Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar 2000 persoas reclamaron xunto a Méndez Ferrín a protección da Serra do Galiñeiro.

2000 persoas reclamaron xunto a Méndez Ferrín a protección da Serra do Galiñeiro.

Correo-e Imprimir PDF
Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, reclamou protección para a Serra do Galiñeiro por parte das administracións.(imaxe, Xilberte Manso)

A segunda andaina pola Serra do Galiñeiro convocou a cerca de 2000 persoas que reclamaron a protección deste espazo natural e a súa inclusión dentro do Parque Natural Monte Aloia, o pasado domingo 18 de setembro. Algo máis da metade dos concorrentes participaron dunha percorrida de dez quilómetro pola serra. O resto dos participantes esperou a chegada dos camiñantes para participar da lectura dun manifesto a cargo de Xosé Luis Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, na que salientou a necesidade de protexer este patrimonio natural por parte das administracións galegas.

No transcurso da xuntanza non só expresouse o rexeitamento ao previsto parque eólico (en fase de tramitación na Xunta de Galicia), senón tamén o reclamo de ampliación do Parque Natural do Monte Aloia, para que inclúa a Serra do Galiñeiro na Rede Natura 2000. No manifesto lembrouse que fai tres anos o conselleiro de Medio ambiente e os alcaldes da zona anunciaron dita ampliación. «Foi unha declaración baleira», afirman, á vez que recordan que a día de hoxe só os concellos de Vigo e Porriño clasifican nos seus plans urbanísticos as súas respectivas partes de serra como chan rústico de protección de espazos naturais. Protección tamén anunciada polo Concello de Gondomar, no seu PXOM, aínda non aprobado.

A defensa do patrimonio xeolóxico, etnográfico e biolóxico do Galiñeiro, así como as numerosas pegadas que aínda amosan a presenza humana dende épocas prehistóricas foron algúns dos valores que a Plataforma Pola Defensa da Serra do Galiñeiro, salientou como bases das reivindicacións. A utilización da serra como parque industrial, advertiron, poñerá en perigo tesouros como o conxunto de petróglifos de Agua da Laxe (Vincios) e as mámoas de Chan das Moutas (Prado, Morgadáns). Esta intervencións tamén prexudicaría actividades das comunidades de montes locais, como a explotación silvícola, gandeira, micolóxica, etc., informouse durante a xornada.

Polbo preparado na propia serra e pratos achegados polos participantes, vestiron unha festa gastronómica que se prolongou ata a tardiña. Animaron o encontro a charanga A vaca pinta e o Coro Tradicional Cantares do Brión. A actividade estivo a cargo da Plataforma Pola Defensa da Serra do Galiñeiro, integrada por máis de trinta organizacións de carácter cultural, ecolóxico, académicas e deportivas.

Dim lights Embed Embed this video on your site