Mércores, 16 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O Novo Proxecto Común do Val Miñor e Oia convoca á cidadanía a participar da III Andaina polo Galiñeiro.

O Novo Proxecto Común do Val Miñor e Oia convoca á cidadanía a participar da III Andaina polo Galiñeiro.

Correo-e Imprimir PDF
npc-1-de-maio-vigo-dia-trab

O Novo Proxecto Común do Val Miñor e Oia comunicou a través do seu portavoz Xosé Antonio Araúxo o seu apoio á III Andaina organizada pola Plataforma Pola Defensa da Serra do Galiñeiro. O evento, que terá lugar na mañá do vindeiro domingo 13 de maio, ten por obxectivo central rexeitar a instalación dun parque eólico na emblemática serra miñorana. O NPC convocou este venres aos seus simpatizantes e a cidadanía en xeral a participar da andaina reivindicativa da serra como espazo natural a protexer.

 

"Para o NPC do Val Miñor-Oia, hai unha serie de espazos emblemáticos na nosa Comarca sobre os que o consenso sobre a súa protección debería ser incuestionable", opinou o ex alcalde de Gondomar e actual concelleiro nacionalista, Araúxo. " A Serra do Galiñeiro é un deles, mais tamén Monteferro, a Foz do Miñor, as praias do Val Miñor, a Serra da Groba e a Fraga de Oliveira, entre outros", engadiu.

A nova agrupación nacionalista (formada por escindidos do BNG, PSOE e independentes da bisbarra), entende que a Serra do Galiñeiro é "un enclave natural de primeira orde" polo que debería formar parte dunha ampliación do Parque Natural do Monte Aloia. Nese senso, Araúxo sinalou que "cónstanos que xa hai estudos e proxectos feitos no seu día pola Xunta de Galicia que non foron mal recibidos polas partes implicadas, a falta de melloralos por medio de conversas e negociacións."