Martes, 3 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O alcalde de Nigrán recoñece agora a inminente rescisión do contrato coa empresa redactora do PXOM.

O alcalde de Nigrán recoñece agora a inminente rescisión do contrato coa empresa redactora do PXOM.

Correo-e Imprimir PDF

A empresa redactora atópase en proceso de liquidación logo de pasar un proceso de concurso de acreedores.

O concello negou até o último momento as denuncias de UCN e PSOE sobre a ruptura das relacións entre o concello e a UTE Tinsa- Arnáiz Consultores, así como o estancamento do PXOM dende a súa aprobación inicial.

Antonio Fernández (UCN) sinala unha neglixencia por parte do alcalde ao levar á aprobación inicial o PXOM coa finalidade de que a empresa percibira o 25% do prezo fixado no contrato, pese a entregar un documento "impresentable".

O alcalde Alberto Valverde negociará con Arnaiz Consultores unha cesión do contrato a outra empresa co fin de non paralizar a tramitación do PXOM, segundo expresou esta mañá na reunión de portavoces municipais. Unha "previsible entrada en liquidación concursal" da actual redactora do documento urbanístico (Arnaiz Consultores) "obriga a iniciar o trámite formal para unha posible rescisión" segundo establecen as cláusulas do contrato, explicou o rexedor. Nese senso, adiantou que trasladará á empresas que conforman a UTE a cargo da tramitación do PXOM, a apertura dun procedemento "para resolver esta situación nun prazo de 10 días".

A pesar de negalo hai 3 días, o rexedor finalmente admitiu a imposibilidade de que Arnaiz Consultores puidese seguir adiante tras entrar en en concurso de acredores cunha posible liquidación concursal. Feito que fora denunciado por UCN e o PSOE a principios de abril e que lles levara a afirmar que o rexedor (que goberna en minoría) "negociaba por detrás da corporación" unha saída á crise.

Cando hai tres días, coñecíase a existencia dun decreto que permitía unha viaxe a Madrid de Valverde no mes de febreiro para reunirse con Arnaiz Consultores, a oposición volveu insistir na gravidade da situación, así como a falta de diálogo que Valverde amosaba cos demais grupos na procura dunha solución que evite levar o PXOM de Nigrán novamente ao "punto cero".

A situación da empresa redactora, un secreto a voces

A primeiras horas da mañá e antes da celebración da reunión de portavoces de Nigrán, o concelleiro Fernández Comesaña (UCN) insistía en denunciar que Valverde estivo estes meses na procura dunha "saída pactada" co equipo redactor. Negociado que segundo Fernández tiña por único obxectivo evitar que a empresa Arnaiz tivese que indemnizar a Nigrán polo incumprimento do contrato. Por iso, afirma, "a costas da corporación municipal", forzou a aprobación inicial en xuño de 2013 dun "PXOM impresentable" ca única finalidade de que a empresa percibira "o 25% do prezo fixado no contrato e que o alcalde foi cómplice de aprobalo". Situación que ocorreu, sinala Fernández cando era xa un secreto a voces que a empresa estaba en concurso de acredores, e que agora está en proceso de liquidación".