Mércores, 16 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O alcalde de Nigrán convoca unha comisión express para ceder a outra empresa o contrato da redacción do PXOM.

O alcalde de Nigrán convoca unha comisión express para ceder a outra empresa o contrato da redacción do PXOM.

Correo-e Imprimir PDF
pleno pxom 2013

O alcalde de Nigrán convocou onte mércores unha reunión extraordinaria da Comisión Informativa de Asuntos Xerais para este sábado ás 10 da mañá.

O obxectivo é obter unha autorización previa á cesión do contrato de redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), antes da súa posta a votación final en pleno.  

A beneficiaria da cesión contractual sería a empresa EPTISA Servicios de Ingeniería SL, actual redactora do PXOM de Gondomar, trala liquidación da UTE Arnaiz Consultores – Tinsa Consultoría que a levou ata de agora.

Dende o pasado luns barállase a convocatoria dun pleno extraordinario para a vindeira semana ca fin de pechar a cesión, unha semán antes do pleno ordinario.

Sorpresa na oposición polo cambio de comisión

Segundo confirmaron varios edís da oposición, na reunión de portavoces do pasado luns a alcaldía quedara en convocar á Comisión de Urbanismo para o tratamento deste tema. Sen embargo cambiou pola de Asuntos Xerais, onde pode asegurar unha votación favorable. Na de urbanismo o PP atópase en minoría polo seu carácter representativo do pleno. Aínda que o tema a tratar é unha cesión de contrato e polo tanto pode ter encaixe na comisión de asuntos xerais.

O estudo das alegacións está paralizado den fai meses.

As miles de alegacións presentadas por veciños e colectivos están paralizadas dende fai meses e non serán xa estudadas nin resoltas. Segundo fontes internas o estudo das alegacións leva meses paralizado e non existe intención de contestalas de momento, pese a que a lei obriga ao equipo redactor a contestar unha a unha no documento aínda que non son vinculantes ao resultado final do PXOM.

A actual redacción do PXOM está pendente de modificar aspectos substanciais trala retirada do vial Balsa - Saiáns - Porto do Molle onde os terreos e casas afectadas terán que volver a computar no reparto das cargas urbanísticas.

Por riba o PXOM foi informado desfavorablemente pola Xunta de Galicia, e debe corrixir aspectos formais e de fondo antes da súa aprobación definitiva como lembraba este xoves Esquerda Unida a través dun comunicado.

Pero ademais destes aspectos, o PP está en solitario na defensa do documento. A oposición, agora maioritaria no pleno, rexeita por unanimidade o traballo desenvolto pola antiga redactora pola súa escasa calidade técnica. Chegando no caso de UCN a pedir un resarcimento económico ás arcas do Concello polos graves prexuízos que ocasionados.

O PSOE, partidario de reiniciar o proceso cunha nova empresa pero retomando o marco do Consello Sectorial  tampouco é partidario da cesión express do contrato ao igual que o BNG. Só o edil non adscrito Ignacio Vilas tería afirmado a súa intención de continuar o proceso actual, segundo fontes que participaron na reunión do luns, aínda que matizaron que diso non se desprendía un apoio á actual redacción.

A nova  empresa redactora xa solicitou máis cartos.

O Concello de Nigrán conta na actualidade cun orzamento próximo aos 90 mil euros para enfrontar o resto da tramitación. Cifra que Eptisa entende insuficiente polo que xa solicitou uns 60 mil euros a maiores para traballos adicionais, segundo informaron a VM.info participantes da reunión de portavoces do pasado luns.  Segundo as mesmas fontes, ata esa reunión a devandita consignación non contaba cun informe algún da Intervención, polo que hai dúbidas sobre a legalidade dunha suposta aceptación do pedido por parte do Concello de Nigrán.