Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O BNG convida ao resto de grupos municipais a que renuncien aos 3000 euros en dietas polo último pleno

O BNG convida ao resto de grupos municipais a que renuncien aos 3000 euros en dietas polo último pleno

Correo-e Imprimir PDF
Xabier Rodríguez, portavoz do BNG de Nigrán | Imaxe: BNG Nigrán

O representante e voceiro do BNG de Nigrán, Xabier Rodríguez, anuncia que renunciará á dieta que lle corresponde polo Pleno Extraordinario fallido do pasado xoves e convida ao resto de corporativos a que fagan o mesmo.

A convocatoria extraordinaria foi convocada polo alcalde co único punto na orde do día sobre a cesión do contrato do PXOM logo de que a UTE Tinsa-Arnáiz entra en concurso de acreedores en España, que finalmente acabou sobre a mesa ante a falta dos informes de intervención e xurídico.

 

"O BNG de Nigrán quere facer público que rexeitaremos cobrar a dieta correspondente ao Pleno Extraordinario do pasado xoves" así o manifestou o seu portavoz Xabier Rodríguez nun comunicado este sábado logo de que o alcalde de Nigrán Alberto Valverde (PP) lanzase un "órdago" ao portavoz nacionalista convidándoo a renunicar á súa retibución por asistencia ao pleno "si tanto le preocupa el coste". O nacionalista recolleu a luva, aínda que manifesta que a decisión xa estaba tomada de antes - "Teño que dicir que non pensabamos facer pública a nosa decisión ata ter formalizada a petición, isto é, ata rexistrar o escrito de renuncia aos emolumentos que nos corresponden. Pero as declaracións públicas do Alcalde, invitándome a renunciar á miña retribución se tanto me preocupa o custo, fan que adiantemos a comunicación desta decisión que xa tiñamos tomada.."  - comenta o portavoz nacionalista.

O pleno no que só se debateu sen tomar ningunha decisión salvo deixar sobre a mesa a cesión do contrato até a aportación dos informes xurídico e de intervención, supón un custe de máis de 3000 euros dado que ademáis das dietas dos corporativos hai que engadir as retribucións aos funcionarios que teñen obriga de acudir ao pleno fóra das súas horas de traballo.

"Esta decisión é coherente coas críticas que vertimos sobre a falta de xustificación para convocar un pleno extraordinario dúas semanas antes do ordinario, ao cal se podería perfectamente ter levado o asunto como un punto máis da orde do día, pois non existía prazo ou data algunha que sustentase a urxencia dun procedemento que leva meses paralizado. " comenta no comunicado Xabier Rodríguez que lanza agora a "luva" ao resto de corporativos para que fagan o mesmo e " que renuncien a cobrar por unha sesión na que o único acordo que se tomou foi deixar sobre a mesa o asunto a tratar, aforrándolle así as arcas públicas varios miles de euros gastados sen necesidade."