegar ao descoñecer, na actualidade, a afección dos seus terreos e propiedades”, sinalan.

Contradicións na xustificación.

José Cuevas, voceiro de Esquerda Unida en Nigrán, lembra que o propio alcalde Alberto Valverde (PP)  opuxose  á creación deste vial cando estaba na oposición chegando a presentar alegacións en contra desta infraestructura.

Desde EU sinalan que na propia memoria xustificativa do PXOM indícase que “Cando se executen as obras de mellora dos accesos á AG-57 en proxecto, terase resolto en toda a súa funcionalidade a conexión de Nigrán con Vigo e a súa coroa metropolitana, Gondomar e Baiona”. Cuevas sinalou que “as conexións de Nigrán con Vigo están actualmente resoltas”, polo cal “se a pesar diso se quere mellorar a mobilidade no Val Miñor con Vigo, o que ten que facerse e liberar a autoestrada do Val Miñor” afirma.

Os datos de crecemento poboacional tampouco están xustificados.

Sianalan que o trazado deste vial tampouco se pode sustentar no gran crecemento da poboación de Nigrán, xa que a estimación para o período que vai entre ano 2015 ao  2027 “no documento da Xunta de Galicia, é de 2377 habitantes para Nigrán, e para o caso de Baiona (que podería influír no aumento dos desprazamentos) prevé un descenso de 99 habitantes”.

Nigrán leva tres anos consecutivos en números negativos no seu censo, onde máis de 180 persoas deixaron de estar empadronados no municipio segundos os datos do período 2009 - 2012