Mércores, 16 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A III Andaina congregará a creadores e artistas do país xunto a unha multitude na defensa da Serra do Galiñeiro.

A III Andaina congregará a creadores e artistas do país xunto a unha multitude na defensa da Serra do Galiñeiro.

Correo-e Imprimir PDF
O-galineiro-total

-O escritor Manuel Rivas lerá un manifesto pola protección da Serra do Galiñeiro na III Andaina.

-Tino Baz, Cantareiras do Alba e Leo Arremecághona porán música as cumes da serra.

- Pepe Caccámo, Iago Castro, Silvia Penas, Oriana Méndez e Anxo Angueira ofrecerán un recital poético baixo as gallas do monte.

O Galiñeiro espera a terceira Andaina que percorrerá a súa xeografía o vindeiro domingo 13 de maio. A actividade enmárcase nos esforzos que leva adiante a Plataforma Pola Defensa da Serra do Galiñeiro, na procura de sensibilizar ao país da necesidade de preservar a súa riqueza natural dos intentos de transformarllo nun parque de xeradores eólicos. Nesta ocasión, ademais da multitude de persoas que adoitan participar das súas actividades, contarase coa presenza dun importante número de músicos e escritores que aportarán a súa arte ao evento.

A actividade dará comezo ás 10:30 horas co encontro dos participantes no aparcamento do campo de fútbol d'A Pasaxe, na parroquia de Vincios (Gondomar). Alí comezará "A Ruta da Auga", cun percorrido de 10 Km polas ribeiras do Río Zamáns e os afluentes que regan a serra.

Coa previsión de chegar sobre as 14:30 horas ao Parque Forestal do Galiñeiro, se fará un alto para que o escritor Manuel Rivas lea o manifesto a prol da conservación da serra como espazo natural. Posteriormente celebrarase un xantar compartido entre os participantes que poderán gozar dun recital poético de luxo a cargo dos escritores Pepe Caccámo, Iago Castro, Silvia Penas, Oriana Méndez e Anxo Angueira.

A actividade rematará cunha actuación musical a cargo de Tino Baz, Cantareiras do Alba e Leo Arremecághona.