Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Critican ao alcalde de Nigrán por pedir 300€ de “adianto” para viaxar a Madrid cando “gaña 60 mil ao ano”

Critican ao alcalde de Nigrán por pedir 300€ de “adianto” para viaxar a Madrid cando “gaña 60 mil ao ano”

Correo-e Imprimir PDF
Entrega do PXOM á Xunta antes da aprobación inicial.
Download this file (Firma_decreto_reunion_arnaiz.pdf)
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

UCN cuestiona que o alcalde de Nigrán pedira 300€ de adianto para viaxar a Madrid cando gaña máis de 65.000€ ao ano entre o soldo de rexedor e deputado.

Tamén que dita viaxe, efectuada en febreiro e vinculada a unha reunión coa empresa Arnaiz Consultores, redactora do PXOM, a mantivese “oculta” nunhas supostas “negociacións por detrás da corporación” para rescindir a vinculación coa citada empresa. O Decreto que autorizou o “adianto” ao alcalde Alberto Valverde e asinado polo tenente de alcalde, Alberto García, foi dado a coñecer este venres polo edil opositor Antonio Fernández Comesaña (UCN).

No correr da xornada, o Concello de Nigrán emitiu un desmentido, asegurando que “ao día de hoxe non existe tal renuncia” (desvinculación) e replicando a Fernández Comesaña coa esixencia que aclare a súa “suposta vinculación “ co aluguer dun local á concesionaria CESPA, propiedade na que figura como socia a muller do edil, así como por ter percibidos hai uns anos “60.000 euros por parte doutra administración por un traballo de tres meses” sendo membro político da corporación municipal e cunha excedencia como funcionario” de Nigrán. Fernández contestou a VM sobre estas denuncias do rexedor.

Para a oposición o PXOM queda sen equipo redactor.

A oposición está convencida que as relacións do alcalde de Nigrán coa empresa redactora do PXOM (Arnaiz Consultores) están totalmente “deterioradas” e que o vindeiro luns nunha reunión de portavoces convocada esta semana, Alberto Valverde anunciará a recesión do contrato. Para UCN, a sospeita de que a renuncia “podía ocorrer dun momento a outro”, foi a raíz dunha viaxe realizada a Madrid o pasado 12 de febreiro por Valverde, e que este mantivo “oculta” ata que, segundo esta agrupación, “a oposición tivo coñecemento dun decreto polo que se lle autorizou a percibir un anticipo a xustificar por importe de 300€, para a viaxe”. De consumarse a desvinculación contractual, para o PSOE “desgraciadamente haberá que volver a empezar case dende cero” na elaboración do PXOM de Nigrán.

Pola súa banda, o rexedor de Nigrán sae ao cruce destas declaracións e sinala que “ao día de hoxe non existe tal renuncia”. Engade que a oposición demostra un “absoluto descoñecemento” da actualidade da tramitación do PXOM e anuncia que na devandita reunión do luns 5 de maio recibirán “todas as explicacións oportunas”.

O deterioro das relacións do Concello de Nigrán con Arnaiz Consultores.

Fontes iternas do concello aseguran que as relacións da empresa redactora co concello están rotas dende fai máis de medio ano.

O rumor dunha posible ruptura con Arnaiz Consultores estaba instalada nos círculos políticos dende a renuncia do ex edil de Urbanismo, Ignacio Vilas. Unha división no equipo de goberno popular que provocou un cruce de graves acusacións entre Valverde e Vilas, entre elas a presunta existencia de “pelotazos urbanísticos no PXOM”, así como “presuntas conexións entre o equipo redactor e algún gabinete de arquitectura”, o que acendeu “todas as alarmas e sementou graves sombras sobre o futuro -cada vez mais incerto- do Plan”, segundo declaraba o portavoz de UCN, Antonio Fernández Comesaña trala finalización do pleno de setembro de 2013.

Consumada a separación de Vilas, a principios de abril deste ano Antonio Fernández Comesaña, tamén denunciara que o alcalde negociaba “por detrás da corporación” a desvinculación do actual equipo redactor do documento. Denuncia agora fornecida pola aparición do citado Decreto de Alcaldía onde Valverde solicita un “adianto” en febreiro pasado para “asistir a unha reunión sobre o plan xeral coa empresa redactora Arnaiz” e que a oposición descoñecía. Por riba, o edil da UCN lembraba en abril que a “empresa -que está en proceso concursal- foi incapaz de realizar o seu traballo no prazo comprometido (18 meses), polo que deberá indemnizar por danos e prexuízos causados”

O PXOM de Nigrán volve a punto 0?

O PXOM de Nigrán conta cunha aprobación inicial dende xuño de 2013. Sen embargo, o máis de un milleiro de alegacións presentadas obrigou a un novo estudo do documento por parte da empresa redactora. A súa desvinculación, segundo analiza o concelleiro Juan González (PSOE), implica “empezar case dende cero” e descarta a súa aprobación neste mandato municipal.

Fernández Comesaña fala do aluguer a CESPA e as actividades de consultoría.

“O portavoz de UCN debería centrarse en dar explicacións aos veciños de Nigrán” sinalaba este venres o alcalde Alberto Valverde, evidentemente molesto polas críticas de Fernández ao pedido de “adianto”. Nomeadamente , Valverde salientou “a súa suposta vinculación coa empresa concesionaria do servizo  de recollida de lixo a través dun aluguer” así como por ter percibidos hai uns anos “60.000 euros por parte doutra administración por un traballo de tres meses” sendo membro político da corporación municipal e cunha excedencia como funcionario” de Nigrán

En primeiro lugar o rexedor facía referencia a unha nova publicada por La Voz de Galicia na que se daba conta da existencia dun contrato de aluguer  por un local propiedade da muller de Fernández en sociedade  cos funcionarios municipais de Nigrán, Eloy Rodríguez Alborés e Álvaro Fernández Rodríguez (este xubilado). Dito aluguer  asinado no ano 2004 e con duración de 16 anos, o sexa durante o tempo da concesión, tería beneficiada a esta sociedade con 264.960 euros. Contrato que foi asinado meses antes da aprobación da concesión na que figuraba a obriga para a empresa de contar con instalacións no municipio, e sendo Fernández Comesaña concelleiro de Infraestruturas de Nigrán, con responsabilidade política na área da devandita concesión.

 Fernández Comesaña, en declaracións a VM afirmou que o contrato de aluguer está dentro do “exercicio da liberdade de mercado”por parte da empresa CESPA que pode contratar “con quen queira”. Asegura non ter cometida ningunha “ilegalidade” porque ten separacións de bens coa súa muller dende o ano 2000. Agrega que a concesión a CESPA non foi unha decisión súa senón da corporación municipal que “a votou  no seu momento”.

Co respecto ao cobro dos 60 mil euros que facía mención Valverde, o edil asegura que forman parte da súa actividade profesional e privada nunha consultoría da que é socio e que fai traballos de asesoramento en materia contable e informática a concellos de toda Galicia. Asegura que trátase dunha actividade que non ten ningún vencello coa súa condición de funcionario de carreira no concello de Nigrán, e pola que “pago impostos”.  Fernández Comesaña negou calquera tacha “ética ou legal” en ambas as dúas actividades denunciadas por Valverde e desafiou ao rexedor a que faga unha “denuncia xudicial” se está convencido do contrario. “A estou esperando”, salientou.