O Concello de Nigrán mantivo hoxe unha reunión de traballo sobre o Plan Xeral de Ordenamento Municipal (PXOM) na que participaron o equipo redactor e os portavoces das agrupacións municipais, coa excepción do PSOE . Segundo o informado polo alcalde Alberto Valverde, os técnicos municipais analizarán e avaliarán a documentación presentada pola empresa redactora para posteriormente informar se a mesma cumpre cos requisitos técnicos e xurídicos vixentes, para a partir de alí fixar as etapas políticas e administrativas de cara a súa aprobación inicial. Consultado o alcalde, este afirmou que unha estimación realista fixa esta instancia sobre finais deste ano 2011.
Na reunión mantida esta tarde do xoves 28 de xuño, participaron representantes do gobernante PP, e os concelleiros do BNG e UCN-CDL, co ausencia anunciada do grupo opositor maioritario, o PSOE. Nun comunicado asinado polo seu portavoz Juan González, afírmase que “O Partido Socialista de Nigrán reafírmase na súa decisión de non asistir a reunións referentes ao PXOM co PP mentres non rectifiquen publicamente as súas declaracións do 19 de maio (dous días antes das eleccións) polas que acusaba ao goberno Socialista de “ocultar a los miembros de la corporación local y a los vecinos y vecinas de la existencia de un borrador del documento de aprobación inicial del Plan General”. No mesmo escrito afirma que " O Partido Socialista esperará todo o tempo que sexa necesario a esas desculpas públicas de Alberto Valverde e o Partido Popular e mentres tanto seguirá traballando tal como o fixo nos últimos anos para que Nigrán teña o mellor Plan Xeral de Ordenación Municipal."
Pola súa banda, o alcalde Valverde afirmou ter achegado por rexistro municipal unha citación por escrito ao grupo socialista onde explica as razóns polas que o PP emitira tal declaración daquela. O rexedor informou ter mantida días atrás unha xuntanza con González e mais o concelleiro e secretario xeral do PSOE Nigrán, Manuel Doldán sobre o tema. Valverde entendeu que co ese escrito presentado onte, cumpría cos requisitos, aínda que entendía que "non tiña a obriga de estar dando explicacións". O rexedor de Nigrán afirmou a Valminor.info que ten o interese de solucionar este diferendo cos socialistas e nos próximos días buscará unha nova xuntanza cos mesmos para que o traballo do PXOM goce da concordia e consenso que mantivo ata de agora.