Tras o cese do tenente de alcalde e concelleiro de urbanismo Ignacio Vilas, e a súa renuncia á militancia no Partido Popular, o pleno da corporación queda integrado con 8 concelleiros do PP, 6 do PSOE e 3 do Grupo Mixto (1 BNG, 1 UCN-CDL, ao que sumará agora o novo non adscrito).
A perda da maioría absoluta do Partido Popular en Nigrán abre un novo escenario político nos futuros dous anos do mandato do rexedor Alberto Valverde.
A renuncia de Ignacio Vilas aos cargos de goberno e a súa inclusión no grupo mixto do Pleno da Corporación, obriga que as "decisións sobre Nigrán", xa "non sexan as decisións do PP", segundo o veceiro do PSOE, Juan González.
Opinión coincidente coa do concelleiro Fernández Comesaña (UCN-CDL), quen afirma que agora verase a capacidade de Valverde para "buscar e alcanzar acordos de consenso", así como para pechar "a grave crise no seu goberno".
Socialistas e centristas non deixan de amosar a súa preocupación por entender que Nigrán agora está en mans dun "goberno débil e enfrontado", segundo González, á vez que falto de "sintonía" na súa interna, na opinión de Fernández Comesaña. "Era un secreto a voces dende hai tempo os desencontros" na agrupación de goberno, engade Fernández, quen non dubida en atacar ao rexedor de Nigrán por distraer o mandato "máis en solventar ansias de poder e pelexas internas" que en resolver "os problemas dos veciños".
Se ben desde filas do PSOE, grupo maioritario da oposición con 6 edís, sinálase que a posibilidade da presentación dunha moción de censura "non se está a barallar", a saída de Vilas "a única persoa que entende algo de urbanismo no goberno do PP" resulta "moi preocupante" nun momento onde está en plena tramitación a aprobación do PXOM.
Pola súa banda, UCN-CDL entende que toca "un cambio de rumbo" no goberno de Valverde, acostumado a gobernar "comodamente" por mor da maioría absoluta da que gozaba até fai 24 horas.