Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Os socialistas das Rías Baixas xuntáronse en Gondomar para traballar a prol da defensa da Serra do Galiñeiro.

Os socialistas das Rías Baixas xuntáronse en Gondomar para traballar a prol da defensa da Serra do Galiñeiro.

Correo-e Imprimir PDF
Os socialistas das Rías Baixas na reunión de traballo celebrada en Gondomar xunto con representantes da C.M. de Vincios.

A portavoz de Medio Rural do Grupo Parlamentario Socialista, Sonia Verdes, mantivo hoxe un encontro de traballo cos candidatos socialistas de Gondomar, Juan Francisco Ferreira e de Porriño, Ivan Vaqueiro, e tamén cos candidatos das Entidades Locais Menores de Chenlo, Morgadans, Bembibre e Tui para analizar a concesión da instalación dun parque eólico na Serra do Galiñeiro. Nesa xuntanza os socialistas acusaron ao goberno de Feijoo de permitir instalar unha empresa éolica no monte veciñal sen escoitar os intereses dos veciños de Gondomar, Vigo e Porriño. A portavoz de Medio Rural do Grupo Parlamentario Socialista Sonia Verdes afirmou que "o Goberno de Feijoo demostra que antepón unha vez mais un modelo puramente económicista que defende o PP, por enriba do interese social e cultural do monte neste caso o monte veciñal de Vincios". Pola súa banda o candidato anfitrión Francisco Ferreira acusou ao goberno tripartito de Gondomar de non enviar na actual redacción do PXOM que ten a estudo a Xunta de Galicia, as figuras de protección ao monte anunciadas no pleno monográfico de xaneiro. Ferreira desafiou "ao goberno abstracto de Gondomar, que non se sabe a que partido responde agora", a que de unha posición clara e firma sobre si está a prol ou en contra do reclamo dos veciños de Vincios.

Verdes explicou que a pasada semana o Grupo Socialista levou ao Parlamento unha iniciativa co fin de que a Xunta declararse a prevalencia dos valores e do interese social e público do monte veciñal en man común, segundo a Lei 13/ 1989 de Montes Veciñais en Man Común, fronte á utilidade pública do parque eólico de 39 MW que a Consellaría de Economía e Industria adxudicou á empresa Terra de Vento SL para a súa instalación na Serra do Galiñeiro, de xeito que se atendan as alegacións presentadas nese senso, nomeadamente as propostas pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vincios, e aqueles acordos contrarios á instalación do parque eólico.

Os socialistas tamén esixen que see teñan en conta os impactos ambientais negativos respecto da instalación do parque eólico na Serra do Galiñeiro tendo en conta o seu valor xeolóxico, arqueolóxico, medioambiental e paisaxístico, e o seu alto valor cultural e social. Ademais reclaman que se recoñeza a Serra do Galiñeiro como zona de especial conservación, para ser declarada Lugar De Interese Comunitario dentro da Rede Natura 2000.

A parlamentaria sinalou que a asociación de veciños de Vincios, diversos colectivos e axentes locais e os grupos políticos dos Concellos afectados de Gondomar e Vigo están en contra da instalación do parque eólico na Serra do Galiñeiro, e defenden que debe prevalecer o interese social do monte veciñal por enriba da utilidade pública do aproveitamento eólico, e subliñou que hai un acordo da Asemblea da Comunidade de Montes veciñais en man común de Vincios en contra da instalación nos seus montes do parque eólico.

Lei de Montes

Así as cousas argumenta que a propia Lei de Montes veciñais en man común 13/1989 establece no artigo 6 que os montes veciñais só poderán ser obxecto de expropiación forzosa ou impoñérselles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalentes aos dos propios montes veciñais en man común, interese que defende a CMVMC de Vincios nun monte que pola instalación do parque eólico se ven afectadas 420 ha das 628 ha totais.

A deputada replica que a Serra do Galiñeiro é un referente polo alto valor medio ambiental, paisaxístico e xeolóxico pola súa orografía e a elevada altitude das súas cumes e as súas formacións rochosas a apenas 700 metros do mar, nas que destacan a fortaleza de Gallas do Galiñeiro, as mámoas dos Bermú e os conxuntos de petróglifos da Raíz, Valverde de Arriba, os Bermús e Auga da Laxe onde se atopa un dos mais importantes de Galicia.