Un xaneiro quente se aveciña en Morgadáns. A próxima semana se debaterá na Xunta Veciñal a presunta aprobación ilegal do orzamento 2010, unha morea de alegacións das contas xerais dos exercicios 2007 a 2009, a posición da Entidade sobre o parque eólico na Serra do Galiñeiro e por si fora pouco o informe do presidente Urbano Esmerode (PP) sobre a querela presentada contra o goberno municipal de Gondomar presidido por seus propios compañeiros de partido. A precisión da data da reunión será anunciada no correr desta semana, segundo dixo Esmerode a Valminor.info.
A pesar que na pasada xunta de veciños do 19 de novembro a administración dirixida por Urbano Esmerode lograba sacar adiante de forma inicial a aprobación das contas xerais de tres exercicios atrasados e mais do orzamento 2010, os grupos políticos xa sabían que o único que se lograba era postergar a tormenta por uns meses mais e só iso. De feito durante tódala devandita sesión a batería de enquisas e críticas presentadas polo vocal Xaime Lucilde (BNG) sobor as contas xerais de tres anos consecutivos e mais o orzamento non tiveron resposta da mesa presidida por Esmerode. Coa afirmación pública e consensuada de achegar a documentación pertinente a Lucilde para que o vocal opositor fixera as alegacións durante o período de exposición pública tanto das contas xerais 2007, 2008 e 2009, como do orzamento 2010, quedaba todo disposto para dar o debate final no seguinte pleno da entidade. A sorpresa xurdiu cando o pasado 30 de decembro o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOP) publicaba un anuncio da Entidade Local Menor de Morgadáns informando da aprobación definitiva do devandito orzamento de máis de 400 mil euros pola non presentación de alegacións.
Alegacións: dous versións opuestas.
Valmiñor.info dialogou co vocal nacionalista Xaime Lucilde quen afirmou haber presentado unha alegación en tempo e forma, da que asegurou ter a documentación probatoria. Ademais dixo ter información de polo menos dúas alegacións máis feitas por veciños da parroquia. Para o representante nacionalista estase fronte a unha manobra coas datas que ten como consecuencia eximir á maioría popular dun pleno onde tiveran que responder aos veciños antes de aprobar o orzamento. Os nacionalistas tamén sinalan irregularidades na publicación no BOP, pois o anuncio non da conta de todo o orzamento completo como obrigan as normas. Desta maneira por exemplo no se ten información sobor foron corrixidas as inclusións dalgunhas inversións xa feitas en exercicios anteriores e que na presentación do orzamento 2010 amosábanse como investimentos a facer.
Pola súa banda, Urbano Esmerode afirmou que o orzamento 2010 quedo aprobado definitivamente ao esgotarse o prazo de exposición ao público sen que se presentase alegación algunha. Consultado polas existencia de alegacións formuladas por nacionalistas e outros veciños, Esmerode admitiu só a dosnacionalista pero informou que foi desestimada por rexistrarse despois de rematado o prazo legal.
Sen embargo, anunciou para a próxima semana unha nova xunta veciñal pois as alegacións contra as contas xerais dos exercicios 2007 e 2008 si foron rexistrados no prazo legal, informou Esmerode.
Parque eólico e querela contra o Concello de Gondomar.
Morgadáns é a única parroquia das afectadas no Concello de Gondomar polo proxecto eólico na Serra do Galiñeiro que non fixo manifestación pública da súa posición. De feito, o seu presidente Esmerode dixo apenas anunciada a adxudicación do parque á empresa Terra do Vento S.R.L. que desexaba que a parroquia obtivese unha boa cantidade de cartos nas negociacións, pero ao mesmo tempo matizou que buscaría o asesoramento necesario antes de facelo. Na mesma entrevista asegurou que intentaría tomar a decisión de común acordo coa oposición, "dentro do posible".
Por parte dos nacionalistas a posición respecto ao tema é clara: non queren ningún aeroxerador na Serra do Galiñeiro. Así o manifestaron no pleno municipal de Gondomar e tamén é a posición que levará Xaime Lucilde a xunta veciñal de Morgadáns.
Por último en relación co recurso contencioso administrativo presentado por Esmerode contra a administración do tamén popular Martín Urgal, na mesma a Entidade reclama a non inclusión no orzamento 2010 de Gondomar da partida correspondente á parroquia polo 25% da recadación dos impostos que pagan os seus veciños ao Concello, e que por lei deben entregarse a Morgadáns.
Sobre este punto Valminor.info consultou a concelleira e portavoz do PP Gondomar, Natalia Salgueiro, quen admitiu que a medida foi tomada pola non inclusión da previsión dese pagamento no orzamento 2010 do Concello. Sen embargo matizou que as relacións con Urbano Esmerode son óptimas e a iniciativa legal foi realizada polo rexedor de Morgadáns para deixar constancia formal do reclamo: "porque hoxe estamos nós e mañá non se sabe".
A concelleira Salgueiro confirmou que a parroquia de Morgadáns recibiu a suma de 245.419 euros durante o 2010 por débedas atrasadas coa Entidade ata o ano 2009. Tamén informou que o goberno tripartito se comprometeu a abonar o correspondente ao ano 2010 no primeiro trimestre do 2011. Se ben as contas non están feitas a cifra rolda os 40 o 50 mil euros segundo as estimacións da concelleira. De feito o próximo venres ás 9 horas terá lugar o pleno ordinario do Concello de Gondomar onde posiblemente a oposición nacionalista pida información sobre ese compromiso.