Martes, 15 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O BNG de Gondomar insta ao Concello a negar autorización administrativa ao parque eólico no Galiñeiro.

O BNG de Gondomar insta ao Concello a negar autorización administrativa ao parque eólico no Galiñeiro.

Correo-e Imprimir PDF
O-galineiro-total

-O BNG reclama do Concello de Gondomar que inste ao Consello da Xunta de Galiza a que declare negativa a autorización administrativa do proxecto de execución do parque eólico do Galiñeiro

 

O BNG de Gondomar presentou no Rexistro do Concello unha moción para reclamar que o Concello se dirixa ao Consello da Xunta coa finalidade de que declare negativa a autorización administrativa do proxecto de execución do parque eólico da Serra do Galiñeiro, así como a denegación da declaración de utilidade pública.

Os nacionalistas amosan a súa preocupación pola "preservación dos valores e funcións económicas, ambientais e sociais do monte, evitando o impacto ambiental critico sobre a paisaxe e o patrimonio natural e cultural que produciría a instalación dun Parque eólico no Galiñeiro".

Nesta moción o BNG tamén reclama que se apoie a tramitación da área protexida e a súa incorporación ao Parque Natural do Aloia.

Esta moción, sinalan, foi presentada dentro da campaña iniciada por todos os concellos da comarca de Vigo afectados por este parque eólico: Gondomar, Mos, O Porriño e Vigo, co obxecto de acadar unha decisión política do Consello da Xunta que atenda as demandas da poboación afectada que, a través de diversos medios, está a facer chegar a súa posición contraria á instalación deste parque.

De feito, o pleno do Concello de Gondomar xa aprobou por unanimidade no pleno do mes de novembro expresar a súa oposición ao proxecto, presentar alegacións ao mesmo e facilitar a presentación das mesmas por particulares.

A moción do BNG vén complementar a decisión adoptada, requirindo de quen ten competencias plenas, o Consello da Xunta, a paralización definitiva do proxecto por medio dunha denegación de autorización.

O BNG, "agarda que o Alcalde de Gondomar, na súa calidade de presidente do Pleno, teña a sensibilidade de levar ao Pleno esta moción, tramitando unha demanda que apoia unha parte importante da cidadanía de Gondomar. Tamén porque de acordo cos resultados electorais, mesmo nas pasadas eleccións galegas, o BNG debería estar representado nese organismo municipal".