-O portavoz Fernández Comesaña cuestiona a viabilidade técnica e económica do Plan Xeral de Ordenamento Municipal (PXOM) de Nigrán que prevé un 76% da súa financiación entre a Xunta e o Estado "sen que estea avalado por ningún compromiso firme de ambas as dúas administracións".
-UCN-CDL denuncia a expropiación de 200 mil m2 en Parada e Panxón no novo PXOM de Nigrán.
-Agrega que o PXOM está baseado nunha cartografía "antiga e sen actualizar, que non recolle a realidade do municipio"
O portavoz da formación Unión Centrista de Nigrán-Centro Democrático Liberal, Antonio Fernández Comesaña, advirte que o documento do PXOM presentado para a súa aprobación inicial, prevé a expropiación de 200.000 m2 de terreos situados nas parroquias de Parada (50.000) e Panxón-Rabadeira (150.000). Denuncia que estas leiras "serán expropiadas previsiblemente a prezos irrisorios", nunha operación que vinculará o seu financiamento ao desenvolvemento de 16 chans urbanizables, repartidos ao longo de todo municipio.
Nese senso, o concelleiro opina que resultará "de moi difícil ou imposible execución, que unido á utilización dunha cartografía antiga e sen actualizar, que non recolle a realidade do municipio, converte o documento urbanístico nunha utopía que previsiblemente acabará no caixón dos recordos".
UCN sostén que o actual documento do PXOM dificilmente poderá superar o mínimo informe dos técnicos municipais -xa que entre outros cousas-, non se dá resposta detallada ás múltiples obxeccións da Xunta no "seu amplo e demoledor informe".
Fernandez Comesaña detalla nun comunicado que non se xustifica polo equipo redactor as motivacións técnicas en que se basean, nin tampouco se resolveron as cuestións expostas nos informes sectoriais desfavorables, "talles como Augas de Galicia, Infraestruturas, Costas, etc.; polo que, moito nos tememos, que terá que ser modificado substancialmente, o que virá confirmar as nosas sospeitas, unido á reticencia do Alcalde a entregar os informes técnicos, o que agravará máis o incumprimento do contrato polo equipo redactor (que excede en 36 meses o prazo inicial previsto de 18), debendo reformulase a súa continuidade e esixir responsabilidades".
O concelleiro opositor tamén cuestiona seriamente a viabilidade técnica e económico-financeira do Plan Xeral e advirte que os 170 millóns de euros que establece o plan de viabilidade económica para o seu desenvolvemento, atribúe un 76% do financiamento ao Estado e Xunta (130 millóns euros) e o 24% restante ao concello (40 millóns), "sen que estea avalado por ningún compromiso firme de ambas as dúas administracións". Agrega que tampouco contempla financiamento da Deputación, nin de axentes do sector privado, nin contribucións especiais. "Centra o maior esforzo investidor no 1º cuadrienio 2012-2015, sendo unha previsión pouco realista ao computar o 2012, e dúbida da capacidade económica do Concello para afrontalo" opina.
UCN culpa ao PP e PSOE do previsible fracaso, "pola súa utilización na confrontación política, partidista e irresponsable, sen preocuparse para nada de que os verdadeiros prexudicados son os veciños de Nigrán, que ven con impotencia e rabia como pasan os anos e cada vez a situación vai a peor".