O vindeiro sábado, 9 de abril as 19:00 horas no Antigo Convento de Santo Domingo, rúa Antero Rubín, en Tui se celebrará a conferencia " Xeopatrimonio da Serra do Galiñeiro - Monte Aloia" dirixida polo Clube Expeleolóxico Maúxo e o Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal. A conferencia constará de dúas partes, na primeira o tema a desenvolver será a " Orixe xeolóxica", que correrá a cargo do especialista Juán Ramón Vidal Romaní, Catedrático de Xeoloxía da Universidade de A Coruña . Posteriormente o presidente do Clube Espeleolóxico Maúxo, Marcos Vaqueiro Rodríguez presentará o tema "As Covas: Tesouros xeolóxicos baixoterreños inéditos" .
O coloquio forma parte da axenda de actividades do colectivo de asociación agrupadas na Plataforma pola protección da Serra do Galiñerio. A devandita organización considera " que a iniciativa levada a cabo no ano 2008 de facer que o Galiñeiro ampliase o espazo natural protexido que representa o Monte Aloia, ten cada día máis argumentos. Así o faremos saber na conferencia que este sábado vai ter lugar en Tui" afirman. A conferencia ten por obxectivo sensibilizar á poboación que "a pesar de que Terra do Vento teña asignado un polígono eólico nesta serra, no momento de presentar o proxecto eólico o seu Informe de Impacto Ambiental terá que facer fronte a moitos valores descubertos e outros pendentes de poñer en valor." Entre eles, a Plataforma destaca "As covas e abrigueiros do Galiñeiro" dos que explican qu a súa importancia "radica na abundancia delas nesta serra, na peculiaridade que supoñen estas covas en terreos graníticos, nos que son escasas en contraposición á abundancia delas en terreos calíos."
A presentación da cova "ata de agora inédita" e que sería a segunda de maior tamaño de Europa.
Neste caso, Marcos Vaqueiro Rodríguez, presidente do Clube Espeleolóxico Maúxo explicará as particularidades das estalactitas e estalagmitas nas oquedades do granito, e os típicos minerais que se depositan nestas condicións. O especialista tamén amosará a presenza dentro delas de ADN bacteriano fosilizado e disertará sobre o patrimonio arqueolóxico que albergan estas cavidades e sobre o patrimonio etnográfico que supoñen as lendas asociadas aos múltiples abrigueiros naturais que hai por todo o Galiñeiro. Son coñecementos estes, que se veñen a engadir aos xa amosados no ano 2005 nun libro titulado “As covas de Vincios”.
Os organizadores anuncian a presentación do descubrimento dunha cova" ata o de agora inédita, e que ven supoñer a segunda máis grande de Europa, despois da de Boda Grottona en Suecia, e quedando por diante da do Folón en Coruxo, Vigo, que pasa a ser a terceira máis longa de Europa". Aseguran que a conferencia permitirá aos participantes facer un "percorrido virtual por un río baixoterreño, e as súas fervenzas, labrado na rocha magmática dende hai dous millóns de anos."
Para situar neste escenario natural aos asistentes, o investigador do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, catedrático da Universidade da Coruña, X.R. Vidal Romaní explicará a orixe xeolóxica do Galiñeiro "retrotraéndonos 400 millóns de anos", e dará conta de como evolucionaron e seguen a evolucionar as formas xeolóxicas desta rexión. " Non en van o Galiñeiro alberga ata nove tipos distintos de rochas e ata trinta tipos distintos de minerais, algúns deles únicos pola escaseza e as súas propiedades, tal é o caso da astrofilita ou da riebeckita",informan dende a Plataforma.