Naufraga na Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia unha proposta da deputada do BNG, Carmen Adán na que solicitaba a figura de parque natural para a serra do Galiñeiro, así como a anulación do proxecto eólico e a posibilidade de realizar catas mineiras no enclave. Santiago Freire foi o encargado en nome do PP de fundamentar a negativa á iniciativa nacionalista (que contaba co apoio do resto da oposición), sinalando que "Non podemos aceptar o emprego do procedemento de declaración dun parque natural como ferramenta para frear iniciativas que xa dispoñen de regulación suficientemente garantista no terreo ambiental".
O voceiro popular afirmou que "É posible compatibilizar a referida actividade eólica coa preservación dos valores económicos, ambientais e sociais do monte", deixando en claro que para o goberno do PP " o enclave non se adecúan aos criterios recolleitos na Lei 9/2001 de conservación da natureza, polo que non se considera unha prioridade" protexerllo integrándoo á figura da Rede Natura 2000 que se solicitaba por parte da oposición.
Finalmente o deputado popular propuxo a figura de "espazo de interese local", por entenderlla máis adecuada á realidade do enclave. Unha figura que non impide ningunha das intervencións que a proposta de Carmen Adán quería evitar.
De momento o procedemento administrativo para a instalación dos 13 aeroxeradores segue adiante , así como a tramitación das solicitudes para desenvolver catas mineiras para a explotacións mineiras no enclave.