O goberno de Nigrán leva a adiante a aprobación do PXOM en solitario. Os grupos da oposición votan en contra nun debate de cruce de acusacións sobre a responsabilidade do documento.
O alcalde asegura que o polémico vial Saiáns - Porto do Molle - Ramallosa é mellor que o trazado do plan Vigo Intégra do bipartito galego, e que a diferenza está en que este trazado discurre por terreos rústicos e que non afectará a ningunha vivenda.
O pleno de Nigrán aprobou o pasado venres, nu pleno urxente convocado polo goberno do Partido Popular, a aprobación inicial do documento, ante a protesta de 200 veciños que pedían a paralización do trámite até que non se correxiran as numerosas eivas que contén o docuento. A protesta iniciouse ao comezo do pleno ante a negativa da alcaldía de permitir a entrada dos veciños que pretendían asistir ao pleno e blindar o concello con policía e garda civil máis o forte dispositivo de antidisturbios apostado na contatorna ante un eventual repunte do conflicto veciñal. O aforo estivo limitado a apenas 20 persoas, malia que a metade dos ocupantes foron convocados polo propio Partido gobernante e xa tiñan reservada a súa praza "en primeira fila".
O goberno defendeu o documento como un documento bó para Nigrán. O alcalde asegurou que nunca levaría adiante un plan que non defendese os intereses xerais dos veciños de Nigrán.
Os grupos da oposición defenderon a súa negativa. O PSOE centrou o debate no erros que contén o documento, a falta de transparencia e información na súa tramitación, e sinalou a varios concelleiros como "beneficiarios" deste plan, algo que foi recriminado polo propio alcalde que lle dixo que lle recomendou que acudise aos xulgados. A afección que provocará o vial de alta capacidade traído do Plan Move do actual goberno da Xunta de Galicia que discurre dende Saiáns até a Ramallosa tamén formou parte do debate . Un vial de alta capacidade con tramos entre 2 e 4 carrís pechados e unha afección de 30 metros a cada lado; que mesmo foi rexeitado polo propio Partido Popular no ano 2008 pola fracturación que supuña para o concello de Nigrán un vial de semellantes características.
O BNG criticou a urxencia pola aprobación do documento e a falta de transparencia na súa tramitación. Así mesmo solicitou ao goberno municipal que amplíe o período de alegacións mínimo de 2 meses, para dar tempo a que os veciños presenten as súas alegacións.
UCN solicitou a retirada do documento alegando os incumprimentos de contrato do equipo redactor TINSA- ARNAIZ.
A partir da data de publicación no DOG, o concello decreatará a paralización de licencias até a finalización do procedemento do novo documento, salvo aquelas que xa estén en marcha ou en determinados ámbitos, sempre e cando non entre en conflicto co novo ordenamento. O prazo para a presentación das alegacións ao documento aprobado inicialmente tamén contará dende a data desta publicación oficial.
Os colectivos veciñais organizan xa as súas rondas de asesoramento técnico por parroquias para poder recoller e presentar as alegacións que corrixan moitos dos erros que contén o documento aprobado. Só serán tidas en conta as alegacións que teñan unha base xurídica legal polo que será preciso que os veciños acudan ao asesoramento técnico de arquitectos ou avogados para presentar as súas alegacións.
Ampliaremos información