-Trece colectivos integrantes do Consello Sectorial de Nigrán e mais o PSOE e o BNG piden ao alcalde un mes máis para estudar a documentación cun "clima axeitado", fóra do período electoral.
-Unha primeira análise da documentación do PXOM efectuada polas asociacións veciñais rebela unha cartografía desactualizada na meirande parte dos planos.
O pasado xoves 4 de outubro o Concello de Nigrán entregou por primeira vez a documentación completa do Plan Xeral de Ordenación Municipal aos colectivos integrantes do Consello Sectorial. Xunto coa mesma, unha nota na que outorgaba un prazo de sete días para que as mesmas presentaran " aquelas consideracións que estimemos oportunas". O pasado xoves 11 de outubro (data vencemento do prazo), trece colectivos e máis as agrupacións do BNG e o PSOE presentaron unha nota por rexistro solicitando un aprazamento de 30 días, aos efectos de completar o estudo do PXOM, cuxo atestado de máis de mil folios, contén unha información " moi densa, técnica e, por iso, difícil de entender para as persoas non especializadas en temas urbanísticos" segundo advirten os colectivos na misiva.
Deficiencias que arroxou a primeira análise do documento por parte dos colectivos veciñais.
Igualmente na nota déixase constancia que "nunha primeira análise do devandito Documento atopámonos con que a cartografía utilizada, na meirande parte dos planos, non está actualizada". Sinalan a existencia de vivendas "xa construídas" que non aparecen na planimetría existente no proxecto. Agregan que hai erros e deficiencias nos trazado das infraestruturas actuais dalgúns barrios do municipio, así como unha variación importante do trazado dos núcleos rurais tradicionais co respecto ás Normas Subsidiarias vixentes.
A nota tamén da conta da existencia de vivendas dentro destes núcleos tradicionais que, a pesar de encadrarse dentro das definicións que para a tipoloxía de vivenda tradicional teñen as actuais normas urbanísticas da Comunidade Autónoma, non aparecen reflectidas como tales nos planos de ordenación e, así mesmo, si aparecen outras que non contan con tales características marcadas pola actual normativa autonómica.
Outros elementos advertidos nesta primeira análise sinalan que non queda ben definido "cales son os baremos para facilitar licenza nos núcleos de recualificación sinalados nos planos; existencia de núcleos poboacionais consolidados que, na práctica, non teñen posibilidade de crecemento ou este é mínimo e non se ten en conta a aplicación dos coeficientes de edificabilidade para tales asentamentos; hai zonas de servizos non contemplados ou mal definidos na cartografía."
Os colectivos reclaman 30 días máis de estudo e a convocatoria do Consello Sectorial.
Os colectivos ademais do reclamo dun mínimo dun mes máis para o estudo da documentación, solicitan que durante este período se volva convocar o Consello Sectorial establecendo un calendario de traballo sobre o PXOM coa participación, tamén, do Equipo Redactor, Técnicos municipais e asesores dos propios Colectivos que conforman o Consello Sectorial.
O documento presentado á alcaldía está asinado pola A.VV. "Arribas Brancas, Seixos Negros e Portocelo" de Panxón, A.VV. "A Camoesa" de Camos, A.VV. "O Castro" de Chandebrito, A.VV. "Dunas" de Nigrán, A.VV. "Monteferro" de Panxón, A.VV. "A Irmandade" de Priegue, Comunidade de Montes en Man Común de Chandebrito, Cofradía de Pescadores "A Anunciada", Sociedade Deportiva Bolos do Ceán, Colectivo "Nunca Máis" do Val Miñor, Colectivo "Salvemos Monteferro", Agrupación Local do BNG e Agrupación Local do PSdeG-PSOE.