Luns, 2 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán UCN sospeita dunha futura urbanización no monte de Condominguez

UCN sospeita dunha futura urbanización no monte de Condominguez

Correo-e Imprimir PDF
Reserva de solo e afección do novo vial nas Angustias

O portavoz da formación Unión Centrista de Nigrán-Centro Democrático Liberal, (UCN-CDL) Antonio Fernández, sospeita que o novo vial  trazado no novo PXOM que parte desde Rúa dous Pazos (á altura das Angustias), até conectar coa PO-552 Vigo-Baiona (á altura dos Abetos),  "contemplado no PXOM que Alberto Valverde quere aprobar inicialmente de forma express", discorre por unha ladeira de monte arbolado, e "pode esconder unha futura urbanización no monte de Condominguez, na parroquia de Priegue".

 

Segundo sinala Fernández "non está xustificado o seu trazado por unha zona forestal que se atopa protexida, polo que non ten sentido algún a reserva de chan para infraestruturas, e demais, cunha elevada pendente que dificulta a súa execución."  

O portavoz dos centristas, sinala que en 2002, "os anteriores propietarios alegaron manter conversacións co goberno municipal de entón (PSOE), para trasladarlle supostamente, unha proposta de convenio urbanístico e materializar a súa urbanización, que ao parecer non era do todo descartable a ollos daquel goberno, polo que as pantasmas do pasado puidesen volver reaparecer".

Ferández sinala non dar o seu apoio á PXOM polos distintos erros que contén o documento urbanístico, entre outros sinala: A limitación do crecemento nas parroquias de interior. A utilización dunha cartografía desfasada que non recolle a realidade do municipio. Impor un viario estrutural que atravesa o municipio de Norte a Sur, sen ningún estudo técnico que o xustifique. A renuncia a crear un gran centro urbano en Nigrán, xa que se consolida o colexio de Vilameán, á conta de expropiar vivendas e incrementando a edificabilidade do ámbito (baixo+3 plantas). Crear un novo polígono industrial en Telleiras, sen accesos.  A falta de confianza no equipo redactor, por demora en máis de 40 meses o prazo do contrato, co consecuente prexuízo. E sobre todo, presentar unha PXOM que non garante a súa viabilidade técnica e económico-financeira, así como non adatado á realidade do municipio, que mesmo, na estimación de empregos, baséase nun estudo realizado polo "Consorcio Rexional de Transportes de Madrid", como guinda.

Fdez. Comesaña, reprocha a "actitude prepotente do alcalde", por non querer acordar coas forzas políticas nin sociais, unha xestión que entende como "opaca"; e por pretender convocar un pleno, sen dar tempo á oposición ao seu estudo, convertendo así o Plan "nun documento do PP, en lugar de ser unha PXOM de todos os veciños de Nigrán", polo que pide a súa retirada.