Sábado, 14 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O PP rexeita unha iniciativa socialista para incluír a Serra do Galiñeiro na Rede Natura 2000.

O PP rexeita unha iniciativa socialista para incluír a Serra do Galiñeiro na Rede Natura 2000.

Correo-e Imprimir PDF
galieiro_ao_fondo

- A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Parlamentario Socialista Carmen Gallego presentou unha iniciativa para incluír a Serra do Galiñeiro na actual ampliación da Red Natura 2000, a que foi rexeitada polos populares

-O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra asegura que unha vez rematado o proceso administrativo de adxudicación dos parque eólicos, "será escoitada a opinión dos veciños de Gondomar."

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Parlamentario Socialista Carmen Gallego propuxo na Comisión 7ª do Parlamento reclamar á Xunta, mediante unha Proposición, que inclúa na ampliación da Rede Natura 2000 que se está tramitando á Serra do Galiñeiro. A proposta foi rexeitada polo PP. Gallego durante a sesión do pasado mércores 1 de xuño, denunciou que "o Goberno de Feijoo favorece intereses particulares e empresariais en vez de defender o interese xeral". Pola súa banda, o Conselleiro Javier Guerra asegurou a Valminor.info que "se terá en conta a vontade da xente de Gondomar" á hora de resolver a instalación ou non de xeradores na serra.

Carmen Gallego presentou esta iniciativa coa intención de" protexer mais e mellor esta paraxe natural", e nese senso salientou o esforzo dos comuneiros por salvagardar este espazo. A deputada socialista criticou que a Xunta "unha vez mais esta tramitando con retraso e co risco de ser sancionada, a ampliación da Rede Natura 2000". Denuncia que tamén formulara a eurodeputada Ana Miranda (BNG) na súa visita a Baiona o pasado 13 de maio. Nese senso, Miranda informou que a devandita ampliación tiña que estar rematada a finais de 2010 e a Xunta non o fixo.

A máis, Gallego asegura que a proposta de ampliación xa estaba rematada e incluíase esta Serra dentro da Rede, pero denuncia que o Goberno de Feijoo “esta paralizando esta decisión sen ningún argumento convincente”.Asevera que a Xunta esta supeditando esta decisión a intereses relacionados con empresas privadas ou doutras Consellerías, e di que estes intereses non teñen nada que ver “coa protección ambiental e coa protección da Rede Natura”. A maiores puxo como exemplo a aprobación, no pasado mes de decembro no Consello da Xunta, o Plan de Ordenación Territorial e nas DOT, onde se excluíu premeditadamente unha figura que protexía a Rede Natura; ou mesmo na pasada semana a Xunta declarou de interese publico unha actividade económica “que non é publica senón privada”, co fin de burlar o artigo 6 da Directiva Hábitat e permitir instalacións industriais en zonas de Rede Natura con Hábitats de interese comunitario.

Para a Xunta de Galicia o tema debe resolverse ao finalizar o proceso administrativo.

O argumento esgrimido dende a Xunta por parte do Conselleiro de Economía e Industria Javier Guerra, é que de momento non se poden realizar modificacións no estatus da serra. Nun encontro durante a súa derradeira visita a Gondomar Guerra baseou a medida en que por estar aberto o proceso administrativo, relativo á adxudicación dos parque eólicos ás empresas que participaron no concurso, débese esperar a finalizar o trámite. Un proceso que Guerra definiu como longo e complexo. Unha vez rematado, a Xunta analizará as resultas dos informes das diversas entidades implicadas nos proxectos e "tomará en conta a vontade de Gondomar".

O conselleiro admitiu que dende Gondomar ningún membro do goberno municipal fixo de momento xestión algunha, das comprometidas ante o pleno especial celebrado no mes de xaneiro. Só lle entregaron a folla coa resolución do devandita xuntanza municipal e nada máis. Igualmente Guerra manifestou que Gondomar é unha terra á que o une a súa historia familiar, e onde a opinión dos veciños será escoitada no seu momento.

Hai especies ameazadas de extinción

Na súa intervención parlamentaria, Gallego advertiu que "hai anfibios e algunhas especies ameazadas de extinción e que só teñen presenza en ámbitos naturais non degradados" como a píntega rabilonga (chioglossa lusitanica), a patilonga ou a salamanquesa , entre outros. E preguntoulle si estes animais non teñen dereito a ser protexidos. Así as cousas afirmou que este espazo natural non ten ningunha figura de protección ambiental supra municipal aínda que linda co Parque Natural do Monte Aloia incluído na Rede Natura 2000.

Proposta ao Consello Galego de Medio Ambiente

Por ultimo aludiu a Proposta de ampliación da Rede Natura 2000 trasladada polo anterior Goberno do Bipartito ao Consello Galego de Medio Ambiente, na que se incluía a Serra do Galiñeiro, e di que a Xunta “esta ocultando este documento deliberadamente”, co fin de evitar que esas propostas de ampliación impidan desenvolver eses proxectos empresariais da Rede Natura 2000 "para defender os intereses privados que lle interesan ao PP".