Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor "Terras Raras": Un proxecto de minería extractiva a ceo aberto quere aterrar na Serra do Galiñeiro.

"Terras Raras": Un proxecto de minería extractiva a ceo aberto quere aterrar na Serra do Galiñeiro.

Correo-e Imprimir PDF
terras raras_china

-"Terras raras" a nova guerra do Século XXI.

- A operación iníciase no medio da ofensiva dalgunhas potencias de Occidente para facerse destes xacementos dominados nun 95% polos chineses: Terras raras, a materia prima das novas tecnoloxías.

-A primeira parte do proxecto prevé traballos de sondaxe e avaliacións por tres anos na Serra do Galiñeiro, a mans da multinacional "Umbono Capital".

-Próximo a 40 colectivos galegos xa presentaron alegacións contra o proxecto.

O Galiñeiro será obxecto dun proxecto de investigación mineira de prosperar a solicitude presentada pola multinacional "UMBONO CAPITAL" á Xunta de Galicia, co fin de detectar algúns dos 17 minerais que integran as cobizadas "terras raras". A pescuda orientaríase a avaliar os recursos que agocha o enclave destes elementos fundamentais para a construción e funcionamento das industrias da "Era Dixital": dende móbiles a coches híbridos, turbinas eólicas, pantallas de raxos X e os imáns máis poderosos. O proxecto pechou a súa etapa de exposición pública na que recibiu alegacións procedentes de corenta colectivos sociais que denuncian o impacto ambiental deste tipo de explotacións, así como por tratarse dun novo intento de recualificación deste espazo natural en chan industrial.

O chamado "Proyecto de Investigación del P.I. Galiñeiro", prevé pescudar principalmente a zona do monte pertencente aos concellos de Mos e Porriño, ca fin de avaliar "su posible potencial minero en minerales de Tierras Raras", segundo o petitorio presentado por Consulting de Geología y Minería (CGM), S.L. (con sede en Santa Marta -Badajoz), en representación do grupo multinacional de fondos de inversión Umbono Group of Companies, con sedes en Sudáfrica e Canadá.

A face de pescudas está estimada en tres anos e cun custe de 310 mil euros que pagaría Umbono, segundo o petitorio. De acadarse unha concentración importantes das chamadas "terras raras", a multinacional encararía a construción dun enxeño mineiro a ceo aberto para as tarefas de extracción.

O dominio estratéxico das Terras Raras, a nova guerra do Século XXI.

O dominio estratéxico dos xacementos de "terras raras" ten a China como principal potencia, quen domina o 95% das exportacións mundiais destes minerais. Posición que non só ten a súa pegada en termos de mercado, por exemplo, en 2010 foi suficiente que os chineses restrinxiran as súas achegas ao mercado xaponés, para que este país decidira de súpeto deixar libre e sen xulgar ao capitán dun barco pesqueiro chinés que se introduciu na área marítima das illas Daioyu (ou Senkaku, segundo Xapón), que ambos os dous países reclaman como propias e en cuxas proximidades sospeitase hai importantes reservas de gas e petróleo.

A chamada "a nova guerra do Século XXI", tamén involucrou ao presidente estadounidense Barak Obama quen anunciou o pasado 13 de marzo a presentación dun recurso legal ante a Organización Mundial do Comercio contra China, polas restricións ás exportacións de terras raras. Medida que contou co visto e prace da Unión Europea, e por suposto Xapón.

Na documentación entregada á Xunta de Galicia, Umbono Capital, manifesta abertamente ter interese en "captar" xacementos de terras raras "de clase mundial", ademais de España, no continente africano, nomeadamente en Mozambique, Sudáfrica e Burundi.

Os nomes das Terras Raras e as súas pegadas polo mundo en diante.

Segundo a Unión Internacional de Química Pura e Aplicada, os elementos que conforman as terras raras son o escandio, o itrio e o grupo dos lantánidos (lantano, cerio, praseodimio, neodimio, prometio, samario, europio, gadolinio, terbio, disprosio, holmio, erbio, tulio, iterbio e lutecio), e atópanse en rochas de bastnasita, didimio, monacita e loparita. Nomes que soan a chineses, e nunca mellor dito.

Nun informe de novembro de 2010 da Axencia Reuters, consignábase que en Baotou (China na raia con Mongolia), onde se extrae a metade das terras raras do mundo, un cheiro nauseabundo invadía a cidade circundante ao xacemento. Nel os obreiros gañan 1.100 yuanes (133 euros) por cada tonelada, traballando 12 horas ao día, "con poucos días libres cada dúas semanas", segundo a devandita crónica. Preto da cidade de Baotou -segundo Reuters-, onde o Grupo Baotou Steel Rare-Earth procesa os metais a gran escala, habitantes do lugar dixeron que "as toxinas resultantes estaban envenenando a auga, o aire, os cultivos e aos nenos".

O impacto da explotación das Terras raras no Galiñeiro segundo os colectivos sociais.

Os colectivos galegos que presentaron as súas alegacións ante a Xunta sinalan que o proxecto, ademais de vulnerar a ordenación urbanística dos concellos afectados, ataca a protección do solo rústico e o propio carácter do monte comunal que abrangue a serra. Agregan que as "10 cuadrículas mineiras solicitadas" para estudo, ameazan directamente aos núcleos tradicionais de Avelenda, O Saramagal e Figueiras, ademais das áreas lindeiras.

O informe de alegación, tamén sinala perigosos e nalgúns casos irreparables danos no patrimonio ecolóxico, paisaxístico, arqueolóxico, etnográfico e cultural do Galiñeiro, a prol dun proxecto que amosa, segundo os colectivos " un profundo descoñecemento da zona afectada e dos seus valores"

Por riba, estas alegacións deberon ser presentadas no mesmo momento en que tamén se atopa a exposición pública o informe final do parque eólico que a Xunta de Galicia proxecta nos montes do Galiñeiro. Cara coincidencia de datas e destinos, parque eólico e terras raras, dous "socios" omnipresentes nesta "nova guerra do Século XXI".