Xoves, 26 Nov. 2020

Actualizado03:05:36 PM GMT

Estás en Canais Cultura Méndez Ferrín chamou a defender "ata a última mata de toxeira" na Serra do Galiñeiro.

Méndez Ferrín chamou a defender "ata a última mata de toxeira" na Serra do Galiñeiro.

Correo-e Imprimir PDF
mendez-ferrin-galineiro

Cun público que encheu as instalacións do Centro Cultural de Vincios, tivo lugar este xoves 27 de decembro do 2012, un espectáculo artístico no que foi presentado o libro Nós Galiñeiro, coa presenza do seu autor, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín. O evento contou coas actuación de dous grupos xurdidos nesta parroquia miñorana, o Coro Tradicional Cantares do Brión e Os Irmandiños de Vincios.

 

A profesora Purificación González, encargada da presentación do acto comezou a súa intervención agradecendo a tódalas persoas, músicos e colectivos que levan apoiando os traballos da Plataforma pola defensa da Serra do Galiñeiro . Nomeadamente, á parroquia de Vincios, da que salientou sempre foi a máis implicada na defensa do enclave. Destacou a importancia do esforzo de Antón García para a concreción do libro, dende a súa xestión para que Méndez Ferrín aceptara da iniciativa, como nas pescudas en hemerotecas e bibliotecas por moitos meses na busca e seleccións dos artigos que o compoñen.

Antón García, secretario da Plataforma, afirmou que a mesma naceu fai tres anos por dúas razóns " o medo e por outra parte o cariño". Nese senso explicou que inicialmente tratábase do medo "á desfeita" que produciría a instalación do polígono eólico na serra, ao que máis adiante agregouse o da explotación de terras raras, o que opinou, remataría por facer desaparecer o monte. Mais tamén o cariño ao Galiñeiro fixo que moitos veciños e colectivos decidiran xuntarse para facerlle fronte a esas ameazas para loitar contra elas e outras "antigas" como a colocación de canteiras mal xestionadas ou a plantación de especies arbóreas non acaídas para a biodiversidade que habita a serra.

 

Dim lights Embed Embed this video on your site

"Este mangado de artigos de Méndez Ferrín falan de vos" asegurou Carlos Méixome (director do Instituto de Estudos Miñoranos), aos veciños de Vincios que se atopaban no acto. Lembrou que a serra animou cos seus ventos a que esta parroquia fora terra de músicos, e desexou que "as talaveiras" que queren instalar non terminen por aterrar pois só escoitaríase entón o ruído das súas aspas. Tamén recordou que o Galiñeiro foi refuxio para os fuxidos da represión franquista e "fonte de vida" para os seus veciños, na medida que del sacaron durante anos recursos para a súa subsistencia. Nembargante salientou que "pola vida tamén hai que pelexar" e afirmou "para iso estamos, para pelexar por esa vida".

Finalmente, Méndez Ferrín agradeceu ao público por xuntarse en torno a "esta idea", porque salientou "o importante non é este libro que recopilou a Plataforma e editou o IEM", senón por estar entorno a "un ideal". O presidente da RAG afirmou que hoxe estábase en Vincios pola "indignación" que xurde nas persoas nestes tempos "dunha realidade social complexa, contraditoria, dramática". "Estamos preocupados pola fame, pola miseria, pola desgraza das persoas. Estamos indignados profundamente pola opresión capitalista. Estamos horrorizados polo poder do capital financeiro". Un capitalismo que asegurou "está morrendo", pero que salientou "antes quere levarnos a todos por diante, está sendo máis predador e máis cruel que nunca".

Neste sentido fustigou a "ameaza a esta marabilla que é a Serra do Galiñeiro", aos seus cabalos, a invasión das pedreira salvaxes na parroquia de Morgadáns, a apertura de pistas innecesarias no monte, a plantación indiscriminada de eucaliptos e piñeiros que acaban coa biodiversidade da zona. Máis "aínda así O Galiñeiro subsiste", afirmou.

Nembargante sostivo que a ameaza que chega cos muíños e as terras raras "é terrible". Preguntouse que "se son tan bos por que non os poñen a carón dos chalets onde viven na Costa Azul ou en Canes". Agregou que se a enerxía que producen "é tan ecolóxica e tan inocua por que non a levan as súas casas?". Asegurou que estas intervencións no Galiñeiro rematarán por destruír o monte só "se se os permitimos facer". Finalmente chamou a defender "ata a última mata de toxeira" na Serra.