Nin parque eólico nin minería extractiva a ceo aberto no Galiñeiro é a proposta que os cinco concelleiros nacionalistas (non adscritos) defenderán no Pleno do Concello de Gondomar na vindeira sesión do 8 de novembro. A defensa do entorno natural da serra a levarán adiante a través de dúas mocións asinadas polo ex alcalde Antonio Araúxo quen adiantou nesta xornada a presentación das mesmas.
Proposta para fornecer a oposición municipal á instalación do parque eólico.
Se ben a oposición á instalación do parque eólico na Serra do Galiñeiro xa foi adoptada polas autoridades municipais en xaneiro de 2011, esta limítase ás infraestruturas que afectarían a parroquia de Vincios. Daquela, xa a formación nacionalista solicitara a súa ampliación do acordo para todo o territorio que ocupa a serra, reivindicada como anexo do Parque Natural do Monte Aloia.
O posta a información pública dos documentos de Estudo ambiental, do Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (que quita competencias ás administracións locais) e a pretendida "Declaración de utilidade pública" que gozará o parque (permitindo a expropiación forzosa dos terreos), por parte da Xunta, torna urxente, a opinión dos nacionalistas, un novo pronunciamento contrario ao proxecto eólico.
Nos antecedentes que presenta a moción, os nacionalistas sinalan que " a día hoxe, lonxe de se conxurar semellante ameaza contra un dos principais elementos naturais e patrimoniais de Galiza localizado en parte no noso Concello, a maiores de facer caso omiso da opinión unánime e reiterada desta Corporación Municipal e de outras da Comarca, así como das alegacións de ducias de colectivos sociais ou de miles de persoas a título individual, o Goberno da Xunta de Galicia, prefire apoiar o negocio particular dunha empresa, Terra do vento S.L. (filial da multinacional Norteamericana Element Power España S.L.), que defender o ben común e o verdadeiro interese xeral."
Nese senso, a moción de Araúxo reclama reiterar a oposición da Corporación Municipal á instalación do Parque Eólico na Serra do Galiñeiro, proceder á formulación por parte do Concello de Gondomar de "cantas alegacións sexan posibles contra o obxecto motivo desta información pública". Ademais, propón poñer ao dispor dos afectados polas posibles expropiacións os recursos técnicos e xurídicos que a tal efecto poida dispoñer o Concello de Gondomar, así como trasladar o acordo á Consellaría de Economía e Industria da Xunta de Galicia.
Os nacionalistas pedirán ao Pleno que se pronuncie en contra das catas de terras raras na serra.
Co respecto ao permiso para realizar catas de "terrar raras" en 100. 000m2 da serra, solicitada pola multinacional Umbono Capital á Xunta de Galicia, os nacionalistas pronunciaranse en contra. Polo cal solicitarán o Pleno "Manifestar enerxicamente a oposición da Corporación Municipal de Gondomar á realización das devanditas catas e a calquera proxecto futuro de minería do tipo que sexa". Nese senso promoverán a formulación por parte do Concello de Gondomar das alegacións "que sexan precisas co obxectivo de impedir a implantación do citado proxecto de minería na Serra do Galiñeiro".