Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Socialistas publican en Internet os novos planos do PXOM de Nigrán.

Socialistas publican en Internet os novos planos do PXOM de Nigrán.

Correo-e Imprimir PDF
mapa-solo-pxom-nigran

A desconfianza entre goberno e oposición chega ao seus máximos en Nigrán. O PSOE decidiu esta tarde facer público en Internet os planos de Ordenación Territorial e Clasificación de Solo do PXOM actualmente en trámite, que o alcalde Alberto Valverde mantiña ate o de agora baixo celosa custodia.

Os socialistas din publicalos nun acto de "transparencia", logo de constatar que os mesmos difiren dos consensuados durante o seu goberno co Consello Sectorial e as entidades veciñais. Tamén como resposta ao "secuestro" que fixo o alcalde do PXOM "dende a súa chegada á alcaldía" e por sentirse "directamente" aludidos polas acusacións de "filtracións" mal intencionadas feitas por Valverde esta mañá, segundo declaracións do concelleiro Juan González (PSOE).

A situación de cada leira a un clic.
Os planos atópanse aloxados na web do PSOE de Nigrán, e poden consultarse directamente "en liña" o baixalos como arquivos PDF. Coa ferramenta "Zoom" dispoñible nos programas de lectura destes arquivos, calquera interesado pode informarse da situación na que o novo PXOM de Nigrán ten previsto para cada construción ou leira do municipio.

A veracidade dos planos feitos públicos
"Por suposto que o Partido Socialista, a pesar dos inconvenientes e das negativas do Partido Popular e de Alberto Valverde, dispón do documento enviado por Alberto Valverde á Xunta de Galicia", manifestou Juan González , fornecendo a autenticidade dos mesmos.

Crónica dun desencontro.
A medida dos socialistas prodúcese horas despois da advertencia pública feita polo alcalde contra supostas filtracións "que solo buscan generar un clima de crispación similar al de 2006 y boicotear la aprobación inicial del documento". Tamén a tres días da xuntanza de portavoces municipais convocada esta mañá por Valverde, da que os socialistas manifestan terse decatado pola prensa.

"A crispación, as supostas filtracións e a opacidade ven dada por un goberno de Alberto Valverde que secuestrou o Plan Xeral dende a súa chegada á Alcaldía", manifestou Juan González, en resposta ás acusacións do alcalde.

"O Partido Socialista non busca máis que convencer a Alberto Valverde que o PXOM non é un documento que se aprobe dende unha maioría absoluta senón dende o consenso entre grupos políticos e sociedade", agregou o concelleiro do PSOE. 

"É por elo que vimos denunciando de xeito continuado o cambio de estratexia do goberno de Alberto Valverde que ten secuestrado e ocultado un documento ao que no temos acceso nin corporación nin cidadanía dende a súa chegada á Alcaldía de Nigrán", asegurou momentos despois da publicación dos planos.